Noticias

O programa 'Camiño Seguro' procurará a reactivación progresiva e coordinada da peregrinación xacobea

O conselleiro de Cultura e Turismo mantivo unha videoconferencia cos alcaldes da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés na que deu conta do traballo en marcha para facilitar a reactivación da peregrinación xacobea nas próximas semanas, unha vez que se dean as condicións de mobilidade e de seguridade sanitaria que así o permitan. Neste sentido, o representante da Xunta avanzou que o Goberno autonómico ultima o programa Camiño Seguro, co fin de establecer a máxima coordinación entre os distintos organismos xestores e propiciar a reactivación progresiva da peregrinación xacobea superada a situación actual. Todos coincidiron na importancia de ofrecer a máxima seguridade aos peregrinos e aos profesionais e veciños que traballan nos distintos servizos ofertados.

Para iso, sinalou que o programa Camiño Seguro contará cunha batería de medidas para cooperar cos concellos das distintas rutas e co propio sector turístico. Entre elas, referiuse ao protocolo de medidas hixiénico-sanitarias que a Xunta está desenvolvendo en colaboración co Instituto para la Calidade Turística Española (ICTE) ou os cursos de formación para traballadores de albergues, que comezarán a próxima semana cunha oferta inicial de 500 prazas.

“O noso obxectivo é que os peregrinos poidan volver pronto ao Camiño de Santiago, pero a prioridade é garantir a seguridade tanto para os que percorren a ruta, como para os profesionais ou voluntarios que traballan nela”, afirmou Román Rodríguez, unha mensaxe de prudencia que subscribiron todos os alcaldes participantes. Nesta mesma liña, explicou que aínda que os Camiños nunca estiveron pechados fisicamente, as limitacións na mobilidade supuxeron un cese no fluxo de peregrinos que volverá de xeito escalonado. “Agardamos que unha vez recuperada a mobilidade nas diferentes comunidades autónomas, e superada a actual situación, a peregrinación tamén poida retomarse de forma segura”, precisou.

Axudas en marcha para o sector

A xuntanza permitiu analizar a posibilidade de que os albergues públicos abran de xeito gradual, en función da oferta de prazas de aloxamento totais de cada concello. Foi unha medida na que todos estiveron de acordo, polo seu efecto positivo nas economías locais, e que será trasladada tamén ao sector de aloxamento privado –que xa o solicitou–, así como ás asociacións de amigos do Camiño, cuxa actividade ao carón da ruta é imprescindible.

Román Rodríguez lembrou tamén a convocatoria de axudas directas, por valor de 6M€, para que o sector turístico e da restauración poida adaptar os seus negocios, unha liña que tamén está aberta para os establecementos do Camiño. Asemade, teñen a súa disposición o servizo de asesoramento en liña a través do teléfono gratuíto 900 815 334 e o correo electrónico a [email protected], para resolver dúbidas de seguridade sanitaria.

App para reservas

Igualmente, sinalou que a Xunta está traballando no desenvolvemento de plataformas tecnolóxicas que permitan facilitar as reservas nos albergues, informando en todo o momento aos peregrinos das prazas dispoñibles, unha opción que non existía ata agora.

Así mesmo, acordouse que os concellos observarán posibles necesidades no trazado, de xeito que poidan axilizarse pequenas actuacións precisas a través do servizo de mantemento permanente da Xunta. Por último, acordouse reactivar o convenio, dotado cun millón de euros, asinado poucos días antes do inicio do estado de alarma. O obxectivo deste acordo será traballar por un Camiño sustentable, con actuacións paisaxísticas, de dinamización e promoción que ofrezan unha mensaxe de calidade e confianza.

R., 2020-06-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES