Buscador
Noticias
Para afinar as listas de demandantes de emprego, a partir deste mes vaise introducir de xeito pioneiro neste eido o acordo de actividade explícito recollido pola normativa estatal para inscribirse ou permanecer como demandante de emprego -xa se teña dereito a prestación ou non-, co fin de diferenciar as persoas que realmente queren traballar das que só buscan servizos de formación ou o cobramento de prestación. O feito de non asinar ou incumprir este novo acordo de busca activa de emprego implicará que a persoa será 'retirada de forma inmediata das listas de demandantes' dun traballo.
A vellez é unha etapa para gozar. Facer o que non tivemos tempo de facer cando eramos máis novos, probar novas experiencias, pasar bos momentos na compaña dos nosos ou, simplemente, seguir gozando do que sempre nos gustou facer no tempo libre. Por iso a Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia pon en marcha o Carné +65, que permitirá a todos os maiores de 65 anos viaxar, obter descontos, vantaxes e beneficios en aloxamentos turísticos e moito máis. Trátase dunha tarxeta totalmente gratuíta e que non necesita un proceso de activación, pode ser empregada desde o momento en que o/a beneficiario/a a recibe.
Presentáronse en Pontevedra os principais eixos arredor dos que xirará a 17ª feira Culturgal, que terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro. O Pazo da Cultura da capital do Lérez volverá acoller tres intensos días de actividade, cunhas 200 citas programadas entre espectáculos, presentacións, obradoiros, exposicións ou mesas redondas. Entre as actividades programadas, os contacontos de A Vendedora de Fume e de Vero Rilo, os espectáculos do Mago Teto, Pedro Volta e Teatro Ghazafelhos, un achegamento ao proceso creativo da proposta escénica Ca-co-flex, ou as performances de Kirenia Danza e de Daniel Rodríguez arredor das súas respectivas coproducións co Centro Coreográfico Galego.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe no pleno do Parlamento que proporá a todos os grupos representados na Cámara a adopción dun acordo para declarar no 2025 o Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do pasamento do intelectual. Con esta proposta, resaltou, 'temos a oportunidade de celebrar a unión de todos os galegos e galegas cun gran pacto ao redor da nosa cultura, simbolizada nunha das figuras clave da nosa identidade' e, xa que logo, 'abrimos unha porta a permanecer todos xuntos polo que nos une, permitíndonos levar a cabo accións que poñan en valor os nosos fitos e prestixien a nosa lingua'.
A Xunta de Galicia vén de seleccionar a proposta Phygital land, traducións do físico ao virtual como gañadora do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura, convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude entre os creadores e creadoras participantes no XIV Encontro de Artistas Novos. Presentada pola artista visual Irene Molina, esta proposta achégase á relación entre o natural e o dixital desde a idea dunha paisaxe post-apocalíptica, onde a natureza foi substituída por unha imperfecta e desacougante versión dixital.
Turismo de Galicia está presente estes días na World Travel Market (WTM) London cunha proposta de destino diversifIcada, que busca a desestacionalización e atraer máis turismo internacional que, na actualidade, representa o 30% da demanda galega. A WTM London está considerada como unha das feiras de maior repercusión a nivel mundial na que están representados máis de 5.000 destinos. A #WTM London abreu hoxe as súas portas e xa estamos a recibir un amplo volume de visitas. O mercado británico, quinto en visitantes e tamén en peregrinos, interésase polo noso patrimonio, a enogastronomía, o turismo urbano e a paisaxe.
Este documento busca non só consolidar o liderado de Galicia como primeira potencia europea nos sectores pesqueiro, acuícola e transformador, xerando máis de 50.000 empregos directos, senón tamén promover unha conexión entre tradición e modernidade que fomente o uso das novas tecnoloxías e a dixitalización no sector, e procurar un futuro onde Galicia sexa referente en modernización e eficiencia no ámbito mariño, liderando en áreas emerxentes como as enerxías renovables e a biotecnoloxía azul. Co lema 'Onde o mar nos conecta', a Estratexia da Economía Azul de Galicia pon en valor a relación histórica da comunidade co mar, co seu futuro, coa natureza e coas persoas. Así, promove o compromiso co coidado da súa biodiversidade mediante prácticas sostibles, como a economía circular e o uso de enerxías limpas.
O mercado laboral de Galicia continúa na súa senda de crecemento e acada, con 122.214 persoas desempregadas, a cifra de paro máis baixa nun mes de outubro de toda a serie histórica (desde 1996). Ademais, a Comunidade galega rexistra 1.083.376 afiliacións á Seguridade Social, a cifra máis alta nun outubro desde o ano 2005. En termos anuais, o paro en Galicia baixou nun 8,35%, o que supera en 2,65 puntos a baixa do paro do Estado e nos converte na terceira Comunidade na que máis cae o desemprego en número de persoas. Nesa comparativa interanual cae o paro nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou o Plan galego de reprodución humana asistida 2024-2028, que vai permitir que Galicia sexa a comunidade que ofrece a carteira deste tipo de servizos máis ampla de España. Este Plan é dun dos compromisos do Goberno autonómico para esta lexislatura, co que se busca ampliar o número de beneficiarios dos servizos de reprodución asistida na sanidade pública. Entre as principais novidades está ampliar progresivamente a idade máxima de acceso a estas técnicas desde o límite actual dos 40 anos ata cumprir os 45 anos e incluír ás mulleres que xa teñan un fillo.
A Filmoteca de Galicia acolle en novembro unha programación especial dedicada á documentalista xaponesa Sumiko Haneda e unha nova sesión do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero coa visita da directora Pilar Palomero. A presentación do libro Escuela de cineastas e a continuidade da retrospectiva sobre Agnès Varda son outras das citas que vertebran a nova carteleira mensual. Baixo o título Ampliar os afectos. O cine de Sumiko Haneda, a cinemateca da Xunta e a Fundación Japón achéganlle ao público galego a obra desta cineasta nipoa, aínda moi descoñecida en Occidente. Francisco Algarín e Irene González-López presentarán mañá esta retrospectiva, da que son comisarios, facéndose eco do estudo e do recoñecemento crecente cara a Haneda.