
O Consello do Patrimonio Histórico Español decidiu hoxe aprobar por unanimidade que a candidatura da Ribeira Sacra sexa a proposta de España para inscribirse na Lista de Patrimonio Mundial. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, tras a xuntanza celebrada na illa da Palma na que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, e os técnicos do equipo redactor.
Así, tras o aprazamento estratéxico da candidatura decidido no ano 2021, o órgano de coordinación entre o Estado e as comunidades autónomas valorou positivamente a proposta da Xunta de Galicia para acadar o máximo recoñecemento da Unesco para esta zona das provincias de Lugo e Ourense á que se referiu como un exemplo de resistencia e calidade que serve de inspiración para todo o Estado. Trátase dunha decisión, que tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, supón retomar oficialmente a recta final do proceso da candidatura, coa previsión de que poida ser abordada na sesión do Comité do Patrimonio Mundial de 2026.
En Galicia nunca deixamos de crer nas posibilidades da Ribeira Sacra e esta é, sen dúbida, unha moi boa nova para todos porque poñer en valor e protexer este territorio é algo que asumimos como un gran reto de país, afirmou o responsable autonómico de Cultura. Neste senso, agradeceu o apoio unánime do Estado e as comunidades autónomas e lembrou que o aprazamento estratéxico aproveitouse para reformular, fortalecer, mellorar e ampliar a candidatura co fin de acreditar con toda a forza os valores excepcionais cos que conta este territorio.
Por outra banda, o conselleiro en funcións aproveitou a ocasión para felicitar a todos os técnicos, axentes, concellos, deputacións e entidades implicadas polo tremendo esforzo feito desde o ano 2017, cando se puxo en marcha a candidatura e, nomeadamente, desde o aprazamento de 2021. Foi un gran traballo que asumimos como un proxecto colectivo e que agora, debemos continuar para seguir colleitando froitos, precisou.
Vindeiros pasos
Tras este primeiro paso, a candidatura da Ribeira Sacra pasará a ser a proposta de España para a súa remisión a Unesco e a posterior avaliación no Comité do Patrimonio Mundial coa vista no 2026.
Ao longo deste ano, o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, deberán completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco. Posteriormente, o informe será presentado no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco, localizado en París, en febreiro de 2025 para a súa avaliación polos órganos consultivos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.