Noticias

Galicia rexistra a cifra de paro máis baixa nun outubro de toda a serie histórica e a máis alta de afiliacións á Seguridade social nese mes desde 2005

O mercado laboral de Galicia continúa na súa senda de crecemento e acada, con 122.214 persoas desempregadas, a cifra de paro máis baixa nun mes de outubro de toda a serie histórica (desde 1996). Ademais, a Comunidade galega rexistra 1.083.376 afiliacións á Seguridade Social, a cifra máis alta nun outubro desde o ano 2005. En termos anuais, o paro en Galicia baixou nun 8,35%, o que supera en 2,65 puntos a baixa do paro do Estado e nos converte na terceira Comunidade na que máis cae o desemprego en número de persoas. Nesa comparativa interanual cae o paro nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade.

Así o indicou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, na valoración realizada en relación cos datos de paro rexistrado e de afiliacións.

O conselleiro destacou que, en termos anuais, o paro en Galicia baixou nun 8,35%, o que supera en 2,65 puntos a baixa do paro do Estado e nos converte na terceira Comunidade na que máis cae o desemprego en número de persoas. Segundo puxo de relevo González, nesa comparativa interanual cae o paro nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade e tamén en colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta como as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración.

Así, na comparativa anual e por sectores, liderou a baixada a construción (-11,98%) seguida do sector primario (-11,54%). En canto aos colectivos prioritarios, diminuíu o paro entre os menores de 30 anos (-9,94%), nas mulleres (-8,80%), e nos parados de longa duración (-7,39%). Ademais, as cifras de mulleres desempregadas, con 71.406, e de desempregados xuvenís, con 13.994, son as máis baixas nun mes de outubro desde que hai rexistros (2005). A de parados de longa duración, de 61.430, é a cifra máis baixa dun mes de outubro dos últimos 16 anos.

Canto ás afiliacións, o titular de Emprego salientou que Galicia acada a maior cifra de afiliados nun mes de outubro desde o ano 2005, cun total de 1.083.376 afiliacións á Seguridade Social. Aumentan con respecto a hai un ano nun 1,45% (15.523 afiliados novos).

Así mesmo, José González puxo en valor a suba no número de contratacións en Galicia respecto a hai un ano, cun incremento dun 4,29% (2.769 contratos máis). Neste senso, incidiu no aumento dos contratos indefinidos en case un 8% (1.681 contratos máis).

Para rematar, o conselleiro subliñou que a Xunta, da man do tecido produtivo, continúa a impulsar medidas coas que seguir xerando máis e mellor emprego, á vez que dá resposta a grandes retos do mercado laboral como o da cobertura de vacantes, apostando pola flexibilización da formación, pola modernización do Servizo Público de Emprego ou por estratexias a prol da empregabilidade e do emprendemento.

R., 2024-11-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES