Archivo (6 del 2023)

Buscador

Noticias

A celebración do Día mundial do doante de sangue coincidiu co 30 aniversario do inicio das campañas postas en marcha en Galicia para animar aos cidadáns a facerse doantes. Neses tres decenios, as doazóns anuais se incrementaron nun 50%, ao pasar das 69.000 do ano 1993 ás 106.000 do ano 2022. En total, os galegos e as galegas fixeron máis de tres millóns de doazóns de sangue. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou este incremento no acto de conmemoración do Día mundial do doante de sangue, no que se celebrou tamén que a Comunidade galega cumpra tres decenios organizando campañas para animar a doar e salvar vidas.
A reciclaxe de envases de plástico, metal (latas), briks e papel e cartón en Galicia incrementouse en algo máis dun 6 % en 2022 respecto ao ano anterior. Así se desprende dos datos que manexa a entidade Ecoembes, organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país e que desde hai anos coopera coa Xunta co fin de mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos. Tendo en conta só os datos que dependen de Ecoembes, o ano pasado remitíronse a instalacións recicladoras para darlles unha nova vida 73.744 toneladas de envases lixeiros e de papel-cartón en toda Galicia, 4.451 toneladas máis que en 2021.
O ciclo Cultura no Camiño supera este ano as 300 actuacións, das cales 90 corresponden a concertos que ofrecerán artistas como A Banda da Loba, Paco Nogueiras, Odaiko, Habelas Hainas, Festicultores ou Leilía, formación histórica que se está a despedir dos escenarios tras 34 anos de traxectoria. Os espectáculos de maxia, que representan 46 funcións, correrán a cargo dalgúns dos nomes máis destacados desta disciplina en Galicia como son o Mago Teto ou Mago Antón. O novo circo, que acapara 66 citas do cartel, estará presente no cartel de Cultura no Camiño da man de formacións como son a propia Pistacatro, Isla Letriska, Circo Chosco ou Peter Punk Pallaso.
Galicia e Portugal buscan sinerxías que permitan seguir estando á vangarda da cooperación e mellorando a economía e a capacidade de atender a cidadanía, no encontro entre o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), Antonio Cunha, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia. Un dos obxectivos prioritarios para Galicia é a busca de novas vías de colaboración co país luso para a consolidación da Eurorrexión como “referente de cooperación institucional, económica e cultural”.
Xunta e sector coinciden en sinalar que o Goberno central non tivo en conta nin ás comunidades autónomas nin ás organizacións agrarias -cando menos ás galegas con representación nacional- á hora de decidir as achegas directas pola seca, que deixarán aos gandeiros galegos tan só cun 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva, porcentaxe destinada ás comunidades que o executivo de Madrid establece como de afectación moderada.
O consorcio CleanAtlantic, liderado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e composto por 19 organizacións de Irlanda, Reino Unido, Francia, Portugal e España, traballou desde 2017 na mellora do coñecemento e das capacidades de prevención, monitorización e eliminación do lixo mariño. Esta iniciativa está financiada polo Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico e conta coa participación de Intecmar e USC.
O Centro Dramático Galego conmemorará en 2024 o seu 40º aniversario coa estrea no mes de abril dunha produción propia de gran formato que será unha das máis ambiciosas da súa historia, ao requirir en escena 20 actores e actrices. Tamara Canosa será a directora desta montaxe que xogará coas premisas que rexen os chamados talent shows, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. A competitividade, as expectativas da superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio son algunhas das coordenadas deste tipo sobre as que pivotará unha produción que, ademais, explorará novas vías para a creación escénica grazas ás residencias artísticas internacionais que se desenvolverán co proxecto europeo Phōnē.
Este ano son 113 areais, 12 portos deportivos e 14 centros azuis (aulas do mar ou da natureza) os que acadan bandeira ou certificado azul pola calidade das súas augas, a xestión medioambiental e os servizos ofrecidos. Logran por primeira vez este distintivo as praias de Caranza (Ferrol) e O Adro (Vigo) e recupérano a praia de Rodeira (Cangas) e o porto de Pedras Negras (O Grove). Ademais Galicia conta con 35 sendeiros con bandeira azul -entregadas no mes de febreiro- que a sitúan como a comunidade con máis camiños que acadan esta distinción de todo o país.
A Xunta de Galicia insiste en solicitar á Sareb unha proposta concreta que inclúa o estado actual das vivendas que a entidade financeira ten dispoñibles na Comunidade e as condicións para a súa cesión. Nunha carta enviada á entidade financeira, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, reitera a necesidade de dispoñer de información detallada sobre os inmobles que ofrece nas grandes cidades e nas súas áreas metropolitanas.
Presentouse a programación do Corazón da Artesanía - Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que celebrara a súa décima edición os días 7, 8 e 9 de xullo no recinto histórico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra). O Corazón da Artesanía é un evento integral destinado a divulgar os oficios artesanais, a impulsar a comercialización da marca Artesanía de Galicia e doutros produtos gourmet de calidade, así como buscar sinerxías entre artesanía e outros sectores como a arquitectura, o deseño ou a gastronomía. En horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas e durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único.
« Anterior | 4  de  6 | Siguiente »

Archivo

2025 (184)

2024 (514)

ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES