Archivo (4 del 2026)

Buscador

Noticias

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas acordou conceder o Premio Xiria ao Labor Teatral 2026 ao actor Antonio Durán ‘Morris’ (Vigo, 1959). A organización da Mostra outorga este galardón en recoñecemento á súa dilatada traxectoria profesional, tanto no eido da comedia como do drama, 'cunha capacidade creativa excepcional que lle permite interpretar personaxes complexos ou populares e conmover aos públicos máis diversos'. O actor recibe cunha 'alegría tremenda' este galardón, 'sobre todo vindo de xente que comparte o camiño que eu recorrín'.
Galicia consolida a súa posición como a comunidade española que máis logrou reducir en 2024 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) con respecto a 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas en materia de clima. En concreto, a baixada rexistrada neste período foi do 68,5% fronte ao 12,8% no que se sitúa a media nacional. Os últimos datos oficiais dispoñibles volven situar a Galicia á cabeza da clasificación nacional en canto a redución de emisións netas. No período 1990-2024 Galicia logrou reducir en máis de dous terzos as súas emisións netas e tamén é a comunidade española que lidera a baixada de emisións GEI interanual, cun 9,8% menos que en 2023.
O xornalista galego de elDiario.es José Precedo, que defendeu o dereito ao segredo xornalístico ante o Tribunal Supremo, é o gañador do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración do Concello de Pontevedra. Precedo recibirá o premio en Pontevedra o vindeiro 9 de maio na Casa Consistorial. A sala de prensa do Concello de Pontevedra acolleu o anuncio da candidatura gañadora da vixésimo primeira edición do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración do Concello de Pontevedra. O acto contou coa presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a decana do Colexio Belén Leal e o secretario do premio Darío Janeiro.
A débeda pública de Galicia representa só 3,52 % do total da débeda do conxunto das comunidades, o mellor dato de toda a serie histórica, que comeza no ano 1994. Ademais, a ratio de débeda PIB galega sitúase no 13,9 %, fronte ao 20,2 % da media autonómica e por baixo das previsións iniciais contidas nos Orzamentos 2025, que eran do 14,1 %. Tamén desde o ano 2020 Galicia formaliza unha parte cada vez máis significativa do seu endebedamento en formato sustentable, a través de préstamos e emisións de bonos.
Esta edición do catálogo dá conta da fortaleza e da pluralidade da danza galega actual, cunha representación moi ampla de linguaxes, formatos e enfoques escénicos. O volume recolle pezas de danza contemporánea, de raíz, urbana, inclusiva e transversal, ademais doutras creacións que dialogan co teatro, a música en directo, a performance ou o circo. A selección abrangue tanto espectáculos de longo formato como pezas curtas, propostas familiares e montaxes para público adulto, o que reforza o valor desta publicación como ferramenta útil para a programación profesional. O conxunto evidencia a versatilidade da creación galega á hora de adaptarse a distintos contextos e establecer dinámicas colaborativas.
Esta edición do Encontro de Artes Novas contará coa participación de talentos recoñecidos como a escritora, comisaria e podcaster Sonia Fernández Pan, que realiza desde 2021 a serie de podcasts The Tale and The Tongue co Instituto de Arte, Xénero e Natureza da Escola Superior de Deseño e Arte de Basilea. Ou a dupla artística Clo-Plas, unha proposta sonora única e radical da poeta e xornalista Xiana Arias e o artista e investigador Berio Molina, que fusionan versos e electro-pop minimalista coa oralidade popular da Fonsagrada. O programa inclúe tamén cunha conversa co profesor e investigador en Filosofía da Tecnoloxía, Pablo Sanguinetti, autor do libro Tecnohumanismo. Por un diseño narrativo y estético de la inteligencia artificial e de numerosos artigos académicos e divulgativos sobre a intersección entre tecnoloxía, humanidades e creatividade.
Os sistemas de almacenamento enerxético resultan fundamentais para dar estabilidade ao sistema, tanto desde o punto de vista técnico como económico, grazas a súa contribución á resiliencia da rede e na redución das oscilacións dos prezos da factura eléctrica. Na actualidade Galicia conta con 46 expedientes de baterías en tramitación, que suman 492,75 MW, aos que hai que engadirlle outros 3 expedientes (17,75 MW) xa autorizados.
Tivo lugar a entrega dos Premios da Cultura Galega que cada ano recoñecen a creatividade, o talento e o esforzo dos artistas que exercen de embaixadores do que significa Galicia Calidade por todo o mundo. Destacaron os 75 anos que Editorial Galaxia leva traballando para difundir as obras en galego; o labor do mestre Antón Corral á hora de recuperar pezas da música tradicional galega; a asociación Sempre Galicia, que leva décadas promovendo a cultura galega entre a diáspora do Uruguai; o labor da Bienal de Arte de Pontevedra e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, e tamén o de Bodegas Martin Códax, a produtora Baños Films e os creadores da campaña Aquí tamén se fala.
En 2025, Lara Weed e Jamie M. Zeitzer, da Universidade de Stanford, publicaron un artigo no que se relacionaba a práctica do cambio estacional de hora con aspectos negativos para a saúse, tanto de sintomatoloxía aguda (infartos ou accidentes cerebrovasculares), como crónica (obesidade). Agora, os profesores José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, e Jorge Mira Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela, tras analizar a metodoloxía aplicada neste estudo, constataron que 'o que o mundo leu como unha evidencia científica contra o cambio de hora resultou ser unha ilusión matemática'.
Foi presentada a nova edición da campaña Días Azuis do Comercio Galego, froito da colaboración entre o Executivo autonómico e a Federación Galega de Comercio, que se desenvolverá entre o 10 e o 30 de abril de 2026. Esta iniciativa ten como obxectivo incentivar e dinamizar o comercio de proximidade. Para iso, sortearanse 20.000 euros en premios entre as persoas consumidoras que realicen compras nos establecementos adheridos durante o período da campaña.
« Anterior | 3  de  4 | Siguiente »

Archivo

2026 (202)

2025 (461)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES