Notas de prensa

O rastro da historia nos apelidos galegos

O investigador da USC Xulio Sousa e as profesoras da Facultade de Matemáticas e investigadoras do CITMAga María José Ginzo Villamayor e Rosa Crujeiras acaban de publicar o artigo 'Surname Distribution in Galicia: Population Structure, Dialects, and History' na revista 'Names: A Journal of Onomastics' que axuda a desvelar as conexións entre os apelidos, a variación dialectal e a organización histórica de Galicia.

Partindo da análise da frecuencia e distribución territorial de 6.150 apelidos, o obxectivo é identificar rexións onomásticas que permitan comprender os vínculos entre a poboación actual e procesos históricos pasados. Na investigación aplicouse o exame da isonimia da poboación galega (a frecuencia de repetición dos apelidos) combinado con métodos de análise estatística multivariante e agrupamento xerárquico.

Homoxeneidade na distribución dos apelidos

Os resultados do estudo destacan o alto índice isonímico da poboación galega, é dicir, a notable homoxeneidade na distribución dos apelidos. Este fenómeno explícase, en parte, por unha combinación de factores históricos: a escasa inmigración externa durante séculos, unha industrialización e urbanización tardías, e unha tradición rural fortemente arraigada. A investigación confirma que Galicia mantivo unha notable estabilidade demográfica ao longo do tempo. Ata ben entrado o século XX, máis do 60% da poboación vivía en aldeas de menos de 1.000 habitantes, un dato excepcional mesmo dentro de España. A dispersión de poboación favoreceu unha menor mobilidade e unha transmisión moi localizada dos apelidos.

Para lograr unha cartografía onomástica realmente significativa, o equipo investigador aplicou tres filtros cruciais ao conxunto dos datos: non se consideraron os apelidos máis comúns (como Rodríguez, González ou Fernández), descartáronse os que só aparecían nun municipio ou eran de orixe estranxeira e excluíronse os apelidos de persoas nacidas despois de 1965. Este último criterio buscaba atenuar o efecto distorsionador do proceso de urbanización, acelerado especialmente a partir dos anos sesenta do século pasado. Por outra parte, cómpre destacar a alta porcentaxe de apelidos de Galicia que teñen orixe en nomes de lugar.

Cinco grandes rexións onomásticas en Galicia

Os autores estableceron cinco grandes rexións onomásticas en Galicia, cuns límites que presentan similitudes sorprendentes con outras formas de organización territorial: a distribución de variedades léxicas do galego e os límites históricos das dioceses católicas. Ao comparar mapas onomásticos e léxicos, xorden similitudes sorprendentes: áreas que comparten unha certa homoxeneidade en apelidos tamén tenden a agruparse lingüisticamente. Por outra banda, descóbrese unha correspondencia significativa entre as cinco rexións onomásticas e as seis dioceses católicas históricas que aínda organizan a Galicia actual. Algunhas, como a de Mondoñedo-Ferrol, mostran unha notable coincidencia territorial cun dos clústeres de apelidos identificados. Este resultados convidan a pensar que a antiga estrutura eclesiástica —herdeira de divisións romanas e consolidada na Idade Media— actuou como unha forza organizativa profunda nas comunidades rurais galegas.

Os autores apuntan que estas coincidencias se deben interpretar con cautela, aínda que “son un estímulo para abrir a porta a novas liñas de investigación en lingüística, historia, xenética e antropoloxía, e consolida o papel da onomástica como disciplina clave para entender a complexidade do ser humano e as súas comunidades a través do tempo”. Máis aló do caso galego, indican, o estudo reafirma o valor dos apelidos como ferramentas para entender o pasado “xa que os apelidos non só reflicten dinámicas poboacionais, senón tamén estruturas sociais, relacións culturais e variantes lingüísticas”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-06-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES