Noticias

Galicia diminúe a súa taxa de paro, que se sitúa nun 11,80%

Os datos do terceiro trimestre da Enquisa de Poboación Activa (EPA), facilitados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), reflicten que Galicia, pese á crise sanitaria, logrou crear emprego de calidade e diminuír a taxa de paro, que se sitúa nun 11,80%, mellorando en 4,46 puntos a do Estado (16,26%). A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe estas cifras e destacou que a estabilidade de Galicia e as políticas de emprego que desenvolve a Xunta permitiron crear traballo. Con respecto ao segundo trimestre deste ano, a ocupación en xeral creceu en 32.200 persoas (+3,07%), recuperando practicamente o descenso rexistrado no trimestre anterior. Os traballadores con contrato indefinido medraron en 1.800 persoas (+0,27%) e a ocupación a tempo completo creceu en 37.200 ocupados máis (+4,09%).

Ademais, os traballadores menores de 30 anos aumentaron en 6.300 persoas (6,18%) e os fogares con todos os activos ocupados incrementáronse en 2.800 (+0,46%), ao tempo que diminuíron os que teñen todos os activos en paro en 3.900 (-6,83%).

Lado sinalou que a taxa de paro se sitúa nun 11,80%, diminuíndo en 0,15 puntos con respecto á do trimestre anterior e mellorando a taxa de España (16,26%) en 4,46 puntos. A taxa de paro feminina tamén é mellor en Galicia (13,04%) que no Estado (18,39%), situándose 5,35 puntos por debaixo da estatal. Na evolución trimestral, o número de activos medra en 34.500 persoas (+2,89%), a maior subida nun terceiro trimestre de toda a serie histórica (ano 2002).

Na evolución anual, a Comunidade galega tamén acada crear emprego indefinido. Deste xeito, os traballadores indefinidos crecen en 18.800 persoas (+2,91%), encadeando máis de tres anos de subidas consecutivas. Galicia conta na actualidade con 663.800 empregados indefinidos, a cifra máis alta nun terceiro trimestre de toda a serie histórica (2002). Así, tres de cada catro ocupados galegos son indefinidos. Lado resaltou que mentres que en Galicia aumentaron os traballadores indefinidos con respecto ao mesmo trimestre do ano pasado, no Estado baixaron. A directora xeral, así mesmo, sinalou que o paro medrou en 1.300 persoas (+0,91%), aínda que o ritmo de subida en Galicia foi moi inferior á media estatal (+15,82%), con case 15 puntos menos.

A directora xeral puxo en valor que Galicia creou emprego indefinido na evolución anual e trimestral e indicou que o principal obxectivo da Xunta continúa sendo o impulso da economía e a xeración de emprego. Así, explicou que a Administración autonómica está deseñando medidas acordes ao novo contexto socioeconómico, consensuadas cos axentes sociais e económicos. “Temos que avanzar entre todos cara unha recuperación económica e social”, engadiu.

Neste senso, lembrou que o Goberno galego aprobou o Plan de reactivación económica cun orzamento de máis de 3.000 millóns de euros en investimento público e privado, que inclúe axudas para as pemes e os autónomos. Así mesmo, afirmou que na actualidade estase perfilando coa Mesa do Emprego Autónomo e no seo do Diálogo Social o Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas. A iniciativa está dotada con 70 millóns de euros para contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica de 30.000 autónomos e de 10.000 microempresas.

R., 2020-10-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES