Noticias

Artesanía de Galicia estará presente na feira internacional Formex de Estocolmo

A Xunta impulsa un ano máis a comercialización da Artesanía de Galicia no mercado internacional a través da participación nunha nova edición da feira profesional Formex, que se celebra en Estocolmo (Suecia) entre hoxe e o xoves 18 de xaneiro. A través da Fundación Artesanía de Galicia, preséntase unha colección de pezas de artesanía tradicional e contemporánea na que participan 27 obradoiros artesanais especializados en diferentes oficios. Durante catro días pódese ver na capital sueca unha selección de olería tradicional de Buño e de Gundivós, así como de olería contemporánea, pezas de cestería, cerámica, madeira, pedra, tecido, coiro, bordado contemporáneo, así como coitelos e figuras tradicionais elaboradas con miga de pan.

As pezas que conforman a colección que se presenta neste evento de referencia no mercado nórdico forman tamén parte dun catálogo profesional de produtos destinado a tendas, distribuidores, interioristas e prescritores internacionais do sector da decoración.

Os obradoiros que participan na edición deste ano son os oleiros de Buño (Malpica de Bergantiños) Alfarería Rulo, Obradoiro Gorín e Alfarería Lista; o de olería tradicional de Gundivós (Sober) Rectoral de Gundivós; os ceramistas da Coruña Víctor Ares, Arobe Cerámica e Susana Anta Cerámica Contemporánea; as de Vigo Misoco, Peixe Nero e a Casa Rodante; Cerámica Unzueta (Brión); Mar Barral (Catoira); Laura Delgado Cerámica (Cambre); Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín); e a ceramista de Lugo Ceniza de papel.

O catálogo complétase coas pezas de cestería de La Parabólica. Julia de la Cal (O Porriño), O carabel ecocestos (Ferrol) e Cestería Antonio Suárez (Vigo); as de madeira elaboradas polos obradoiros Armaior (Quiroga), Carballo Estrela (Pontevedra) e os talleres da Estrada Atalanta Madera e Ferradáns; as pezas de pedra de GSC Petrum (Cuntis); as de tecido elaboradas por Pal.lium (Cangas); as de coiro de Elena Ferro (Vila de Cruces); os bordados de Variopinto (Santiago de Compostela) e os sanandresiños de Jorge Bellón (Cedeira).

Formex está considerada unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño escandinavo e celébrase en dúas edicións anuais, xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse desde o ano 2013.

R., 2024-01-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES