
Coordinado polo investigador Juan Picos, este informe fai balance da actividade da cadea monte-industria ao longo 2023, á vez que presenta unha estimación das cifras correspondentes ao presente exercicio, no que se prevé unha recuperación do sector dun 2%, que situaría as cifras de facturación total nos 2500 millóns de euros. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; o director de Xera, Jacobo Aboal, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participaron na presentación deste informe anual, que pon de manifesto a contribución económica e laboral que supón para Galicia un sector que representa o 12% do emprego industrial na comunidade e que é indispensable para a economía verde e o equilibrio territorial, como destacaron desde o goberno galego.
Un ano marcado por un cambio de tendencia"
Como explicou o tamén subdirector da EE Forestal, os subsectores da madeira experimentaron incrementos na produción, nas vendas e na facturación desde mediados de 2020 e ata o terceiro trimestre de 2022, cando comezou a manifestarse un cambio de tendencia, agravado no segundo trimestre de 2023, cando a demanda baixou e con ela os prezos do produtos. A isto sumouse unha alza dos custes que podería ter motivado que algunhas empresas comezaran a frear a súa produción. Deste xeito, a facturación global da cadea situábase o pasado exercicio en niveis inferiores aos dous anos precedentes, nos que se rexistraran os datos máis elevados desde o inicio da serie en 2006.
Por sectores, a fabricación de taboleiro e pasta de papel alcanzou en 2023 os 970 millóns de euros, mentres que o serrado facturou 365, un 22% menos que o ano anterior. No caso do sector dos rematantes, o descenso no volume de negocio foi dun 16%, situándose nos 423 millóns, mentres que a industria da segunda transformación da madeira facturou 605 millóns, manténdose practicamente nos mesmos valores que en 2022 e a biomasa sumou 73 millóns. No referido a 2024, Picos sinalou que as estimacións realizadas cos datos dos tres primeiros trimestres, fan prever aumentos da facturación nos diferentes subsectores, coa excepción do da segunda transformación.
No referido ás exportacións, estas alcanzaron o pasado ano os 2396 millóns de euros, unha contía similar á acadada en 2022 e que supuxera un máximo histórico.
Por outra banda, o informe sitúa en 9,8 millóns de metros cúbicos os aproveitamentos de madeira en Galicia no 2023, das que máis do 94% corresponden a montes de xestión privada. Máis da metade das cortas foron de eucalipto, cuxo aproveitamento situouse nos 5,7 millóns de metros cúbicos.
Inventario Forestal Continuo
No acto deste martes, Picos presentou tamén os datos relativos aos mapas de coberturas do Inventario Forestal Continuo de Galicia, para o que as investigadoras e investigadores da EE Forestal desenvolveron unha metodoloxía que permite obter unha información en continua actualización das características das masas forestais de Galicia. Concretamente, os datos obtidos o pasado exercicio sinalan que dos 1,5 millóns de hectáreas de superficie arborada cos que conta Galicia, 419.051 son plantacións de eucalipto, un 1,4% máis que no ano anterior. Outras 628.978 corresponden a outras especies da familia das frondosas, mentres que 446.637 son masas de coníferas.
Caracterización dos propietarios forestais
Desenvolvido xunto co Instituto Galego de Estatística (IGE), este informe presenta por primeira vez datos relativos á caracterización do propietario, a partir da análise dos datos de 50.000 persoas. Esta información permitiu, entre outros aspectos, coñecer que o 79% das solicitudes de corta corresponden a persoas físicas que viven en Galicia, mentres que o 16% foron realizadas por persoas xurídicas, maioritariamente comunidades de montes en mancomún. Finalmente, só o 6% das cortas foron solicitadas por persoas que residen fóra da comunidade autónoma.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.