Buscador
Noticias
A Cidade da Cultura vén de reorientar a súa oferta de actividades para este segundo semestre co obxectivo de facer da súa programación unha oportunidade para a recuperación da actividade no sector cultural tras a crise da covid-19. Creadores, técnicos, traballadores e empresas galegos e galegas terán especial protagonismo na oferta prevista para os vindeiros seis meses, período no que se intensificarán os esforzos para dinamizar este sector. Con especial atención aos protocolos sanitarios, a programación manterá a súa aposta polas actividades con público presencial, seguindo en todo momento as indicacións para garantir un entorno seguro. Do mesmo xeito, integraranse as tecnoloxías dixitais de xeito regular, con formatos anovadores que permitirán superar as restricións de aforo.
O conselleiro de Cultura e Turismo mantivo unha videoconferencia cos alcaldes da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés na que deu conta do traballo en marcha para facilitar a reactivación da peregrinación xacobea nas próximas semanas, unha vez que se dean as condicións de mobilidade e de seguridade sanitaria que así o permitan. Neste sentido, o representante da Xunta avanzou que o Goberno autonómico ultima o programa Camiño Seguro, co fin de establecer a máxima coordinación entre os distintos organismos xestores e propiciar a reactivación progresiva da peregrinación xacobea superada a situación actual. Todos coincidiron na importancia de ofrecer a máxima seguridade aos peregrinos e aos profesionais e veciños que traballan nos distintos servizos ofertados.
A Xunta Electoral Central vén de acordar a ampliación do prazo do depósito do voto por correo para as eleccións galegas do próximo 12 de xullo. Inicialmente, o prazo para depositar o voto remataba o 8 de xullo, pero agora o límite pasará a ser o 10 de xullo, sempre antes das 14 horas. O prazo para solicitalo en calquera oficina de Correos está xa aberto e a súa data límite mantense no 2 de xullo. Tal e como acordou a Xunta Electoral Central, o voto por correo non se poderá solicitar tan só nas oficinas, senón que Correos habilitará tamén unha vía telemática para facelo. Os usuarios que elixan esta vía para solicitalo precisarán identificarse cos certificados de persoa física recoñecidos polo Ministerio de Industria ou co DNI-e. Non se aceptarán como válidos os sistemas de identificación Chave365 nin o sistema cl@ve.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 563, deles 132 son da área da Coruña, 37 da de Lugo, 51 da de Ourense, 16 da de Pontevedra, 195 da área de Vigo, 114 da de Santiago, e 18 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 1 permanecen en UCI, 26 están en unidades de hospitalización e 536 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.178 persoas curadas, rexistrándose 618 falecementos. O número de PCR realizadas é de 148.150.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse hoxe por videoconferencia coa secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Rita Marques, para avaliar o efecto da desescalada nos fluxos turísticos entre ambas zonas e traballar conxuntamente na reactivación do Camiño de Santiago, un eido no que xa veñen cooperando con resultados satisfactorios ao longo dos últimos anos. Nesta liña, o titular de Cultura e Turismo, acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, trasladoulle á mandataria lusa o obxectivo de reforzar os vínculos entre ambos territorios retomar as liñas de colaboración abertas para poñer en valor a riqueza patrimonial, cultural e natural que comparten Galicia e Portugal.
A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, participou nos últimos días nunha reunión telemática da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) con varias entidades europeas e co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, na que explicou as necesidades dos sectores marítimo-pesqueiro e da acuicultura de Galicia e as medidas adoptadas neste eido fronte á crise do coronavirus. Na súa intervención Isabel Concheiro advertiu da necesidade de articular unha cantidade económica maior dentro do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2021-2027 con posibilidade de adianto coa finalidade de facer fronte ás axudas necesarias para garantir a dinamización e a competitividade do sector nesta nova sociedade e mercado derivada da alerta sanitaria da covid-19.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 569, deles 139 son da área da Coruña, 38 da de Lugo, 52 da de Ourense, 15 da de Pontevedra, 193 da área de Vigo, 112 da de Santiago, e 20 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 1 permanecen en UCI, 23 están en unidades de hospitalización e 545 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.148 persoas curadas, rexistrándose 618 falecementos. O número de PCR realizadas é de 147.188.
A Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) da Consellería de Sanidade salienta a recuperación do ritmo da actividade de doazón e transplante de órganos, a partir do pasado mes de maio despois da crise sanitaria causada pola pandemia da COVID-19. Así mesmo, desde a Coordinación Autonómica de ADOS e da Consellería de Sanidade, co gallo da conmemoración do Día Nacional do Doante, ponse en valor a xenerosidade da cidadanía galega, especialmente dos doantes e das súas familias, que permitiron que, no pasado ano 2019, obtiveranse o mellores resultados tanto de doazón como de transplante desde o inicio do programa de transplantes en Galicia desde o ano 1981.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareceu esta mañá en rolda de prensa telemática para anunciar que o Sergas vén de solicitarlle ao Ministerio de Sanidade o avance da comunidade galega cara á terceira fase da desescalada a partires da vindeira semana e a supresión dos límites de mobilidade entre as catro provincias galegas. Acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e máis o subdirector de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, Almuiña comezou a súa intervención destacando a evolución favorable que segue a amosar a pandemia da covid-19 en Galicia, de acordo aos datos recollidos durante os últimos días.
Galicia logra diminuír o paro en maio un 0,29% con respecto ao mes de abril, o que supón 547 desempregados menos e segue situándose a niveis inferiores aos de hai 11 anos. Este dato posiciona a Galicia como a quinta Comunidade cun mellor comportamento en termos absolutos e a sexta en relativos fronte ao incremento do desemprego a nivel nacional nun 0,69%. O paro tamén baixou nas provincias de Pontevedra e da Coruña e na cidade de Vigo. Os efectos da covid-19 seguen manténdose no sector servizos, o único no que medra o desemprego (+0,15%), que diminúe na construción (-4,65%), a agricultura e a pesca (-1,46%) e a industria (-0,50%).