Noticias

O Gaiás relanza a súa programación do segundo semestre cunha oferta centrada nos artistas e empresas culturais de Galicia

A Cidade da Cultura vén de reorientar a súa oferta de actividades para este segundo semestre co obxectivo de facer da súa programación unha oportunidade para a recuperación da actividade no sector cultural tras a crise da covid-19. Creadores, técnicos, traballadores e empresas galegos e galegas terán especial protagonismo na oferta prevista para os vindeiros seis meses, período no que se intensificarán os esforzos para dinamizar este sector. Con especial atención aos protocolos sanitarios, a programación manterá a súa aposta polas actividades con público presencial, seguindo en todo momento as indicacións para garantir un entorno seguro. Do mesmo xeito, integraranse as tecnoloxías dixitais de xeito regular, con formatos anovadores que permitirán superar as restricións de aforo.

Neste escenario de cambios e ante a necesidade de análise sobre os retos na era post covid-19, a Cidade da Cultura puxo en marcha ciclos como o #Culturalike, centrado no papel das redes sociais na divulgación, ou os Foros #aculturasegue, onde se están a intercambiar ideas entre institucións e nomes de referencia, e que xa ten contado coa participación do Museo Reina Sofía, as compañías de teatro La Fura dels Baus, Voadora ou as editoriais Turner e Rinoceronte.

A situación de incerteza levou tamén a abrir no Gaiás, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, o Servizo de Asesoramento Cultural, un espazo no que técnicos especializados están a orientar de balde a profesionais e empresas do sector ante as numerosas normativas, axudas e convocatorias lanzadas desde as diferentes administracións.

Seis novas exposicións e intervencións artísticas

O Museo Gaiás, mergullado neste momento na devolución das obras de Galicia, un relato no mundo, veuse obrigado a reprogramar o seu calendario expositivo. Deste xeito, Galicia, de Nós a nós, a segunda das grandes exposición internacionais organizada pola Xunta no marco do Xacobeo 2021, terá lugar en outubro e estará comisariada polos profesores Afonso Vázquez Monxardín e Ana Acuña.

A seguinte gran cita expositiva será As miradas de Isaac, a mostra máis ambiciosa realizada ata agora sobre a figura de Díaz Pardo, precisamente cando se conmemoran os cen anos do seu nacemento, un proxecto comisariado polos seus fillos Camilo e Xosé Díaz. Precisamente, no mes de agosto, coincidindo coa data do seu nacemento, a Xunta presentará un amplo repositorio dixital de información especialmente interesante para todos os investigadores e interesados en achegarse á biografía e á polifacética obra dun dos galegos máis apreciados.

Reivindicación do monte

A curto prazo, a actividade expositiva ponse en marcha cunha intervención nas Hejduk que se presentará o 26 de xuño. Co título Paisaxes incultas. Metamorfose do monte galego, a arquitecta compostelá Cristina García Fontán propón unha reivindicación do monte galego, un traballo que conta co patrocinio de Viaqua.

Tamén en xuño, presentarase o Banco do Peregrino, unha instalación realizada a partir da obra Constelacións II da artista Clara Montoya, situada na cima do Bosque de Galicia, nunha localización cunha ampla vista sobre a Santiago.

As Hejduk serán escenario de novo en novembro dun proxecto arredor do Camiño desenvolvido polo Colectivo Cantz, integrado por Marius Ionut e Felipe Romero, gañadores do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk que se lanza cada ano durante a celebración do Encontro de Artistas Novos.

Tamén a curto prazo, a finais de xullo, o Museo abrirá a exposición Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia, unha mostra dirixida aos amantes da gran pantalla e organizada pola Cinématèque française e a Fundación "la Caixa" en colaboración coa Xunta e no marco do Xacobeo 2021.

No eido artístico vén de lanzarse a décima convocatoria do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, que oferta corenta prazas dirixidas a creadores emerxentes galegos que buscan a súa oportunidade de mostrar os seus traballos e de entrar en contacto con nomes xa consolidados da creación contemporánea.

Volve a música en directo

O domingo 21 de xuño, coa simbólica conmemoración do Día da Música, é a data escollida para a recuperación dos concertos con público presencial. O Museo abrirá as súas portas para presentar tres artistas e bandas galegas de diferentes estilos, que subirán ao escenario ao longo de toda a xornada, e cuxos nomes se darán a coñecer nos vindeiros días. As actuacións poderán seguirse no propio Museo –cunha capacidade limitada acorde a normativa sanitaria- ou ben a través da canle de Youtube da Cidade da Cultura.

Continuando co obxectivo de reactivar a actividade musical, volverá en xullo Atardecer no Gaiás, con especial protagonismo nesta edición dos artistas galegos e mantendo o formato de actuación na praza exterior. Ao longo do ano manteranse tamén citas xa consolidadas e vinculadas a música popular e tradicional, como Magostos no Gaiás.

En colaboración coa AGADIC e coa TVG, os exteriores da Cidade da Cultura converteranse tamén no escenario no mes de setembro dun novo ciclo con cincuenta concertos gravados no Museo Centro Gaiás, proxecto que leva por nome Galicia Emerxe.

O Gaiás continuará coa súa segunda edición do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, dirixido por Javier Peña, e lanzará tamén un novo proxecto centrado na escritura creativa.

Maxia e cociña para a cativada

As actividades en familia sitúanse no corazón da programación para o segundo semestre. Aos proxectos como Aventura no monte das artes ou o Club das Lerchiñas, no que contacontos galegas atopaban unha fiestra para amosar o seu talento, agora sumarase Cociñeiras Ilustradas, actividade na que gastronomía e ilustración van da man para estimular na cativada o gusto polos fogóns. Nos vindeiros días concretarase tamén un proxecto co prestixioso mago Pedro Volta que creará a súa propia escola de maxia na Cidade da Cultura.

Por último, reactivase a oferta de visitas comentadas, tanto ao propio complexo como ás diferentes exposicións, sempre atendendo as indicacións sanitarias. Os horarios e información poderán consultarse en cidadedacultura.gal.

No verán e outono cobrarán especial importancia os espazos verdes da Cidade da Cultura. O Bosque de Galicia, o Parque do Lago, o Xardín Literario ou o Xardín do Teatro acollerán novas andainas comentadas, coas que explorar as máis de corenta hectáreas verdes do monte Gaiás.

R., 2020-06-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (galicia-escena-pro-2026.jpg) A Xunta de Galicia convoca as compañías profesionais galegas do sector escénico a presentar os seus espectáculos para formar parte do programa da vindeira feira Galicia Escena PRO, que se desenvolverá en distintos escenarios de Santiago de Compostela entre os vindeiros 25 e 28 de maio. O obxectivo principal desta cita, aá que cada ano acoden arredor dun cento de axentes do sector, é dinamizar a contratación das producións das compañías galegas tanto dentro como fóra da nosa Comunidade, así como de impulsar a súa proxección social. Tamén funciona como espazo para o debate, a reflexión e o encontro profesional arredor das diferentes disciplinas e procesos que conforman este ámbito.
Foto de la tercera plana (convergencias-2026.jpg) Destaca na a programación como unha das citas máis destacadas o tradicional tributo deste festival a José Afonso e Rosalía de Castro. Nesta edición, actuarán o grupo Canto D’Aquí xunto coa Orquestra Filarmónica de Braga, que terá lugar o domingo 22 nesta mesma cidade lusa. No programa tamen están o concerto da cantora galega Uxía, de xira de celebración dos 40 anos de actividade, o recital de poesía Gallaecia, que contará coas autoras Cátia Cardoso e Elba Pedrosa, ou a posta en escena da representación teatral de 'Agora as vellas e os vellos xa se poden namorar', do grupo Pena do Equilibrio.

Notas

A Coruña acollerá no mes de outubro o congreso 'Arquitecturas do mar: Océano Atlántico', que suporá o peche e entrega de conclusións do proxecto europeo SEALabHaus, liderado pola UDC, cuxo investigador principal é Óscar Fuertes, da ETSAC. Ata o 15 de marzo está aberta a convocatoria para o envío de resumos para esta cita na que se propón un cambio de perspectiva ao considerar o Atlántico non como un límite, senón como un territorio construído e historicamente interconectado.
A peza Irmás, de Pascal Rambert, estreada no pasado mes decembro pola compañía da Aula de Teatro da USC, acaba de ser seleccionada para participar na cuadraxésimo terceira edición dos Rencontres Internationales de Théâtre Universitaire (RITU) que se desenvolverán entre o 24 e o 28 de febreiro en Liexa (Bélxica).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES