Archivo (3 del 2020)

Buscador

Noticias

Galicia rexistra oito novos casos positivos de infección por coronavirus confirmados polo Centro Nacional de Microbioloxía. Con estes, son xa un total de 13 os casos confirmados na nosa comunidade (oito na Coruña, catro en Vigo e un en Ourense). O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe en rolda de prensa que Galicia continúa cunha das taxas máis baixas de casos confirmados con 0,44/100.000 habitantes. Almuiña sinalou que Galicia mantén dende o primeiro momento unha vixiancia permanente a través da rede hospitalaria, atención primaria e 061 para detectar posibles casos e intervir inmediatamente na contención do coronavirus.
A sala Garufa Club da Coruña, unha das 20 asociadas este ano á Rede Galega de Música ao Vivo, acolleu a presentación da programación que se desenvolverá ata finais de ano no seo deste circuíto profesional. Incorpóranse este ano cinco novas salas ao circuíto respecto a 2019: Aturuxo de Bueu, Sala Ruído de Ferrol, Sete Flores do Carballiño, Auriense de Ourense e El Contrabajo de Vigo. Ademais, repiten como parte do circuíto Bâbâ Bar e Garufa da Coruña, A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, SalaSON de Cangas, A Ventana de Laxe, Clavicémbalo de Lugo, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Náutico do Grove, Borriquita de Belem, Casa das Crechas e Sala Moon de Santiago de Compostela, A Arca da Noe de Vilar de Santos, e La Fábrica de Chocolate e La Pecera de Vigo.
Atardecer no Gaiás –o ciclo de concertos de balde e ao solpor da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura– volveralle pór banda sonora ao verán do 9 de xullo ao 3 de setembro con actuacións ao aire libre os xoves. Esta décima edición apostará por artistas galegos: Fon Román, Verto, Xoana, Guadi Galego, Quinteto Nós, dani, Budiño e Son Trío e desenvolverase nun formato máis reducido e coas medidas de seguridade sanitaria da etapa poscovid-19. Precisamente, o protocolo de seguridade sanitaria esixe que nesta edición haxa que reservar praza –limitada a 180 persoas por concerto e con posibilidade de ser dobre para conviventes– na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia (www.cidadedacultura.gal), e que sexa obrigatorio acudir coa máscara de protección.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle desde hoxe e ata o vindeiro 30 de agosto a mostra 'Museo (do ermitán) Man' que recolle a creación artística de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man de Camelle. Trátase dunha exposición na que se lle rende homenaxe a este artista e na que se recolle a esencia da súa creación entre os anos 1969 e 1978. A mostra inaugurada no CGAC está composta por unha selección de 606 fotografías, debuxos e escritos integrados no denominado Museum vom Einsiedler Man. Camelle (A Coruña). Moitas destas imaxes foron retocadas retocadas polo autor modificando as súas medidas orixinais, pintando directamente sobre as mesmas, engadindo comentarios e perfilando as siluetas das figuras captadas.
Galicia acaba de despedir o febreiro máis caloroso das últimas décadas. Esta é unha das principais conclusións do avance do informe climatolóxico de MeteoGalicia, que conclúe que, en xeral, foi un mes seco e moi cálido no conxunto da comunidade se o comparamos co período histórico que se utiliza como referencia. A frecuencia das situacións anticiclónicas foi a tónica xeral durante todo o período, o que impediu a entrada das baixas presións atlánticas e explica os elevados rexistros das temperaturas, máis elevadas que a media climática propia de febreiro. Esta anomalía detectouse tanto nas máximas como nas mínimas, moi cálidas en ambos casos e que, de feito, non baixaron dos 0 graos en ningún punto da comunidade.
A fábrica de Vigo do Grupo PSA é unha das principais plantas de produción da compañía e un dos piares da economía da cidade e de Galicia. Entre 2014 e 2019, o efecto tractor de PSA permitiu crear na comunidade 5.000 novos postos de traballo, ata alcanzar os 22.300 empregos directos no sector da automoción; e os modelos K9 e V20 supoñen unha importante cifra de negocio para o sector auxiliar galego, chegando aos 1.100 millóns de euros. Ademais, PSA participa en dúas iniciativas como a Business Factory Auto, que está a desenvolver a súa 4ª edición; e o Hub de Innovación Dixital, impulsado polo Cluster de Empresas da Automoción de Galicia.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe en rolda de prensa do Consello da Xunta, do investimento de case 2 millóns de euros en material para os hospitais galegos para estar preparados para ofrecer a mellor atención e reducir as posibilidades de contaxio do coronavirus. Ademais de facer un chamamento á tranquilidade, Feijóo incidiu en que “estamos alertados, non alarmados”, como indican os especialistas. Ante esta situación, a Xunta adquiriu novo equipamento para os hospitais galegos. Boa parte dese material xa chegou aos centros hospitalarios e o resto estará no seu destino nos próximos días.
O xurado acordou concederlle o premio da categoría de infantil e primaria á mostra 'Recordando Carvalho Calero', do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña), por combinar da forma máis axeitada a beleza estética, a calidade da lingua e o recurso ás tecnoloxías da información e da comunicación máis innovadoras (como a realidade aumentada). Polo que se refire á exposición Unha vida polo galego, do IES Ferrol Vello, o xurado destacou que consegue plasmar a vida, obra e época de don Ricardo Carvalho Calero nun conxunto harmonioso de carteis nos que son de salientar a modernidade e a acertada selección da información, alén da súa unidade.
Destacan no programa as seis palestras sobre asuntos que lles afectan directamente aos integrantes da industria musical (festivais, fórmulas de apoio á música, asociacionismo, oportunidades de financiamento á produción, contratación internacional e salas de concertos), as reunións personalizadas ou os showcases de Magín Blanco e A Banda das Apertas, Luca Argel, Silvia Penide, Ezetaerre, Barry White Gone Wrong, Xacobe Martínez Antelo Trío e Oîma. Unha parte da programación ábrese ao público xeral, comezando polo concerto de benvida coa cantante galega Uxía e o portugués Rui David, nun espectáculo no que tamén actuarán Nastasia Zürcher, Dios Ke Te Krew e Dealema.
A Amtega vén de publicar os gañadores dos concursos de debuxo e microrrelatos lanzados o pasado mes de decembro para contar coas achegas dos máis novos no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030. Estes certames congregaron a participación de 42 centros educativos das catro provincias galegas e contouse coa implicación de máis de 50 docentes que desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado, entregando 333 traballos. Na fase de votacións os internautas podía darlle o seu “gústame” ás composicións preseleccionadas polo xurado.
« Anterior | 7  de  8 | Siguiente »

Archivo

2025 (248)

2024 (514)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES