Notas de prensa

A USC eloxia o compromiso ético coa terra de Francisco Fernández del Riego

“Testemuño de integridade cívica, de compromiso con Galicia e de resistencia activa, indomable, contra o totalitarismo”. Con estas verbas definiu o catedrático da USC Henrique Monteagudo a figura do que foi estudante e profesor da institución compostelá, Francisco Fernández del Riego, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Nun acto presidido polo reitor Antonio López, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o profesor Monteagudo percorreu a traxectoria do homenaxeado e a súa “fidelidade estrita aos ideais galeguistas”.

No ano académico 1933-1934, Francisco Fernández del Riego, naquela altura estudante universitario, interveu no acto de apertura de curso da USC cun, en palabras de Henrique Monteagudo, “épico discurso”. Co gallo da celebración do Día as Letras Galegas na institución compostelá, o reitor aproveitou para anunciar que a USC retomará no vindeiro curso, tal e como fixo o propio Del Riego, esta tradición segundo a cal un/unha representante do alumnado intervirá cada ano nestas cerimonias de inauguración. “É tempo de que o estudantado teña a voz que se merece nos actos da Universidade”, afirmou Antonio López para despois lembrar que o alumnado é tamén a “esencia” da institución universitaria. Del Riego foi o último alumno da USC en pronunciar un discurso nesta cerimonia solemne.

Alén do reitor e de Henrique Monteagudo, tamén participaron no acto o director do departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás; o vicerreitor de Profesorado, Ernesto Xosé González Seoane; e a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. “Del Riego é unha figura absolutamente fundamental para comprender a cultura galega e a Galicia do último século. Unha longa vida ateigada de compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura. Oitenta anos de innúmeros servizos prestados ao país, ao seu xeito rebelde, teimoso e entusiasta, cheo dun infinito compromiso ético coa terra, case tan grande como o seu interese pola cultura universal”, subliñou o profesor Cidrás no seu discurso. O acto contou tamén coa intervención de Xosé Manuel Salgado Rodríguez, que introduciu a lectura de textos do autor a cargo de estudantes do grao en Lingua e Literatura Galegas.

“Xustiza poética”

Francisco Fernández del Riego ingresou na Real Academia Galega en 1960. Tres anos máis tarde, presentaba nesta institución a proposta de instaurar o Día das Letras Galegas que neste 2023 serve para renderlle tributo, feito que “ten algo de xustiza poética”, en palabras do profesor Monteagudo. Esta celebración serve para enaltecer as múltiples facianas de Del Riego: xestor e dinamizador cultural, ensaísta, creador literario, articulista de prensa e prosa didáctica e divulgativa, en definitiva, “un impulsor, un realizador, un tecedor e mantedor de redes”, afirmou o profesor da Facultade de Filoloxía.

Os anos da IIª República coinciden practicamente para Del Riego, co seu paso pola USC, onde fixo carreira de 1931 a 1936. Ao rematar os estudos de Dereito que iniciara en Madrid no curso 1930-1931, comezou a exercer como profesor, “ata ser depurado por orde das autoridades golpistas, do mesmo xeito que aconteceu cunha manchea de profesores, maiormente, os máis novos e os máis valiosos da nosa Universidade”, sinalou Henrique Monteagudo. “Neste curto pero intensísimo período, Del Riego destacou en tres facetas, na realidade intimamente vencelladas entre si: dirixente estudantil, activista cultural e militante galeguista”, engadiu.

Ademais, nada máis chegar a Compostela, Del Riego incorporouse ao Seminario de Estudos Galegos e tamén cursou estudos de Filosofía e Letras. O profesor Monteagudo explicou como “o foco central do activismo do noso autor en relación coa Universidade non foi outro que a súa galeguización, entendida tanto no sentido da orientación dos seus estudos como da formación dos seus estudantes, e, especificamente, de acollida do idioma galego na súa docencia, as súas publicacións e as súas actividades”.

Libro de homenaxe

A USC tamén se suma á homenaxe que o Día das Letras Galegas 2023 rende á figura de Francisco Fernández del Riego a través da obra Francisco Fernández del Riego. Ao meu xeito rebelde, editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC e presentada este venres 12 no Colexio de Fonseca. O lema ‘Ao meu xeito rebelde’ define como o propio Fernández del Riego consideraba a súa actitude vital. Nacido en Vilanova de Lourenzá, o 7 de xaneiro de 1913, a súa figura “proxecta unha luz inmensa sobre a cultura galega contemporánea, como intelectual, editor, ensaísta e activista”, tal e como afirman dende a coordinación da obra que corre a cargo de Henrique Monteagudo e de Xosé M. Salgado. Este libro pon o foco na súa traxectoria como líder dun efervescente movemento estudantil durante os anos de entusiasmo republicano. A obra conta con textos de Camiño Noia Campos, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes e Ramón Nicolás Rodríguez, alén das achegas dos propios coordinadores.

Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Francisco Fernández del Riego foi un loitador cultural incansable e unha das figuras centrais do galeguismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica: a comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001). Del Riego finou en Vigo no ano 2010.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-05-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (wos-festival-2025.jpg) A novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reunirá 26 proxectos de música electrónica e experimental contemporánea, con propostas que transitan pola composición electroacústica, a música de club, a improvisación, a performance audiovisual e diferentes formatos híbridos. A programación destaca ademais pola súa dimensión internacional e polo carácter inédito de boa parte das propostas. Así, 13 dos 26 proxectos da programación principal chegarán a Santiago sendo estreas en España. Entre eles figura a presentación mundial do novo concerto audiovisual de Blood of Aza.
Foto de la tercera plana (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.

Notas

Charo Lopes (Boiro, 1988) é a gañadora do XXIII Premio González Garcés de Poesía, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra 'O diálogo das siamesas', presentada baixo o seudónimo de María Dolores Oliveira. Charo Lopes é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (2010), titulada superior en Fotografía Artística pola ESAD Antonio Faílde (2012) e Máster en Literatura, Cultura e Diversidade pola Universidade da Coruña (2018).
Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES