Noticias

O Gaiás presenta un programa de verán con novas exposicións, unha vintena de concertos, espectáculos familiares de gran formato e campamentos urbanos

A Fundación Cidade da Cultura programa para este Verán no Gaiás medio cento de actividades pensadas para todos os públicos e cun amplo e variado abano de contidos, que inclúen música, campamentos urbanos, grandes espectáculos familiares de circo, maxia e rock e novas exposicións para gozar da arte dentro e fóra do Museo Centro Gaiás. Entre as novidades, destaca o regreso, logo do parón provocado pola pandemia, de Cidade Imaxinaria, unha das grandes actividades para toda a familia da programación da Cidade da Cultura. Toda unha xornada festiva de teatro, música, circo, xogos e obradoiros ao aire libre que porá o colofón final ao Verán no Gaiás.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe xunto á directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, as actividades de Verán no Gaiás, das que gabou a súa calidade e diversidade, que consolidan á Cidade da Cultura como un espazo cultural de referencia para todas as idades. Neste sentido, a Xunta agarda que preto de 70.000 persoas participen este ano no Verán no Gaiás.

A programación estival arrinca o 24 de xuño, Día da Música, co concerto de Fillas de Cassandra, un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedores de Galicia. O dúo vigués actuará na praza central da Cidade da Cultura ás 21,00 horas nun concerto gratuíto chamado a conectar con xeracións novas e maiores a través da súa mestura de canto tradicional, pop e electrónica.

As propostas musicais seguen á caída do sol nos meses de xullo e agosto con Atardecer no Gaiás, cita imprescindible no verán compostelán que este ano programa 18 concertos ao aire libre de estilos que van do punk rock aos ritmos urbanos, o jazz, o soul ou o folk electrónico. Atardecer no Gaiás, que conta co apoio de Cervezas Alhambra nesta edición, combina algúns dos novos talentos e artistas consolidados máis importantes do panorama galego, español e internacional. Entre eles sobresaen nomes como Juancho Marqués, considerado un dos artistas máis influentes dentro do hip hop español, e Natalia Lacunza, artista que logo do seu paso polo concurso de talentos de Operación Triunfo en 2018 se revelou como unha das voces máis célebres do pop actual, chegando a conseguir o disco de platino coa súa canción de debut en solitario Nana Triste.

A directora-xerente da Cidade da Cultura subliñou o apoio do festival ao talento musical galego, que inclúe sete artistas do país: Moura —referente do rock progresivo feito en Galicia— e nomes que empezan a ser coñecidos nos escenarios como KYRA, Lontreira, Catuxa Salom, Mariagrep, Madalena Gamalho, así como os artistas novos premiados no certame Xuventude Crea impulsado pola Xunta de Galicia.

Verán miúdo e en familia

No apartado para as familias, dentro de Verán no Gaiás haberá catro grandes espectáculos gratuítos para gozar nas tardes de xuño e xullo. A maxia de Pedro Volta marabillará a pequenos e maiores co espectáculo Magic Space. A maxia das estrelas, inspirado na exploración do Universo o 28 de xuño. En xullo, o convite é para bailar con Queenmanía e Isto é rock, e o mes remata coa estrea en Galicia do espectáculo de circo Lemniscate, da prestixiosa compañía francesa Bivouac.

Ademais, para atender as necesidades de conciliación de nais e pais durante as vacacións dos centros educativos con alternativas que estimulen a creatividade e a curiosidade da cativada, o Verán no Gaiás oferta os campamentos urbanos Pioneiras e as actividades de Experimentia ao redor da arquitectura e da arte.

Arte dentro e fóra do Museo

A programación artística da Cidade da Cultura vese reforzada no estío con catro novas exposicións que abrirán a partir de xullo: Luz na terra, que rende homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos no ano que se conmemora o centenario da súa fundación; Traballo en equipo. 30 anos do CGAC, mostra que terá dúas sedes simultáneas, no CGAC e no Museo Centro Gaiás; Nicolas Muller. Vento norte, centrada no traballo dun dos fotógrafos documentais máis relevantes do pasado século, e A Coruña no Tempo, cuarta mostra do gran proxecto expositivo sobre a identidade urbana galega —Cidades no Tempo— realizado en colaboración con Afundación.

Tamén regresa en xuño o ciclo de arte exterior Reb/veladas na paisaxe, haberá novas intervencións artísticas nas Torres Hejduk e ampliarase o programa de visitas culturais cos Paseos pola diversidade, para descubrir a fauna e flora do Gaiás, en colaboración con Viaqua.

Alén da súa relevancia como espazo de exhibición, o Gaiás convértese no verán nun fervedoiro que atrae a creadores coa décimo terceira edición do Encontro de Artistas Novos, que se desenvolve co apoio continuado da Fundación Banco Sabadell, a terceira Residencia Literaria da Cidade da Cultura ou as Residencias Paraíso de danza e artes vivas realizadas en colaboración co Colectivo RPM e o Centro Dramático Galego.

R., 2023-06-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES