
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor os Premios da Cultura Galega que cada ano recoñecen a creatividade, o talento e o esforzo dos artistas da comunidade que exercen de embaixadores do que significa Galicia Calidade por todo o mundo.
Durante o acto de entrega dos galardóns de 2025, acompañado do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o titular do Goberno autonómico destacou que a cultura é un dos principais símbolos identitarios dun pobo e resaltou o bo momento que está a vivir o sector en Galicia.
Nesta liña, o presidente salientou que o sector cultural representa o 3% do PIB galego e dá emprego a máis de 35.000 persoas. Ademais, lembrou algúns dos últimos fitos que acadaron creadores galegos como a candidatura aos Oscar da película Sirat, de Óliver Laxe, o Latin Grammy para a pianista Isabel Dobarro ou os premios nacionais que veñen de recoñecer á autora Miriam Reyes, a compañía Pistacatro ou a bailarina Janet Novás nas categorías de Poesía, Circo e Danza, respectivamente.
Rueda resaltou o compromiso da Xunta con seguir promovendo un sector clave para a comunidade, reservando máis de 110 millóns de euros a políticas culturais nos orzamentos deste 2026.
Recoñecemento aos premiados
Na súa intervención, o presidente autonómico agradeceu o labor creativo dos oitos recoñecidos este ano cos Premios da Cultura Galega. Salientou os 75 anos que Editorial Galaxia leva traballando para promover e difundir as obras en lingua galega; ao igual que o labor do mestre Antón Corral á hora de recuperar e dar a coñecer pezas da música tradicional galega; ou a asociación Sempre Galicia que leva décadas promovendo a cultura galega entre a diáspora do Uruguai. Ademais, Rueda tamén destacou o labor da Bienal de Arte de Pontevedra e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, tamén galardoadas este ano. O presidente felicitou a Bodegas Martin Códax, á produtora Baños Films e aos creadores da campaña Aquí tamén se fala, que obtiveron o seu recoñecemento este ano.
Por último, Rueda resaltou o escenario elixido nesta ocasión para a entrega destes prestixiosos galardóns: a Ribeira Sacra. O mandatario expresou o desexo de que este territorio da comunidade acade o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade pola Unesco, cuxa avaliación final será no mes de xullo.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.