Buscador
Noticias
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta mañá en rolda de prensa que Galicia restrinxirá a mobilidade entre as once da noite e as seis da mañá, cumprindo deste xeito a normativa estatal. Segundo confirmou Comesaña, o comité clínico considerou que este horario é suficiente, tendo en conta que toda a Comunidade está cumprindo o nivel 2 de restricións desde hai unha semana e que se limitaron as xuntanzas a un número máximo de 5 persoas, coas consabidas excepcións en determinados concellos e comarcas.
Os datos do terceiro trimestre da Enquisa de Poboación Activa (EPA), facilitados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), reflicten que Galicia, pese á crise sanitaria, logrou crear emprego de calidade e diminuír a taxa de paro, que se sitúa nun 11,80%, mellorando en 4,46 puntos a do Estado (16,26%). A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe estas cifras e destacou que a estabilidade de Galicia e as políticas de emprego que desenvolve a Xunta permitiron crear traballo. Con respecto ao segundo trimestre deste ano, a ocupación en xeral creceu en 32.200 persoas (+3,07%), recuperando practicamente o descenso rexistrado no trimestre anterior. Os traballadores con contrato indefinido medraron en 1.800 persoas (+0,27%) e a ocupación a tempo completo creceu en 37.200 ocupados máis (+4,09%).
A elección do futuro profesional e das hipotéticas carreiras científicas da mocidade actual está influenciada en grande medida polos estereotipos sociais e polos prexuízos de xénero, segundo se desprende dos datos rexistrados na enquisa A ciencia como profesión, unha consulta lanzada polo grupo XuvenCiencia da USC co gallo da última edición celebración do Día Internacional da Muller e da Nena Ciencia e orientada a favorecer mecanismos e espazos para a reflexión e a coeducación na que participaron preto de 700 estudantes de ensino medio pertencentes a 31 centros educativos de Galicia.
Un total de 85 proxectos aplicables ao sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados optan a formar parte da terceira edición da Business Factory Aero (BFAero), impulsada pola Xunta dentro do polo aeroespacial de Galicia, tras pecharse o prazo de presentación de solicitudes. Así, a aceleradora bate o seu récord de participación e practicamente duplica as cifras das dúas anteriores convocatorias, nas que se inscribiran 54 e 40 proxectos seleccionables, respectivamente.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 6.766, deles 1.167 son da área da Coruña, 673 da de Lugo, 1.390 da de Ourense, 683 da de Pontevedra, 1.243 da área de Vigo, 1.122 da de Santiago, e 488 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 55 están en UCI, 389 en unidades de hospitalización e 6.322 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 25.585 persoas curadas, rexistrándose 868 falecementos. O número de PCR realizadas é de 640.621.
O turismo galego resistiu mellor o mes de setembro que o conxunto de España, cun diferencial positivo de 18 puntos nas pernoctacións, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Así, se en Galicia o descenso das noites en establecementos hoteleiros baixou un 60% respecto ao mesmo mes do ano pasado, na media nacional a baixada acadou o 78%. Galicia segue a conter a caída xeneralizada, ao igual que nos meses de xullo e agosto, nos que se situou 24 por debaixo que a nivel nacional. En canto á ocupación hoteleira, a influencia da covid-19 supuxo un descenso interanual de arredor de 27 puntos, pero en España a baixada foi 14 puntos superior ao caer máis dun 40%.
O subcomité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 na nosa comunidade aprobou, na súa reunión de hoxe, un protocolo de prevención da covid-19 nos cemiterios de Galicia ante a festividade de Todos os Santos e Defuntos, tendo en conta que este xornada conleva a agrupación nos cemiterios de persoas nun curto período de tempo, moitas delas vulnerables, o desprazamento entre localidades e o consecuente encontro de unidades familiares de distintos ámbitos territoriais, polo que é necesario establecer unha serie de recomendacións que minimicen o risco de transmisión. Así, segundo o protocolo, respecto das medidas de protección persoal, evitarase o contacto físico e hai que cumprir a medida de mantemento da distancia de seguridade interpersoal.
Foi presentado na Biblioteca Provincial de Lugo o libro Don Ricardo de Fingoi, sobre os quince anos lucenses de Ricardo Carballo Calero. Á presentación asistiron vinte persoas que se inscribiron telematicamente e que completaron o aforo legalmente permitido. Participaron no evento Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Magalí Carballo, filla do escritor; Asunción Fernández (Siña), directora do Colexio Fingoi; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria. No decurso deste acto rendeuse homenaxe á discípula de Carballo Calero, Araceli Herrero Figueroa, recentemente falecida, e que tivo parte importante na confección deste libro e preparación de documentación para o proxecto Don Ricardo de Fingoi.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe 108 proxectos cos que Galicia podería optar aos fondos europeos de reconstrución. Máis dun centenar de iniciativas que, grazas á colaboración público-privada, mobilizarían un total de 9.400 millóns de euros. No tocante aos proxectos, subliñou que, seleccionados en catro eixes para dar resposta aos retos sanitarios, económicos, sociais e medioambientais derivados da crise xerada pola pandemia, centraranse en catro eidos: na modernización do tecido produtivo, na mobilidade sustentable e na transición ecolóxica, nunha Galicia máis cohesionada social e territorialmente e nunha administración dinámica e dixital.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.675, deles 911 son da área da Coruña, 542 da de Lugo, 1.489 da de Ourense, 564 da de Pontevedra, 995 da área de Vigo, 891 da de Santiago, e 283 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 47 están en UCI, 317 en unidades de hospitalización e 5.311 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 24.255 persoas curadas, rexistrándose 847 falecementos. O número de PCR realizadas é de 609.516.