Archivo (1 del 2024)

Buscador

Noticias

O Servizo Galego de Saúde acadou no pasado ano a cifra de 331 transplantes nos seus hospitais. Sendo 168 de ril, dos que 24 procedían de doantes vivos; 88 de fígado; 4 de páncreas; 22 de corazón e 49 de pulmón. Ademais, dende a realización do primeiro transplante, no ano 1981, ata o remate do 2023, en Galicia lévanse realizado un total de 9.548 transplantes de órganos. Todos estes datos foron presentados en rolda de prensa, na que estiveron presentes o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, e a coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas Caamaño.
A Cidade da Cultura foi a insignia da cultura galega en 2023, segundo vén de publicar o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, un prestixioso informe elaborado coas valoracións de 414 expertos e profesionais de toda España que mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta. Así, o Gaiás encabeza a listaxe de propostas culturais en Galicia e entra no número 63 do ránking nacional, no que tamén figura o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no 84, 13 postos por riba de 2022. Este recoñecemento avala así a calidade e innovación da programación ofrecida pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, que leva cinco anos consecutivos situándose nas tres primeiras posicións deste ránking galego.
A Residencia Literaria 1863 acaba de resolver a bolsa para a IV edición da Residencia Xacobeo para tradutores de literatura galega. A autora este ano será a tradutora e editora norteamericana Lindsay Semel, quen traducirá ao inglés a novela No ventre do silencio de Xosé Luis Méndez Ferrín. O obxectivo da Residencia Xacobeo é estimular e promocionar a tradución de obras literarias en galego, así como impulsar as letras galegas no estranxeiro. Esta cuarta convocatoria é unha nova oportunidade para que un tradutor literario, neste caso Lindsay Semel, poida “traducir unha obra galega nunhas condicións de excelencia e empapándose da cultura que as viu nacer”.
A Xunta impulsa un ano máis a comercialización da Artesanía de Galicia no mercado internacional a través da participación nunha nova edición da feira profesional Formex, que se celebra en Estocolmo (Suecia) entre hoxe e o xoves 18 de xaneiro. A través da Fundación Artesanía de Galicia, preséntase unha colección de pezas de artesanía tradicional e contemporánea na que participan 27 obradoiros artesanais especializados en diferentes oficios. Durante catro días pódese ver na capital sueca unha selección de olería tradicional de Buño e de Gundivós, así como de olería contemporánea, pezas de cestería, cerámica, madeira, pedra, tecido, coiro, bordado contemporáneo, así como coitelos e figuras tradicionais elaboradas con miga de pan.
O dispositivo despregado nos últimos días pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recoller xa case o dobre de plásticos asimilables a residuos urbanos que pellets. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, detallou que desde a activación do dispositivo a comezos de mes os medios do Executivo galego recuperaron o equivalente a 92 sacos de 25 quilos, mentres que o resto de plásticos retirados das praias -materiais que comezaron a recollerse o pasado martes- roldan xa os 4.200 quilos.
A Xunta de Galicia, abre hoxe, luns, 15 de xaneiro, o prazo para presentar as solicitudes para as axudas para o pago do alugueiro, tal e como recolle a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia a pasada semana. A convocatoria, que está dotada cun total de 20 millóns de euros para os anos 2024 e 2025, establece que as axudas que poden acadar o 60 por cento do importe do alugueiro no caso de que as persoas beneficiarias pertenzan a un dos seguintes colectivos: menores de 36 anos, familias numerosas e monoparentais, emigrantes retornados a Galicia recentemente e cunha estadía mínima de 2 anos fóra de España, e persoas inscritas desde hai máis dun ano no Rexistro único de demandantes de vivenda protexida.
Segundo os datos estatísticos do Informe anual de inserción laboral do alumnado de FP, que nesta ocasión analiza a situación dos estudantes que remataron os seus estudos no curso 2019-20 en Galicia, o 85,4% dos titulados de FP estaban traballando no período 2019-20, o que significa un crecemento do 0,8% con respecto ao último estudo publicado ata o momento relativo ao período 2017-18. No caso da FP Dual -onde os estudantes combinan formación académica con formación práctica nas empresas dos respectivos sectores-, a porcentaxe de empregabilidade acada o 97%.
A nova plataforma, que se insire dentro do Plan Obesidade Zero, estrutúrase ao redor de catro grandes eixos que teñen por obxectivo contribuír ao mantemento dunha boa saúde entre os galegos e galegas. En concreto, a alimentación saudable, a realización de actividade física, o coidado do benestar emocional e a prevención de condutas adictivas. Deste xeito, Sanidade Mediaverso contén recursos dixitais, audiovisuais, aplicacións, xogos e programas de realidade aumentada e virtual, nos que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo, e cuxas destinatarias son persoas de todas as idades.
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu Informe de conxuntura socioeconómica IV/2023. Nel destacan que nun contexto de contracción económica na UE o crecemento da economía galega tamén amosa unha ralentización. Porén, engaden os seus autores, “as taxas de variación interanuais seguen a ser superiores ás dos principais socios comerciais galegos, agás Portugal”. Segundo o documento, o PIB galego medra un 1%, oito décimas inferior á media española, e en termos intertrimestrais a economía galega contráese un 0,3%, porcentaxe superior á estimada na zona euro e que contrasta coa suba do 0,3% en España.
O Consello da Xunta aprobou o Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI fóbicas nos espazos de lecer nocturno. Esta medida enmárcase no obxectivo de “tolerancia cero” ante calquera tipo de violencia e busca “previr, detectar e saber como actuar no caso de detectar algunha”. É o resultado dun proceso participativo coas achegas do Observatorio da Violencia de Xénero, do Observatorio LGBTIQ+, e das entidades representativas do sector que, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, fixeron as súas alegacións: a Federación de Hostelería de Pontevedra (Feprohos), a Federación de Asociacións Provinciais de Empresarios de Salas de Festa, Baile e Discotecas de Galicia (Fesdiga), a Asociación de Hostelería de Galicia e a Asociación Galicia de Noite.
« Anterior | 4  de  6 | Siguiente »

Archivo

2025 (171)

2024 (514)

ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES