
A Universidade da Coruña, a través do Servizo de Publicacións que depende da Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte, en colaboración con outras entidades (Xunta de Galicia, Concello da Coruña, Gadis e In the Corner), vén de publicar o cómic Irene a porteira, realizado por Xulia Pisón, autora de cómics e debuxante, e Óscar Losada, xornalista especializado en temas de cultura e deporte.
O cómic rescata a historia de Irene González Basanta, unha coruñesa que xogou ao fútbol nos anos vinte do pasado século. Tal e como sinala Óscar Losada o de Irene González é un caso único no mundo. Na década dos vinte do século pasado foi a primeira rapaza que rompeu barreiras no fútbol, ao se converter na porteira e capitá do equipo masculino coruñés ao que deu nome: o Irene F.C..
As crónicas deportivas da época destácana como boa porteira e sinalan que os penaltis sempre os tiraba ela.
A Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte suma esta iniciativa a todas as accións que se desenvolven no mes das letras e, neste caso, para recuperar unha parte da historia invisibilizada do deporte e as mulleres.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.