Buscador
Noticias
A Cidade da Cultura celebrará o Día do Circo o vindeiro 19 de abril co espectáculo 'Sen patrón', da compañía galega Pistacatro, recoñecida co Premio Nacional 2025 desta disciplina artística. A proposta terá lugar no Xardín do Teatro, ás 17,00 horas, con entrada libre e de balde. Así, o Día do Circo convértese nun momento para celebrar tamén a chegada da primavera cunha proposta escénica aberta, festiva e accesible para todo tipo de públicos, que combina cabaré, números aéreos e malabares cunha dramaturxia que reivindica tanto técnicas circenses tradicionais como contemporáneas. Pistacatro é unha das compañías e produtoras de circo máis relevantes das artes vivas de Galicia, que traballa a prol da profesionalización do circo na Comunidade, impulsando as carreiras de artistas e traballadores do sector.
O XIII Carballo Interplay desenvolverá do 16 ao 19 de abril un programa de 32 actividades arredor da creación dixital contemporánea, das series en pequeno formato, a cultura de internet e a reflexión sobre os novos modos de comunicar na rede. O certame reforza este ano a presenza do galego como lingua de creación, conversa e pensamento no ecosistema dixital, cunha programación específica arredor dos contidos no noso idioma nas RRSS, accións formativas para a mocidade, premios dirixidos a recoñecer o talento que crea na nosa lingua e novas oportunidades para a produción de proxectos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha dun programa específico para reducir o abandono escolar centrado en varóns e na poboación inmigrante sen educación secundaria de segunda etapa, é dicir, que non contan con títulos superiores ao de ESO. O responsable do Executivo autonómico apuntou que a redución do abandono escolar é un 'importantísimo asunto de carácter estrutural no que a Xunta está embarcada hai tempo'. Aínda que indicou que 'imos polo bo camiño', lembrando que Galicia pechou 2025 cunha taxa do 10,4%, case tres puntos por debaixo da media estatal, sinalou que 'non podemos conformarnos nin moito menos'. Así, lembrou que a taxa de abandono educativo temperán é case o dobre nos homes (13,5%) ca nas mulleres (7,2%), polo que o Goberno galego está a intensificar as medidas especiais sobre eles.
O presidente da Xunta destacou que 'as medidas fiscais aprobadas polo Goberno galego e consolidadas dende o ano 2022 permitirán a cada contribuínte da comunidade aforrar unha media de 476 euros na declaración da renda'. Así mesmo, lembrou que na campaña deste ano 'seguen vixentes as medidas de alivio fiscal' postas en marcha pola Administración autonómica nos últimos anos. Así, os contribuíntes galegos volverán aplicar a tarifa deflactada nos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF no ano 2023 e a rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar.
Foi presentada a novena edición do Festival Clasclás que, baixo lema de 'Paixón', se vai celebrar, do 20 ao 27 de xuño, en Vilagarcía de Arousa, cunha ambiciosa programación que aposta pola vangarda e a ciencia. Así, este certame convértese nunha das grandes citas internacionais da música clásica, cunha programación que abrangue desde a excelencia da Orquestra Sinfónica de Galicia e da música de cámara ata o virtuosismo de solistas chegados de diferentes partes do mundo. O evento inclúe a celebración dun 'concerto inmersivo' para conmemorar a eclipse solar, que terá lugar en agosto.
Galicia pechou marzo con 1.095.875 afiliacións á Seguridade Social, 16.479 cotizantes máis ca en marzo do ano pasado, e con 114.670 persoas no paro, 4.485 menos que no mesmo mes de 2025. En relación co desemprego, cae na comparativa anual un 3,76 %. O paro tamén se reduce nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-9,83 %), seguida do sector primario (-6,65 %), da industria (-4,62 %) e, por último, dos servizos (-2,93 %). Canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de marzo de toda a serie (maio 2005). No caso das mulleres desempregadas a redución anual é de 2.434 persoas (-3,52 %) e no dos parados de longa duración a baixada é de 3.514 (-5,96 %).