
Concretamente, no ano 2024 aprobáronse 50 axudas a concellos, destinadas a un total de 64 actuacións, e 346 axudas a particulares, por un importe global de 2 millóns de euros, dos que un millón foi para entidades locais e o outro para particulares. Os beneficiarios reciben ata o 70% do importe subvencionable, o que permite a realización de actuacións de corrección de impactos paisaxísticos e de aposta polo que o Executivo galego deu en chamar fermosismo.
As achegas para particulares deben destinarse a fachadas, cubertas e muros de peche, aínda que na convocatoria deste ano se incluíu como novidade a posibilidade de financiar a retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe ou causen algún impacto nos bens nos que se pretende intervir.
No caso dos concellos, poden beneficiarse aqueles que conten cunha poboación de menos de 20.000 habitantes podendo sumar un máximo de 40.000 euros de axuda, 20.000 euros en cada unha das liñas da convocatoria: A primeira é para a renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais e a segunda para mellorar o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos.
O exemplo de Trazo
Unha boa mostra das oportunidades que ofrecen estas achegas de fermosismo é o concello coruñés de Trazo, un municipio que recibiu no período 2021-2024 axudas por importe de preto de 140.000 euros para un total de 38 actuacións. É o caso dunha vivenda na parroquia de Vilouchada, cuxos propietarios recibiron en 2021 unha achega de 3.000 euros para a renovación da cuberta con tella do país.
E dentro da convocatoria de 2024 este Concello ten aprobadas dúas actuacións en instalacións de titularidade municipal: a mellora do estado do Centro Social de Oa, na parroquia de Xavestre, e a recuperación e acondicionamento do Lavadoiro de Irexe, na parroquia de Chaián. Estas actuacións suman unha axuda total de máis de 26.000 euros.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.