Noticias

As universidades galegas reflexionan sobre o impacto da 'multicrise actual' sobre a violencia machista, a investigación e a docencia

A guerra de Ucraína, o cambio climático, a inflación… o contexto de crise global ten múltiples repercusións en moi variados escenarios, entre outros no da igualdade de xénero e a loita contra a violencia machista. Este impacto da multicrise é un dos temas centrais que se abordan nas VIII Xornadas Universitarias Galegas de Xénero que se celebran en Vigo. A organización desta edición da cita das oficinas de igualdade das universidades galegas correspóndelle á UVigo e ten como lema Epistemoloxías feministas en acción.

A directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, explica que o obxectivo desta cita é “centrarnos en reflexionar sobre a orixe e evolución da orde política patriarcal e o seu impacto na andamiaxe cultural, institucional e cognitiva da nosa sociedade e das nosas universidades”. Para iso, a organización deseñou un programa que comprende conferencias, mesas redondas e sesións póster para debater e reflexionar “dende unha mirada crítica feminista, sobre o actual contexto multicrise e o impacto que está a xerar na violencia de xénero e machista, na ciencia e na academia e tamén nos contidos docentes universitarios con perspectiva de xénero”.

Con esta edición cúmprense dez anos da posta en marcha desta iniciativa, unha evolución que permite, como indica Águeda Gómez, “institucionalizar un espazo de debate e reflexión para as expertas en xénero galegas” e consolidar unha rede de cooperación e traballo colaborativo, de axuda entre todas as institucións e persoas implicadas no eido da igualdade e da perspectiva de xénero”.

Transformar a sociedade dende as universidades

As encargadas de inaugurar a xornada foron a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a vicerreitora de Investigación e Transferencia da UVigo, Belén Rubio; a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Murias Fernández e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, Cristina López Villar.

A vicerreitora da Universidade de Vigo fixo fincapé nos diferentes compromisos que ten a institución olívica coa igualdade, entre eles a Cátedra de Feminismos 4.0 en colaboración coa Deputación de Pontevedra, a posta en marcha de accións positivas para as investigadoras, a creación de salas de lactación, etc. Tamén resaltou a importancia de abordar a perspectiva de xénero “tanto na docencia como na investigación” e lembrou que aínda queda moito camiño por facer para evitar situacións como a que se reflicte nun dos estudos realizados ao abeiro da cátedra, que amosa como no confinamento os investigadores foron quen de incrementar a publicación de artigos científicos, mentres que as investigadoras tiveron que asumir cargas familiares e de coidados.

Pola súa banda, a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Murias Fernández, quixo felicitar ás oficinas de igualdade das tres universidades por seren quen “de entenderse e de traballar cun obxectivo común na organización destas xornadas”, que son “unha mostra de como as universidades, como institucións do coñecemento, asumen a súa responsabilidade con respecto á igualdade efectiva” na docencia, na investigación e no día a día de toda a comunidade universitaria. Tamén avogou por revisar as disciplinas e áreas de coñecemento, para facer “aflorar todas as partes da historia que ata agora non nos foron contando e que se atinxen ao papel das mulleres” e recalcou o papel das universidade á hora de formar de xeito integral e igualitario ás persoas que no futuro van liderar a sociedade, “e se somos capaces de facer isto, seremos capaces de transformar a sociedade da que formamos parte”.

A vicerreitora da UDC, Cristina López Villar, subliñou na súa intervención a importancia da continuidade destas xornadas que recollen o traballo de moitas décadas das investigadoras feministas que comezaron a cuestionar "a ciencia máis hexemónica na academia e a denunciar o carácter androcéntrico e sexista que seguimos a padecer”. Ademais, recalcou, estas xornadas reflicten “a alianza do feminismo e a sororidade” dende as tres universidades galegas e animou a “seguir loitando e denunciando as novas estratexias do patriarcado, tamén a nivel de investigación, para conseguir unha ciencia neutral”.

Finalmente, a secretaria xeral de Igualdade, tamén felicitou ás tres unidades de igualdade pola organización deste evento, no que se abordan aspectos tan importantes como que “a ciencia e a igualdade de xénero son fundamentais para un desenvolvemento sostible”. Incidiu en que “a diversidade en investigación amplía o número de persoal talentoso, achegando novas perspectivas e creatividade" e considera "fundamental que os estados se comprometan a que as mulleres ingresen e permanezan no eido científico e tecnolóxico en condicións de igualdade real”. López Abella tamén reclamou modificacións legais e maior investimento e medios para loitar contra a violencia de xénero.

Tres expertas de renome e tres eidos de reflexión

A finalidade destas xornadas, que cada ano poñen o foco en diferentes aspectos relacionados co xénero e a igualdade, é “impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como un criterio de calidade académica; intercambiar experiencias entre o persoal docente e investigador que xa integre a perspectiva de xénero na súa práctica docente e/ou investigadora e quen teña interese en incorporala; potenciar experiencias innovadoras que inclúan a perspectiva de xénero como un eixe de traballo e promover a creación de redes de colaboración multidisciplinares para integrar a perspectiva de xénero na actividade universitaria”.

A xornada, ademais de debates e mesas redondas, conta coa participación de tres expertas de moita relevancia, como explica Águeda Gómez. A primeira en intervir, xusto para abrir a xornada, foi María José Rodríguez Jaume, profesora da Universidade de Alacante, que conta cunha extensa produción de investigación especializa en temáticas como a posmodernización da familia, as familias adoptivas, as familias transnacionais, xénero e migracións e novas maternidades e paternidades. Ademais, impulsou e coordinou a elaboración das Guías Docentes con Perspectiva de Xénero das Xarxas Vives, que están a ser traducidas o galego polas tres universidades galegas. Precisamente, na súa intervención centrouse na perspectiva de xénero na docencia universitaria.

A segunda conferencia da xornada foi de Marta Macho Stadler, matemática e divulgadora científica da Universidade do País Vasco, editora do espazo dixital Mujeres con Ciencia da Cátedra de Cultura Científica que, dende o 2014, se dedica á difusión do papel das mulleres na ciencia e á visibilidade dos seus traballos tanto das pioneiras como das científicas actuais. Coautora de Mujeres na Ciencia, unha guía didáctica sobre o papel das mulleres na historia da ciencia, Macho centrou o seu relatorio na perspectiva de xénero na investigación e transferencia universitaria.

A terceira intervención da mañá versou sobre as violencias machistas nas universidades, da man de Magdalena Suárez Ojeda, profesora de Dereito Administrativo da Facultade de Ciencias da Documentación, membro do grupo de investigación multidisciplinar da Universidade Complutense de Madrid: Relacións de Xénero no Mundo Contemporáneo. Actualmente é directora da Unidade de Igualdade da Universidade Complutense de Madrid e ten publicados numerosas publicación e estudos. Na súa conferencia centrouse en analizar as violencias machistas nas universidades

Xa pola tarde está programada a sesión póster, á que se presentaron 20 comunicacións e as sesións orais, nas que se exporán as cinco comunicacións presentadas que obtiveron mellor puntuación por parte do comité avaliador. Todas elas, tanto as orais como as de póster, agruparanse nos tres bloques temáticos arredor dos que xira a xornada: perspectiva de xénero na docencia universitaria; violencia contra as mulleres e mulleres, ciencia e investigación.

R., 2023-06-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (20251223-xunta.jpeg) A conselleira do Medio Rural, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presidiu este mediodía a constitución do Observatorio do sector lácteo de Galicia, órgano colexiado de seguimento, asesoramento, consulta e análise deste eido produtivo. Esta reunión ten lugar trala entrada en vigor do decreto que actualizou a regulación deste órgano e que, entre outros obxectivos, persegue facer un seguimento continuado do sector e mellorar o seu funcionamento. O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007
Foto de la tercera plana (otero-pedrayo.jpg) En concreto, o programa do Calendario do Libro e da Lectura inaugurará as súas 35 efemérides para o longo de todo o ano o 11 de xaneiro, co Día do usuario/a da Biblioteca e terá como unha das súas datas significativas desde mes, o Día da Ilustración, que se celebra o 30 e está dedicado ao humorista gráfico Siro López. Complétanse as datas significativas coa celebración, o 1 de abril, do Día das artes galegas, que se centra neste 2026 nun dos nosos fotógrafos máis vangardistas e internacionais, o ourensán José Suárez. En todo caso, este festexo estenderase todo o ano cunha ampla oferta de accións, do mesmo xeito que sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor da escritora Begoña Caamaño.

Notas

O LHCb, un dos detectores do gran colisor de hadróns (LHC) do CERN en Suíza, produce colisións de protóns a altísimas enerxías. Estas colisións xeran partículas inestables que conteñen quarks pesados, cuxa desintegración permite estudar fenómenos de física fundamental que axudan a explicar por que o universo está formado principalmente por materia e case non contén antimateria.
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, mantiveron este martes unha xuntanza na que se abordou a posta en marcha do Observatorio de Vivenda de Vigo tras a sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas institucións con esta finalidade. O obxectivo desta nova ferramenta será realizar e ofrecer unha diagnose constante do mercado da vivenda, monitorizar a súa evolución e propoñer medidas de corrección coa previa avaliación de súa idoneidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES