Noticias

Feijóo fai un chamamento á tranquilidade no caso do Coronavirus e incide en que estamos 'alertados, non alarmados'

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe en rolda de prensa do Consello da Xunta, do investimento de case 2 millóns de euros en material para os hospitais galegos para estar preparados para ofrecer a mellor atención e reducir as posibilidades de contaxio do coronavirus. Ademais de facer un chamamento á tranquilidade, Feijóo incidiu en que “estamos alertados, non alarmados”, como indican os especialistas. Ante esta situación, a Xunta adquiriu novo equipamento para os hospitais galegos. Boa parte dese material xa chegou aos centros hospitalarios e o resto estará no seu destino nos próximos días.

Segundo explicou o presidente da Xunta, trátase de: 34 novos equipos de ventilación non invasiva, destinados á entrada dos pacientes en urxencias de adultos; 27 ventiladores volumétricos para as unidades de críticos; outros 7 ventiladores para o transporte de pacientes desde os hospitais comarcais ás unidades de referencia, e 6 novos equipos portátiles de raios X para a realización de imaxes radiolóxicas dos pacientes illados en urxencias.

Este reforzo ven sumarse ás medidas xa adoptadas pola Xunta como o teléfono gratuíto 900 400 116. Feijóo lembrou tamén que se alguén presenta síntomas e provén dunha zona de risco debe chamar ao 061 e o persoal sanitario se desprazará ao seu domicilio para efectuar as probas se o considera necesario.

Ademais de manter unha coordinación constante co Ministerio de Sanidade e co resto das comunidades autónomas, o Sergas reforzouse con 60 profesionais máis nos equipos que recollen mostras, nos servizos de prevención dos hospitais e os laboratorios de microbioloxía que realizan as probas, e no propio 061.

Ata onte, 4 de marzo, ás 22,00 horas, o Sergas realizou probas de laboratorio a 167 persoas, das cales unha deu positivo e cinco están pendentes de resultado. Tamén se realizaron 55 tomas de mostras a domicilio e 45 traslados de pacientes a centros hospitalarios.

O presidente da Xunta recordou as recomendacións que fan os expertos: lavar as mans con frecuencia, evitar tocar ollos, nariz e boca e cubrir a boca cun pano desbotable ou co cóbado ao tusir.

R., 2020-03-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-mare-2026.jpg) O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición en Santiago de Compostela, cunha programación que volve situar a cidade como punto de encontro de culturas, linguas e diferentes expresións musicais. A cita reunirá artistas de máis de 16 países e con representación de 12 linguas. A programación desta sétima edición estará formada por máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta. Entre os principais nomes do cartel atópanse Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni, António Zambujo, Magalí Sare & Vox Stellae e Marcos Coll.
Foto de la tercera plana (portugal_galicia.jpg) Foi prsentada a Visión Estratéxica 2026-2028 da Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. A visión estratéxica ofrece un novo marco de actuación co que se pretende reforzar o papel da cooperación transfronteiriza e consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un espazo común de oportunidades, coñecemento, innovación, competitividade e desenvolvemento. Ademais, estrutura a intervención da AECT en cinco grandes áreas -cultura, turismo, xuventude e emprego transfronteirizo e investigación e competitividade-, consolidando proxectos cun impacto recoñecido e abrindo novas frontes de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

Notas

A Real Academia Galega de Ciencias recoñece coas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos da USC e da UVigo. Esta distinción valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvoltas na nosa comunidade, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas. A entrega dos galardóns terá lugar durante o acto do Día da Ciencia en Galicia (8 de outubro).
O VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, vén de recoñecer sete iniciativas que destacan pola súa contribución á igualdade de xénero, á loita contra a violencia machista e á defensa da diversidade sexual. As propostas premiadas representan diferentes ámbitos de intervención –social, cultural, comunitario, artístico e de recuperación da memoria– e comparten o obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES