Noticias

'Atardecer no Gaiás' aposta por grupos galegos e por un formato máis reducido para a súa décima edición

Atardecer no Gaiás –o ciclo de concertos de balde e ao solpor da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura– volveralle pór banda sonora ao verán do 9 de xullo ao 3 de setembro con actuacións ao aire libre os xoves. Esta décima edición apostará por artistas galegos: Fon Román, Verto, Xoana, Guadi Galego, Quinteto Nós, dani, Budiño e Son Trío e desenvolverase nun formato máis reducido e coas medidas de seguridade sanitaria da etapa poscovid-19. Precisamente, o protocolo de seguridade sanitaria esixe que nesta edición haxa que reservar praza –limitada a 180 persoas por concerto e con posibilidade de ser dobre para conviventes– na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia (www.cidadedacultura.gal), e que sexa obrigatorio acudir coa máscara de protección.

Os concertos celebraranse como vén sendo habitual ás 21,00 horas e está garantida a distancia social cun control de acceso e saída e colocación de pufs, que se disporán na Praza Central da Cidade da Cultura.

O que non cambia nesta décima edición de Atardecer no Gaiás é o de continuar a ser escaparate da escena musical actual, neste caso, galega. E tampouco muda o seu obxectivo de ofrecer un variado abano de estilos que permitan chegar a todo tipo de públicos con música pop, tradicional, indie, flamenca, de cantautor e incluso trap.

Apertura con Fon Román

Fon Román, ex guitarrista e compositor de Los Piratas, será o encargado de botar a andar o ciclo o vindeiro xoves, día 9 de xullo. O músico vigués volve á escena tras unha pausa de oito anos para presentar o seu fermoso e persoal álbum en solitario La chispa, la llama y el humo, unha homenaxe á vida nas súas diferentes fases a través dun traballo minimalista no que sobresaen as súas coidadas guitarras.

O dúo compostelán Verto daralle o relevo o 16 de xullo. A pesar de levar pouco tempo en escena, conseguiron que o trap retranqueiro do seu tema Oie gayego se coase entre os temas máis reproducidos en Galicia na plataforma de música en liña Spotify.

Ritmos urbanos e de baile cun abano de letras que van desde a crítica e o humor acedo do seu hit; ao repertorio íntimo de temas, como Algo que non sexa; ou máis ao carón da actualidade recente, como o confinamento pola pandemia e que se reflicte no tema Pegadiño a ti.

A voz poderosa coma unha diva soul de Xoana será a que encherá a Praza Central o xoves 23 de xullo. A cantante do Porriño trae a Atardecer no Gaiás a súas letras reivindicativas –escritas pola súa nai– ás que viste nunha variedade de xéneros que van desde o rock, ao funk e ao jazz, cos que pode amosar a forza sublime e a calidade do seu rexistro.

Esta valía levou a que con só 20 anos o seu primeiro traballo Dardos se atopase nas semifinais en sete categorías nos Premios de la Música Independiente (MIN), chegando á final do Mellor Disco en Galego.

Programación agosto

Guadi Galego abrigará a programación de agosto de Atardecer no Gaiás. Trátase dunha das artistas máis relevantes e premiadas da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou en Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira e continuou con Espido e Nordestin@s. A súa carreira en solitario tamén está ateigada de éxitos, avalados polo cariño do público e tamén do gremio, como demostran o Premio Martín Códax en Canción de Autor ou o recente Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español, concedido polo seu último traballo Immersión. No Gaiás vaise poder gozar das reinterpretacións dos temas das súa carreira nas sete linguas peninsulares.

Seguiralle o xoves día 13 a actuación de Quintento Nós, agrupación liderada por Marcos Teira, virtuoso guitarrista galego namorado do flamenco, estilo co que tingue todos os paus e co que ten actuado por case todos os recunchos do planeta. Premio Martín Códax ao mellor proxecto de músicas do Mundo, no Gaiás ofrecerá un selecto repertorio de adaptacións a este xénero de temas de jazz e de rock.

Trátase dun traballo colectivo no que participan Moisés Fernández, ao caixón; Alejandro Vargas, ao piano; Alfonso Calvo, ao contrabaixo; Ton Risco, ao vibráfono; e Isaías Salazar, no baile.

Atardecer no Gaiás 2020 tamén mantén como sinal de identidade o de ser plataforma de artistas emerxentes, tal como é o caso de dani, intérprete e compositora nada en Vigo fai 22 anos no seo dunha familia musical: os seus pais son Rosa Costas e Silvino, dous dos membros do mítico grupo Aerolíneas Federales.

No seu repertorio, recolle o legado de toda a tradición da música popular que recibiu desde pequena de Robert Johnson a Rufus Wainwright, de Angele, de Beach Boys a Oasis ou de New Order a Charli XCX e Joe Crepúsculo, enriquecido cos seus estudos no Conservatorio Profesional.

Budiño e Son Trío para o peche do ciclo

Budiño será o encargado de ir despendindo Atardecer no Gaiás 2020. O músico de Cangas presentará na Praza Central da Cidade da Cultura o seu último traballo, Fulgor. Nel racha con seis anos de silencio dándolle protagonismo a súa voz e cun disco indie, tras dúas décadas centrado na gaita e na frauta e na música tradicional. O público do Gaiás será testemuña da súa reinvención, tal e como el mesmo a define, a través de dez cancións orixinais, compostas, producidas e cantadas por el mesmo.

A expresiva voz de Su Garrido Pombo, as composicións ao piano de Katerina Linke e a arte de Susanna Blanco ao violoncello resoarán na Praza Central do Gaiás como alfinete a esta edición de 2020. Estas tres músicas únense en Son Trío para ofrecer un repertorio de melodías de clásica, jazz ou folk, integramente en galego, no que ademais de musicar a Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro, entre outros, ofrecen versións propias de cancións populares galegas.

R., 2020-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-mare-2026.jpg) O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición en Santiago de Compostela, cunha programación que volve situar a cidade como punto de encontro de culturas, linguas e diferentes expresións musicais. A cita reunirá artistas de máis de 16 países e con representación de 12 linguas. A programación desta sétima edición estará formada por máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta. Entre os principais nomes do cartel atópanse Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni, António Zambujo, Magalí Sare & Vox Stellae e Marcos Coll.
Foto de la tercera plana (portugal_galicia.jpg) Foi prsentada a Visión Estratéxica 2026-2028 da Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. A visión estratéxica ofrece un novo marco de actuación co que se pretende reforzar o papel da cooperación transfronteiriza e consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un espazo común de oportunidades, coñecemento, innovación, competitividade e desenvolvemento. Ademais, estrutura a intervención da AECT en cinco grandes áreas -cultura, turismo, xuventude e emprego transfronteirizo e investigación e competitividade-, consolidando proxectos cun impacto recoñecido e abrindo novas frontes de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

Notas

A Real Academia Galega de Ciencias recoñece coas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos da USC e da UVigo. Esta distinción valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvoltas na nosa comunidade, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas. A entrega dos galardóns terá lugar durante o acto do Día da Ciencia en Galicia (8 de outubro).
O VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, vén de recoñecer sete iniciativas que destacan pola súa contribución á igualdade de xénero, á loita contra a violencia machista e á defensa da diversidade sexual. As propostas premiadas representan diferentes ámbitos de intervención –social, cultural, comunitario, artístico e de recuperación da memoria– e comparten o obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES