
Outro dato salientable nesta edición é a alta participación de proxectos de fóra de Galicia e incluso de fóra de España que xa ven a comunidade e o programa de BFAero como un referente e unha oportunidade para impulsar as súas ideas con drons. Dos 85 proxectos seleccionables, 27 son galegos (11 da provincia da Coruña, 9 de Pontevedra, 6 de Lugo e 1 de Ourense), 52 proceden doutras provincias españolas (19 de Madrid, 5 de Asturias, 3 de Barcelona, Valencia e Zaragoza, 2 de Gipuzkoa, A Rioxa, Málaga, Valladolid e Tarragona e os restantes de Albacete, Alacante, Almería, Castellón, Granada, Navarra, Salamanca, Santa Cruz de Tenerife e Sevilla) e 6 deles veñen de fóra de España (dous de Portugal e os catro restantes de Arxentina, Chile, Cuba e Francia).
Por modalidades de proxectos, 50 deles están nunha fase inicial e polo tanto optan ao programa de incubación e 35 queren entrar no programa de aceleración. As áreas temáticas máis presentes nas ideas rexistradas son a relacionada co deseño e produción (24%), a de obtención de datos e información con drons (20%), a de tecnoloxías habilitadoras (13%) e a de automatización (13%). Hai tres proxectos que se sumaron á nova área temática incluída este ano para solución contra a covid-19 a través de vehículos non tripulados.
Máis dun cento de candidaturas participaron no proceso de inscrición e son estas 85 as que cumpren todos os requerimentos e xa están na fase de selección, na que agora serán avaliadas polo Comité Executivo de BFAero. Só sete obterán finalmente unha praza para participar no programa, tres delas en incubación e catro en aceleración.
Aberta a votación popular na web da aceleradora
Ata este xoves 29 de outubro ás 14.00 horas estará aberta a votación popular na web https://www.bfaero.es/ para que o público poida elixir os seus proxectos favoritos. Os dous proxectos que obteñan máis votos pasarán directamente á última fase de selección e poderán defender a súa idea ante o Comité Executivo xunto cun mínimo doutras dez candidaturas que superarán esta primeira criba.
Os resultados desta terceira edición confirman o auxe e interese que esperta un sector tan específico como o da aeronáutica e os vehículos non tripulados. En apenas dous anos, BFAero lanzou tres convocatorias nas que se presentaron case duascentas candidaturas, 89 delas procedentes de Galicia. Estes datos reforzan o importante papel da Civil UAVs Initiative para reter e captar talento na comunidade galega, que conseguiu converterse xa nun polo aeronáutico de referencia en España.
As sete startups que sexan seleccionadas sumaranse ao ecosistema de BFAero xunto coas doce empresas xa impulsadas nas dúas anteriores edicións e recibirán un completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto ou servizo no mercado local, nacional e internacional, cunha duración de 12 meses. Así, terán á súa disposición titorías e mentorización con expertos no sector, acceso ás instalacións e equipos da Civil UAVs Initiative, oficina propia e espazos para realizar coworking e recibir unha completa formación en todos os aspectos que afecten á súa idea de negocio. Os proxectos contarán con asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional. Ademais poderán dispor de UAVs de Indra e Babcock de maneira gratuíta e de horas de voo bonificadas. Tamén terán a opción de obter a certificación de piloto.
Apoio económico
BFAero é a aceleradora deste sector con maior dotación de apoio económico de Europa. Os proxectos admitidos na aceleradora disporán do apoio económico da Xunta. En concreto, accederán a un financiamento de ata 50.000 euros a fondo perdido por proxecto. Adicionalmente, optarán a un apoio financeiro en forma de préstamos de Indra (a través de Indraventures) de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración, préstamos convertibles e tecnoloxía a cambio de capital (Tech4Equity). Ademais, na fase de aceleración terán acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros da Xunta de Galicia a través de XesGalicia.
A Businness Factory Aero, impulsada pola Xunta, acolle as empresas nas súas instalacións da Fundación CEL Iniciativas por Lugo. BFAero é un proxecto de equipo: aos membros da Xunta, que inclúen a a Axencia Galega de Innovación (Gain), Igape e XesGalicia, súmanse colaboradores de relevancia para garantir o éxito da iniciativa: empresas tractoras líderes do mercado no sector como Indra ou Babcock, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), pequenas e medianas empresas relevantes polo seu coñecemento ou as súas tecnoloxías, entidades como o Consorcio Aeronáutico de Galicia e xeradores de coñecemento como as tres universidades galegas.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.