Archivo (12 del 2024)

Buscador

Noticias

O segmento hoteleiro de Galicia vai pechando este ano con niveis de demanda que consolidan catro anos consecutivos de variación positiva nos once primeiros meses do ano. Así, en novembro, con 299.163 viaxeiros aloxados nos hoteis galegos e 561.267 noites, o que supón uns incrementos do 10,8% 11,2%, respectivamente, o destino galego consolida así a súa estratexia de desestacionalización acadando incrementos en meses fóra de tempada. Segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), estímase que o sector hoteleiro acadou uns ingresos totais nominais en novembro de máis de 22,7M€.
A produtora coruñesa Vaca Films rematou en Galicia a gravación da película Dímelo bajito, despois de sete semanas de traballo en diferentes espazos da Coruña e Lugo que serven de localizacións para esta longametraxe producida para a plataforma Prime Video. Con dirección de Denis Rovira, 'Dímelo bajito' é un guión de Jaime Vaca sobre a novela homónima de Mercedes Ron. Alicia Falcó, Fernando Líndez e Diego Vidales protagonizan este drama de personaxes cun elenco que completan Patricia Vico, Andrés Velencoso, Eve Ryan, Fernando Nagore e mais a galega Celia Freijeiro, entre outros. A súa estrea está prevista en Prime Video en 2025.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se dá publicidade aos establecementos galardoados cos Premios do Comercio Galego 2024. O obxectivo deste certame é recoñecer o bo facer dos profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas. En concreto, o Premio Comercio 2024 —dotado con 5.000 euros— recaeu na librería Lectocosmos, de Lugo. Mentres, a Asociación Centro Comercial Aberto Carballo recibiu o Premio Comercio Dinamización 2024, ao que lle corresponden outros 5.000 euros.
Galicia solicitou hoxe no Senado que as comunidades autónomas poidan realizar accións de control puntual sobre o lobo así como a revisión do nivel de protección desta especie para adaptalo á realidade de cada territorio. Durante a súa intervención no debate sobre a xestión do lobo na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas da Cámara Alta, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, insistiu na necesidade de adoptar medidas ante a “situación insostible” que está a soportar o sector gandeiro polo elevado número de ataques que provoca que algunhas explotacións xa sexan inviables desde o punto de vista económico.
A Filmoteca de Galicia acolle o venres ás 20,30 h. na súa sede da Coruña unha nova entrega da sección Materiais para unha historia do cine, que estará dedicada aos traballos de Equipo 64, o colectivo compostelán integrado por Gonzalo Anaya, Enrique Banet e Ezequiel Méndez que entre 1964 e 1965 realizou unha serie de filmacións que son parte xa da crónica audiovisual galega e que están depositadas no arquivo da cinemateca da Xunta. Materiais para unha historia do cine é unha sección que ten como función primordial darlle visibilidade ao arquivo da Filmoteca en sesións definidas pola súa heterodoxia: curtas e longametraxes, ficcións e documentais, cine doméstico e cinema industrial.
Este incremento obedece, en boa medida, ao pulo de Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, Unha vida viquinga ou Tattoo. Arte baixo a pel, mostras organizadas en colaboración con algunhas das institucións máis relevantes do panorama cultural internacional. De feito, tanto Tesouros Reais como Unha vida viquinga sitúanse entre as tres con máis visitas de todas as programadas pola Cidade da Cultura desde a súa apertura ao público en 2011. O Gaiás encabezou de novo o ranking de institucións culturais galegas do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, dado que a suma de actividades culturais e eventos achégase ao milleiro.
A Coruña Sounds na súa edición 2025 contará co concerto, o 19 de xullo no Porto da Coruña, da banda Arde Bogotá. Coruña Sounds repite a fórmula de música en directo con grandes nomes e bandas tras o éxito acadado nas dúas edicións anteriores. Arde Bogotá presentará na Coruña un dos seus concertos exclusivos en España, cun concepto de show a partir dun road trip e unha viaxe persoal que ten lugar durante o inicio e o final dunha eclipse. Con este espectáculo dáse continuidade ao ciclo de concertos Coruña Sounds que levou á cidade nos últimos meses, co apoio de Turismo de Galicia, a artistas como Emilia, Camilo, Robe e Luis Miguel. Tamén co respaldo da Xunta se van celebrar en 2025, o concerto de Lenny Kravitz o 10 de abril; Chayanne o 18 de maio e Leiva o 12 de xullo.
Despois de que a facturación da industria forestal e da madeira en Galicia alcanzase un “máximo histórico” en 2022 en Galicia, chegando aos 2700 millóns de euros, estas cifras diminuíron un 10% o pasado ano, para situarse nos 2.438 millóns de euros, ao mesmo tempo que tamén descendeu nun 11% o aproveitamento de madeira. Estas son algunhas das cifras recollidas no informe A cadea forestal-madeira de Galicia, elaborado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), da Xunta de Galicia e presentado este martes na Cidade da Cultura.
Tivo lugar en Madrid a entrega dos XVII Premios Nacionais de Artesanía, nos que que resultaron finalistas dous galegos. En concreto, o torneiro de madeira Aitor Martínez (Tomiño) competía na candidatura Produto, na que o gañador foi o ceramista Raúl Mouro (Asturias); e o ebanista Fran Millán, de Frouma Atlantic Wood (Ribeira), optaba ao premio Emprendemento, que recaeu no proxecto Mutur Belzt (Biscaia). Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Con eles búscase contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor que a proposta da UE para reducir a contaminación por microplásticos mediante a prevención das perdas de pellets contribuirá a rebaixar nun 6% os vertidos non intencionados deste material ao medio ambiente. Durante a súa intervención na reunión do Consello de ministros europeos de Medio Ambiente, a conselleira cualificou como 'moi positiva' a proposta de regulamento aprobada hoxe para reducir a contaminación por microplásticos provocada por vertidos non intencionados. Esta norma pretende reducir as perdas de granza no medio entre un 54% e un 74% con respecto ao valor inicial de referencia.
« Anterior | 2  de  4 | Siguiente »

Archivo

2025 (168)

2024 (514)

ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES