Noticias

Galicia reclama no comité das rexións máis apoio e flexibilidade para garantir unha transición xusta en todos os territorios

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria número 162 do Comité Europeo das Rexións (CdR), enmarcado na edición deste ano da Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek). De especial interese para Galicia foi a aprobación do ditame titulado Unha transición xusta para todas as rexións da UE, no que se reivindica un enfoque inclusivo e equitativo neste proceso cara a unha economía sostible para que ningún territorio quede atrás. O documento subliña a necesidade de apoio específico para as rexións máis dependentes dos sectores afectados pola transición xusta.

Isto pasa pola creación de mecanismos de financiamento e asistencia técnica que axuden a diversificar as súas economías, a fomentar a creación de emprego en ámbitos sostibles e á reconversión dos profesionais actuais. Galicia contribuíu á redacción deste ditame na fase de consulta previa chamando a atención sobre as necesidades particulares das rexións cun forte peso da industria automobilística.

De entre os 11 ditames aprobados, destaca tamén o referido á Promoción do turismo de raíces para unha revitalización local sostible, que contou con catro emendas presentadas por Turismo de Galicia. O texto defende un modelo turístico centrado nas conexións culturais e históricas que sirva para fortalecer a identidade local e fomentar o desenvolvemento económico, creando oportunidades para as pequenas empresas locais a través do consumo de produtos e servizos autóctonos. No documento, destácase o Camiño de Santiago como exemplo de destino sostible, que nace en diferentes puntos de toda Europa, construíndo unha rede de persoas, encontros e experiencias nas que se comparten diferentes identidades, principios e valores.

Por outra banda, presentouse un ditame titulado Plan de execución común do Pacto sobre Migración e Asilo: perspectiva local e rexional, un asunto no que Galicia defende facilitar o acceso dos migrantes ao mercado laboral regulando a súa situación. Sobre o ditame Intelixencia artificial ética e acceso á supercomputación para as empresas emerxentes, a delegación galega lembrou que Galicia será a primeira rexión de Europa en contar cunha lei propia neste ámbito.

De igual importancia para a nosa comunidade foron os ditames referidos ao Plan de Acción Europeo sobre a Enerxía Eólica, que destaca a necesidade de acelerar a transición cara as enerxías renovables –especialmente, a eólica– e ao Cambio demográfico en Europa: conxunto de instrumentos de actuación, que tamén contou con contribucións de Galicia.

Á marxe dos ditames, a sesión plenaria aprobou a resolución relativa ao 5º Informe Anual da UE sobre o Estado das Rexións e das Cidades, que achega unha perspectiva local e rexional sobre os retos actuais, como as transicións verde e dixital, e sobre os desafíos futuros, como a posible ampliación. No documento, destácase o compromiso exemplar de Galicia en canto a innovación e emprendemento no ámbito rural, o que levou á nosa comunidade a recibir o premio de Rexión Emprendedora Europea 2025.

Galicia no Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

R., 2024-10-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES