Noticias

A nova edición do WOS Festival converterá Santiago de Compostela en punto de encontro para a música electrónica e contemporánea

A novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reunirá 26 proxectos de música electrónica e experimental contemporánea, con propostas que transitan pola composición electroacústica, a música de club, a improvisación, a performance audiovisual e diferentes formatos híbridos. A programación destaca ademais pola súa dimensión internacional e polo carácter inédito de boa parte das propostas. Así, 13 dos 26 proxectos da programación principal chegarán a Santiago sendo estreas en España. Entre eles figura a presentación mundial do novo concerto audiovisual de Blood of Aza.

Santiago de Compostela volverá converterse do 11 ao 13 de setembro nun punto de encontro para a creación sonora contemporánea coa celebración da novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia. Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia apoian esta nova edición dunha das citas de referencia europea no ámbito da música electrónica e experimental, que reunirá 26 proxectos artísticos ao longo de tres xornadas e en diferentes espazos da cidade.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación do evento e destacou o papel de WOS como exemplo da capacidade da cultura para xerar fluxos turísticos e proxectar Galicia fóra das súas fronteiras. Neste sentido, sinalou que “WOS demostra que unha programación cultural especializada e de dimensión internacional pode converterse nun motivo para viaxar a Santiago”, ao tempo que puxo en valor que “máis da metade do público da pasada edición, o 52 %, procedía de fóra de Galicia, o que evidencia a importancia do festival para o turismo”. A dimensión internacional do público reforza así o papel do festival como foco de atracción de visitantes para Santiago, especialmente entre os públicos interesados na vangarda musical.

Gómez Román subliñou tamén que “os Concertos do Xacobeo apostan por iniciativas coma o WOS, que amplían a oferta cultural de Galicia e contribúen a diversificar os motivos polos que visitar as nosas cidades”. Así mesmo, puxo en valor a capacidade do festival para integrar a creación contemporánea en espazos singulares de Santiago, “xerando unha experiencia cultural na que a música dialoga coa arquitectura e o patrimonio dunha cidade universalmente recoñecida”.

Música, creación contemporánea e patrimonio

A novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reunirá 26 proxectos de música electrónica e experimental contemporánea, con propostas que transitan pola composición electroacústica, a música de club, a improvisación, a performance audiovisual e diferentes formatos híbridos.

A programación destaca ademais pola súa dimensión internacional e polo carácter inédito de boa parte das propostas. Así, 13 dos 26 proxectos da programación principal chegarán a Santiago sendo estreas en España. Entre eles figura a presentación mundial do novo concerto audiovisual de Blood of Aza, así como as presentacións en España de novos traballos e espectáculos de artistas como Ana Roxanne, Ben Vince, Juli Deák, Midori Hirano, Shackleton, SKY H1 ou Tujiko Noriko.

O cartel complétase, entre outros, con nomes como Artur M. Puga & Sevi Iko Dømochevsky, Demdike Stare, Eerie Enterprise —proxecto de Piezo e upsammy—, HHY & The Kampala Unit, JASSS, Lee Gamble, Mor Elian, Paul Jebanasam, Polygonia, Slikback feat. maltdisney & Tasya, Space Afrika, Visible Cloaks e Yu Su.

Ao longo das tres xornadas, o festival volverá distribuír a súa programación por diferentes espazos de Santiago de Compostela, integrando igrexas, teatros, edificios patrimoniais, museos, salas e outros lugares da cidade na propia experiencia artística. Deste xeito, WOS establece un diálogo entre as propostas máis vangardistas da creación contemporánea e a arquitectura e o patrimonio composteláns, nunha cidade declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade, con máis de 190 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 80 localidades de toda Galicia.

R., 2026-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES