Buscador
Noticias
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria número 162 do Comité Europeo das Rexións (CdR), enmarcado na edición deste ano da Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek). De especial interese para Galicia foi a aprobación do ditame titulado Unha transición xusta para todas as rexións da UE, no que se reivindica un enfoque inclusivo e equitativo neste proceso cara a unha economía sostible para que ningún territorio quede atrás. O documento subliña a necesidade de apoio específico para as rexións máis dependentes dos sectores afectados pola transición xusta.
O Goberno galego concedeu no período 2021-2024 un total de 2.374 axudas, por importe de case 9,6 millóns de euros, dirixidas a concellos e particulares co obxectivo de corrixir impactos paisaxísticos na comunidade. Estas achegas (para mellorar o estado de inmobles particulares e de edificios, equipamentos e outras instalacións municipais), mobilizaron un investimento total de 14 millóns de euros. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destaca que a demanda deste tipo de axudas é crecente, o que permitiu que desde o ano 2021 chegaran a 283 dos 313 municipios galegos, o que supón máis do 90% do total.
O novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) albergará as novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas do centro que estarán a disposición da comunidade científica e das empresas. Galicia é a comunidade que consegue unha maior achega entre todos os membros da Rede española de supercomputación (RES), formada por 14 nodos distribuídos por todo o Estado, que recibe, no seu conxunto, 63 millóns de euros. Deste xeito, que Galicia capta o 75% dos fondos repartidos en toda España. O edificio situarase nun soar cunha superficie de máis de 9.100 metros cadrados e terá unha superficie construída de 5.800 metros cadrados, que cumpre con todos os requirimentos imprescindibles para o seu funcionamento.
Foi presentado o Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona, que percorre por terceira vez toda Galicia con actuacións nas sete grandes cidades galegas. O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona inclúe as sete grandes urbes galegas para converter a Galicia na capital mundial do ilusionismo. Así, o espectáculo xa pasou nos primeiros días de outuburo por A Coruña, Ourense e Pontevedra. A vindeira fin de semana estará en Santiago de Compostela (días 11 e 12) e Ferrol (13 de outubro). Antes de pechar en Vigo estará tamén en Lugo (18 de outubro). Galicia Ilusiona contará con artistas de sona internacional coma o mago Murphy, Lore Lavand, Jerome Murat ou Ki Moon do.
A Consellería de Sanidade iniciou hoxe a vacinación infantil fronte á gripe, unha campaña que se ofrece a 72.561 nenas e nenos de 6 a 59 meses de idade. Desta forma, a Xunta cita por sms, de forma proactiva, as familias para que acudan á vacinación organizada nos centros de saúde de referencia de toda Galicia. Como novidade, nenas e nenos de 24 a 59 meses recibirán este ano por primeira vez a vacina intranasal, coa que se pretende mellorar a adherencia á campaña ao ser de máis fácil administración. Nesta franxa de 2 a 5 anos a poboación diana é duns 49.480 nenos e nenas.
A Xunta está a traballar xa nun novo Plan de saúde mental que incluirá a formación dunha rede de asistencia psicolóxica en atención primaria, que dependerá dos servizos de psiquiatría das áreas sanitarias, e que estará coordinada por profesionais de psicoloxía clínica. Xa no Plan de saúde mental poscovid incrementouse o número de profesionais, ademais de crearse hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil e unha segunda unidade de hospitalización en Vigo. Nesta aposta da Xunta tamén se enmarca a creación, nesta lexislatura, dunha Subdirección Xeral responsable da Atención á Saúde Mental.
O Sergas potenciará o uso da intelixencia artificial para mellorar a saúde dos galegos, levándoa a novos campos como á imaxe de anatomía patolóxica ou para a detección da retinopatía diabética en tempo real. O vindeiro ano vaise empregar a intelixencia artificial na imaxe de anatomía patolóxica, unha vez que neste ano 2024 xa se adquiriron os escáneres para dixitalizar as mostras, nos que se investiu 4 millóns de euros, xunto coas estacións de diagnóstico, ás que se destinou 1 millón de euros. Tamén se adquiriron un total de 184 ecógrafos ultraportátiles con intelixencia artificial integrada.
O CGAC reunirá a preto dunha decena de profesionais do audiovisual de España e Portugal co gallo da inauguración de Novos Imaxinarios, a nova mostra do museo compostelán comisariada polos artistas Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado, na que se afonda na creación cinematográfica máis recente. Como parte da programación da exposición, o CGAC acollerá desde o sábado un acto de conversas no que, moderados por Pela del Álamo, Alberte Pagán e os propios comisarios da mostra, participan os artistas Isaki Lacuesta, que representará a España na carreira polos Oscar co seu filme Segundo Premio, ou Oliver Laxe, multipremiado director pola largometraxe 'O que arde' no Festival de Cannes, no Festival Internacional Mar del Plata e nos premios Goya e Feroz.
Foron presentadas as XXVI Xornadas de homenaxe ao autor Ramón María del Valle-Inclán que se celebran na Pobra do Caramiñal desde este domingo ata finais de mes. Trátase dunha ampla programación que inclúe a celebración dunha quincena de actividades diversas para lembrar, homenaxear e poñer en valor a traxectoria de Valle-Inclán a través de propostas como conferencias de divulgación científica, presentacións de libros, espectáculos de narración oral, obras teatrais, actividades plásticas, exposicións ou sesións de monicreques.
O ciclo Mestre Mateo de cinema galego inclúe por primeira vez na súa programación as curtametraxes finalistas na pasada edición dos Premios Mestre Mateo grazas á colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales e a Academia Galega do Audiovisual. Será un total de nove filmes que se van proxectar en 24 concellos de Galicia localizados fóra da contorna das grandes cidades e que non contan cunha oferta de salas comerciais. A primeira destas proxeccións terá lugar mañá, 3 de outubro, no cine Alfonsetti de Betanzos.