Noticias

A terceira edición do catálogo dixital 'Danza Galicia' reúne 137 espectáculos actuais de 55 compañías e artistas

Esta edición do catálogo dá conta da fortaleza e da pluralidade da danza galega actual, cunha representación moi ampla de linguaxes, formatos e enfoques escénicos. O volume recolle pezas de danza contemporánea, de raíz, urbana, inclusiva e transversal, ademais doutras creacións que dialogan co teatro, a música en directo, a performance ou o circo. A selección abrangue tanto espectáculos de longo formato como pezas curtas, propostas familiares e montaxes para público adulto, o que reforza o valor desta publicación como ferramenta útil para a programación profesional. O conxunto evidencia a versatilidade da creación galega á hora de adaptarse a distintos contextos e establecer dinámicas colaborativas.

A Xunta de Galicia acaba de publicar a terceira edición do catálogo dixital Danza Galicia, co que continúa impulsando a proxección da produción coreográfica e das artes do movemento feitas na Comunidade. A través desta ferramenta, promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais por medio do Centro Coreográfico Galego, reúnense 137 títulos de 55 formacións profesionais nunha recompilación pensada para facilitar a súa visibilidade e circulación entre responsables de programación e axentes culturais.

A nova entrega de Danza Galicia consolida esta liña de traballo como instrumento de apoio á exhibición e á contratación, ao tempo que ofrece unha panorámica ampla e actual do momento creativo que vive o sector. A publicación, dispoñible en formato dixital e con versións en galego e en castelán, permite difundir dentro e fóra de Galicia un repertorio recente no que conviven compañías consolidadas e novas voces, así como propostas para sala e para espazos non convencionais, dirixidas a públicos diversos.

Ademais da súa posta a disposición en liña, o catálogo Danza Galicia seralles presentado aos principais axentes do sector o vindeiro 16 de abril nunha acción específica que terá lugar no marco do festival Dansa Valência, un dos principais encontros peninsulares para a promoción da danza actual en todas as súas manifestacións.

Un escaparate do talento galego

Esta edición do catálogo dá conta da fortaleza e da pluralidade da danza galega actual, cunha representación moi ampla de linguaxes, formatos e enfoques escénicos. O volume recolle pezas de danza contemporánea, de raíz, urbana, inclusiva e transversal, ademais doutras creacións que dialogan co teatro, a música en directo, a performance ou o circo.

A selección abrangue tanto espectáculos de longo formato como pezas curtas, propostas familiares e montaxes para público adulto, o que reforza o valor desta publicación como ferramenta útil para a programación profesional. O conxunto evidencia tamén a versatilidade da creación galega á hora de adaptarse a distintos contextos de exhibición e de establecer frutíferas dinámicas colaborativas entre artistas e compañías.

As formacións rexistradas nesta edición cos espectáculos que actualmente manteñen en repertorio son Amarelo Cía., Amparo MP Danza Contemporánea, Artístika Producciones, Ay, Cariño!, Cali Danza, Can Cun Quinqué, Cía Aïda Colmenero Dïaz, Clara Ferrao Diz, Colectivo DeXeito, Colectivo Glovo, Colectivo La Veleta, Constance Hurlé, Cris Balboa, Cristina Montero, Daniel Rodríguez Cia, D’elas, Desfoga, Determinada Compañía, Disiden.Cía, Elahood, Elvi Balboa, Enésima, Et Suseia Danza, Eudanza, Eva Comesaña, Exire, Experimentadanza, Félix Fernández, Fran Sieira, Compañía de Danza, Furia Sotelo, IXA, Julia Laport Rivas, Kirenia Danza, Laboratorio Escénico, La Guajira, La Macana, Laura Llauder, Marcia Vázquez, Marta Alonso Tejada, Nelson Quinteiro Producións, Noa Covelo, Nova Galega de Danza, Óscar Cobos Compañía de Danza, Pablo Vázquez, Paula Quintas Cía., Pisando Ovos, Proxecto Morriña, Punto y Waack, Raquel Ferradás, Sil Producciones - Artes en Movimiento, Söa, Tango en Galicia, Tanit Cobas, Tuatha e Vacaburra.

Impulso á distribución

Con esta iniciativa, a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dálle continuidade a unha das súas liñas de apoio ao sector da danza, orientada a favorecer a súa distribución e presenza en circuítos profesionais. O catálogo está concibido, precisamente, para servir de carta de presentación das compañías galegas en encontros e mercados estratéxicos, así como no traballo diario de programación de teatros, auditorios, salas e festivais.

A publicación incorpora información práctica sobre cada formación e sobre os espectáculos en distribución ao longo de 2026, o que facilita o contacto directo coas compañías e contribúe a activar novas oportunidades de contratación. Ao tempo, proxecta unha imaxe conxunta dun ecosistema creativo que medra en número, variedade e capacidade de conexión co público. O catálogo dixital Danza Galicia 2026 xa pode consultarse e descargarse no apartado de publicacións da web da Axencia Galega das Industrias Culturais, tanto na súa versión galega como castelá.

R., 2026-04-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (ensino-edixgal.jpg) Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario. En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco).
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.

Notas

Galicia prepárase para acoller a edición máis expansiva do festival Pint of Science, que este ano se celebrará de xeito simultáneo en 14 localidades galegas do 18 ao 20 de maio. O evento, que busca sacar a ciencia dos laboratorios e levala ao ambiente distendido dos bares, marca un fito en 2026 ao consolidar a súa presenza tanto nas sete grandes cidades como en concellos do rural e vilas de toda a xeografía galega.
Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES