Noticias

O Gaiás, elixido insignia da cultura galega en 2023 polo Observatorio da Fundación Contemporánea

A Cidade da Cultura foi a insignia da cultura galega en 2023, segundo vén de publicar o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, un prestixioso informe elaborado coas valoracións de 414 expertos e profesionais de toda España que mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta. Así, o Gaiás encabeza a listaxe de propostas culturais en Galicia e entra no número 63 do ránking nacional, no que tamén figura o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no 84, 13 postos por riba de 2022. Este recoñecemento avala así a calidade e innovación da programación ofrecida pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, que leva cinco anos consecutivos situándose nas tres primeiras posicións deste ránking galego.

O panel de expertos do Observatorio da Cultura destaca tamén, entre o mellor da cultura dixital feita en España, as instalacións inmersivas do Galiverso e Hábitats. Natureza estendida, que desde o Museo Centro Gaiás e a través da realidade virtual permiten coñecer, dunha maneira novidosa e accesible, o noso patrimonio natural, histórico e cultural. Entre as actividades desenvolvidas pola Cidade da Cultura o ano pasado, o festival de teatro, danza e arte en acción Escenas do Cambio, aparece tamén nunha posición destacada dentro da programación cultural galega.

Entradas máis destacadas do ano

Entre as entradas máis destacadas do ano a nivel nacional atópase a Celebración Picasso 1973-2023 e o Centenario Sorolla, dúas efemérides nas que Galicia participa a través do Museo de Belas Artes da Coruña, que por primeira vez aparece nesta clasificación, situándose no posto número 5 das mellores propostas culturais en Galicia. Faino coas exposicións Picasso branco no recordo azul e Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia.

A primeira delas, unha escolma de 120 pezas para reivindicar a influencia galega na obra do artista malagueño, estivo aberta no museo coruñés de marzo a xuño sumando máis de 50.000 visitantes. Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia, coa que a Xunta se suma a conmemoración do centenario do seu falecemento e que retrata o paso do artista por Galicia, así como a súa relación con persoeiros da época, pódese visitar actualmente no museo, onde permanecerá ata o 10 de marzo.

O observatorio da Fundación Contemporánea tamén elixe ao CGAC como a terceira proposta cultural máis destacada do pasado ano en Galicia. O museo celebrou en 2023 o seu 30 aniversario con medio centenar de actividades para repasar a súa historia e poñer en valor a súa traxectoria ao tempo que se impulsaban diferentes disciplinas e se preparaba á institución para afrontar os retos do futuro.

Por outro lado, o Centro Dramático Galego tamén mellora tres puntos a súa posición na clasificación galega ata o posto número 8. A unidade teatral da Xunta de Galicia consolídase así como unha das propostas culturais da Comunidade de cara a celebración este ano do seu 40 aniversario. Figuran tamén diferentes propostas apoiadas pola Xunta de Galicia como O Son do Camiño ou o filme O Corno, que entran por primeira vez no ránking; o Festival Sinsal da illa de San Simón, que figura tamén entre os dez proxectos máis exemplares polo seu compromiso social e desenvolvemento sostible, onde tamén se destaca o Festival da Luz; o Festival Internacional de Outono de Teatro, o Festival de Cans, o WOS Festival a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ou a Real Filharmonía de Galicia e Orquestra Sinfónica de Galicia.

Cultura inclusiva e accesible

O informe recoñece tamén o traballo feito polo Goberno galego para dinamizar a cultura en espazos rurais, en liña cos obxectivos da futura Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia. Así, entre as mellores propostas figura o ciclo Cultura no Camiño impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para contribuír á dinamización cultural das localidades polas que discorren as diferentes Rutas Xacobeas en Galicia cun dobre obxectivo: descentralizar a oferta escénica e musical e favorecer a contratación de espectáculos producidos en Galicia de xeito profesional. Nesta clasificación figuran tamén proxectos que contan co apoio da Xunta de Galicia como o espazo de creación A Casa Vella de Allariz; o Festival Bal y Gay, na Mariña lucense; o Festival de Cans no Porriño, ou o Festival dos Eidos, no Folgoso do Courel.

R., 2024-01-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES