Buscador
Noticias
O pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, unha rede de colaboración entre a Administración, os centros tecnolóxicos e de investigación, as universidades e o sector empresarial para sumar esforzos e avanzar no liderado de Galicia en tecnoloxías cuánticas, reuniuse en Santiago para definir o seu plan de actuación para os próximos meses. A Rede integra á Xunta de Galicia; ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG); ao Cesga; ao Clúster TIC, aos Hubs de Innovación Dixital DIHGIGAL e DATAlife; ao centro tecnolóxico Gradiant; ao Fujitsu International Quantum Center e ao Centro de Tecnoloxías Fotónicas (Aephos).
En FONTEGAM, xa aberto ao público para consulta libre, converxen textos latinos e romances. Os primeiros son achega do Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), proxecto desenvolvido tamén desde o Ramón Piñeiro, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades; mentres que os materiais romances son a contribución do Corpus Galego-Portugués Antigo (CGPA), impulsado desde o Instituto da Lingua Galega, centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dun recurso innovador que unifica nun mesmo espazo as linguas usadas na escrita da Galicia medieval, unha etapa da nosa historia na que ambas as institucións son un referente.
O Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina, CINBIO, da Universidade de Vigo é unha das nove entidades seleccionadas para participar no consorcio europeo Adaptation, financiado con 3,6 millóns de euros de axudas Pathfinder da Unión Europea e que ten como principal obxectivo a creación dos novos dispositivos que marcarán o futuro da enerxía solar. Farano inspirándose nos procesos naturais de xestión enerxética máis eficientes da Terra: a fotosíntese e o arrefriamento radiativo terrestre. O proxecto arrancou este mes e nel a participación viguesa chega da man Grupo de NanoBioMateriais Funcionais, FunNanoBio, dirixido pola catedrática Isabel Pastoriza Santos, quen explica que o seu grupo de investigación achegará a este proxecto toda a súa experiencia en Química Coloidal e Materiais.
O Consello do Patrimonio Histórico Español decidiu aprobar por unanimidade que a candidatura da Ribeira Sacra sexa a proposta de España para inscribirse na Lista de Patrimonio Mundial. Así, tras o aprazamento estratéxico da candidatura decidido no ano 2021, o órgano de coordinación entre o Estado e as comunidades autónomas valorou positivamente a proposta da Xunta de Galicia para acadar o máximo recoñecemento da Unesco para esta zona das provincias de Lugo e Ourense á que se referiu como un exemplo de resistencia e calidade que serve de inspiración para todo o Estado. Trátase dunha decisión que supón retomar oficialmente a recta final do proceso da candidatura, coa previsión de que poida ser abordada na sesión do Comité do Patrimonio Mundial de 2026.
Un total de 42 proxectos empresariais incubáronse, aceleráronse ou consolidáronse nas cinco edicións da Business Factory Aero, desde o seu inicio ata a actualidade. En concreto, 15 en itinerario de incubación, 21 en aceleración e 6 en consolidación, ás que se sumarán as tres que se seleccionarán nesta nova convocatoria que hoxe se lanza. Os proxectos das cinco primeiras edicións da BFAero, que ten a súa sede central en Lugo, xeraron 182 empregos; mobilizaron un investimento de 2,78 M (propio, de XesGalicia e de investidores externos); e rexistraron unha facturación conxunta de 6,54 M desde o inicio do programa en 2019.
Este ano, o calendario chega con importantes novidades, entre as que destaca o regreso da Feira do Libro de Vigo ao centro, localizándose na praza de Compostela. Tamén se reforzarán todas as citas con maior variedade de eventos, contando con mesas redondas, presentacións, actividades infantís e debates, entre outras actividades. Baixo o título Atopa a túa Historia, a cita inaugural será en Ferrol, do 19 ao 21 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 27 de abril ao 5 de maio; no Porriño será do 9 ao 12 de maio, e en Lugo do 13 ao 17 dese mesmo mes. Xa en xuño, Ourense acollerá a súa feira do dia 5 ao día 8, mentres que en Redondela será do día 13 ao día 16.
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno autonomico presentará no Consello do Patrimonio Histórico Español, que se celebrará na illa da Palma, a candidatura da Ribeira Sacra 'para que se converta en Patrimonio Mundial da Unesco'.
A Ribeira Sacra abarca máis de 16.000 hectáreas de 22 concellos das provincias de Lugo e Ourense e está declarada Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano 2018. Para Rueda 'é un dos maiores tesouros patrimoniais de toda España' que destaca 'pola súa riqueza paisaxística, cultural e enogastronómica'. Por iso, asegurou que a Xunta agarda que 'obteña este recoñecemento internacional'.
Trátase dunha iniciativa do fotógrafo Xulio Gil, comisariada por Xabier Limia, que se poderá visitar na sede de Afundación na Coruña ata o 25 de maio. A mostra, articulada por unhas 100 imaxes, tivo o seu berce no ano 1988 co gallo da exposición Antropolóxicas e continuou posteriormente coa colección Artistas Galegos dirixida por Antón Pulido. Desde entón, foi sumando fotografías ata construír este proxecto expositivo, composto por imaxes de gran formato e acompañado dun catálogo. As persoas que se acheguen ata este espazo poderán descubrir as miradas capturadas por Xulio Gil de numerosos artistas recoñecidos como Francisco Leiro, Laxeiro, Elena Colmeiro, Antón Pulido, Ánxel Huete, Rosalía Pazó e moitos outros.
A Xunta de Galicia convoca axudas por un importe máximo de ata 8.000 euros para contribuír a financiar obras de rehabilitación de inmobles incluídos no Programa de mobilización de vivendas para o alugueiro, tal e como se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia. Os propietarios ou usufrutuarios das vivendas nas que se vaia actuar terán de prazo para presentar as súas solicitudes desde o 5 de abril, e ata o vindeiro 4 de novembro se non se esgota antes o orzamento. Cunha dotación global de 196.000 euros, a convocatoria deste ano do chamado Programa Rehaluga permitirá conceder subvencións por importes que se moverán entre un máximo de 3.000, de 5.000 ou de 8.000 euros en función do prezo do alugueiro e do concello no que estea localizada a vivenda en cuestión.
Bota a andar un ano máis o programa de dinamización lingüística FalaRedes, pensado para encher o tempo de lecer con actividades en galego entre os máis de 200 concellos e agrupacións pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Polo de agora, o FalaRedes 2024 programa preto de 150 pases de 12 actividades de ocio diferentes que inclúen música, teatro, monicreques, obradoiros e mesmo unha exposición que se desenvolverán a partir deste mes e ata pasado o verán entre distintos concellos e entidades da rede. A edición ábrese este domingo 7 de abril en Allariz co primeiro pase de Made in Galiza, o espectáculo teatral de Séchu Sende que reflexiona sobre a actitude das persoas falantes respecto da súa propia lingua.