Buscador
Noticias
Foi presentada a ampliación da ruta Eurovelo na nosa comunidade, o que fará que no ano 2024, Galicia sexa a única rexión onde rematan dúas das 17 rutas que conforman a Rede. EuroVelo é unha rede que atravesa 42 países ao longo de máis de 90.000 quilómetros. Unha das particularidades destas rutas é que poden ser utilizadas tanto por cicloturistas como polos habitantes locais que realizan os seus traxectos diarios. Os obxectivos deste rede encaixan na promoción das viaxes sustentables, no impulso económico, ambiental e social dos territorios polos que transcorre e aposta pola promoción dun medio de transporte que repercute positivamente na saúde dos seus usuarios, xa que se logran hábitos de vida saudable e se empregan medios de transporte totalmente respectuosos co medio ambiente.
A guerra de Ucraína, o cambio climático, a inflación
o contexto de crise global ten múltiples repercusións en moi variados escenarios, entre outros no da igualdade de xénero e a loita contra a violencia machista. Este impacto da multicrise é un dos temas centrais que se abordan nas VIII Xornadas Universitarias Galegas de Xénero que se celebran en Vigo. A organización desta edición da cita das oficinas de igualdade das universidades galegas correspóndelle á UVigo e ten como lema Epistemoloxías feministas en acción.
O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá este domingo o último dos cinco concertos dedicados a Picasso e ás cidades nas que residiu e traballou ao longo da súa vida, nos que se interpretan obras de compositores contemporáneos de Picasso, moitos dos cales foron coñecidos e admirados por el. Enmárcase nas actividades paralelas da mostra Picasso branco no recordo azul coa que a Xunta conmemora o 50 aniversario da morte do artista e que se poderá visitar ata o 25 de xuño. Así, o domingo 11 de xuño a partir das 12,00 horas poderase gozar do cuarteto Bélle Epoque na Coruña, despois de que o ciclo musical puxese o foco nas cidades de Málaga, Barcelona e París.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou na súa reunión semanal 'a maior oferta de prazas de formación sanitaria da historia de Galicia para o exercicio 2023-2024'. En concreto, o titular do Goberno galego explicou que vanse ofertar 636 prazas, das que 'un terzo (207) serán para médicos de familia e outras 52 para enfermeiros de Atención Primaria'. Isto supón que os hospitais e centros de saúde do Sergas contarán no vindeiro exercicio con 16 residentes máis que en 2022. 'O número de prazas de formación sanitaria en Galicia non deixou de medrar desde 2012', lembrou o presidente, que subliñou que na última década 'o incremento foi do 70%' ao pasar das 381 prazas ofertadas para 2014-2015 ás 636 da vindeira convocatoria.
Como cada ano, a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia acolle catro salóns paralelos co Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), a Feira de caza, pesca e natureza (Fecap Abanca), o Salón Turístico de Galicia (Turexpo), e a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) que se converten nos mellores escaparates do carácter punteiro galego en cada un destes sectores. A eles súmanse eidos como a gandería, o enerxético a través da biomasa, o da maquinaria agrícola ou o das mascotas. O evento prolóngase ata o domingo 11, con acceso de balde.
O Observatorio Municipal Galego, da Rede Localis, fixo público este mércores un novo documento de análise da situación económica-financeira dos municipios galegos. Nel, a entidade xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, destaca que os concellos pequenos destinan 426 euros por persoa a servizos públicos básicos, cifra moi similar á dos grandes municipios. O documento é a nota 24 deste Observatorio Municipal Galego e está elaborada por Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e codirector da Rede Localis, unha das actividades da Cátedra do Bo Goberno Local da Universidade de Vigo.
A Fundación Cidade da Cultura programa para este Verán no Gaiás medio cento de actividades pensadas para todos os públicos e cun amplo e variado abano de contidos, que inclúen música, campamentos urbanos, grandes espectáculos familiares de circo, maxia e rock e novas exposicións para gozar da arte dentro e fóra do Museo Centro Gaiás. Entre as novidades, destaca o regreso, logo do parón provocado pola pandemia, de Cidade Imaxinaria, unha das grandes actividades para toda a familia da programación da Cidade da Cultura. Toda unha xornada festiva de teatro, música, circo, xogos e obradoiros ao aire libre que porá o colofón final ao Verán no Gaiás.
A importancia da agricultura e da recuperación e conservación das prácticas agrarias, a necesidade de fortalecer as canles de participación e as redes de conexión e colaboración entre os distintos axentes: veciñanza, produtores, empresas... e a posta en valor da muller como elemento vertebrador da vida social e económica nestes territorios, constitúen algunhas das recomendacións incluídas nas conclusións dos informes elaborados pola plataforma multiactor (MPA) galega liderada pola USC que está a participar no proxecto Sherpa, un programa coordinado desde Bruxelas e financiado con preto de cinco millóns de euros de fondos europeos, no que están implicados unha vintena de países.
A décima edición do Festival Bal y Gay será do 10 ao 24 de agosto. Pasará por Viveiro, Alfoz, Foz, Ribadeo, Cervo, Mondoñedo, Lourenzá ou Barreiros e os concertos celebrarase en lugares como a fábrica de Sargadelos, a Catedral de Mondoñedo, Basílica de San Martiño de Foz, a Fortaleza Alfoz, a igrexa de Lourenzá, entre outros. A Real Filharmonía de Galicia será a encargada de inaugurar a edición o 10 de agosto no Teatro Pastor Díaz de Viveiro cunha gala lírica dirixida por Maximino Zumalave. Os seguintes concertos correrán a cargo, entre outros, do cuarteto de saxofóns Kebyart, a soprano Rocío Pérez, a violonchelista Sara Ferrández, a pianista portuguesa, María Joao Pires, así como a Orquestra Sinfónica de Galicia.
Foron presentados os concertos de O Son do Camiño, que reunirá no Monte do Gozo a 42 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel no Monte de Gozo os vindeiros 15,16 e 17 de xuño, e que ten vendido entradas a público procedente de 35 países. Este evento volverá situar a Galicia como referente musical e será un dos maiores atractivos culturais este verán. O Son do Camiño contará coas actuación de Vetusta Mora, The Kooks, Xoel López, Leiva, Viva Suecia, Marlon, Duki, Ginebras, Bizarrap, Aitana o Maluma, entre outros.