Buscador
Noticias
As políticas de vivenda recibirán un forte pulo no ano 2019, grazas ao orzamento do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que xestionará case 40 millóns de euros, cos que manterá o impulso ás políticas de rehabilitación e de acceso á vivenda. A aposta pola rehabilitación concrétase nunha partida de preto de 36 millóns, o que supón un incremento dun 9% máis que no ano anterior; que permitirá o desenvolvemento de actuacións ao abeiro de programas como o Rexurbe, que terá 7,3 millóns; as áreas de rehabilitación integral (ARI), ás que se destinan 6,5 millóns de euros; ou o programa de rehabilitación de vivendas de mestres, con 1,6 millóns.
Os Premios do Comercio Galego 2018 distinguen os establecementos a nivel provincial e autonómico que na súa xestión comercial executan accións innovadoras que comporten unha clara diferenciación e unha mellora na fidelización e a personalización do servizo e do produto. Para iso, valórase a transformación dixital, os servizos engadidos á propia oferta comercial, accións promocionais especiais e utilización de ferramentas tales como a web e as redes sociais como canles de comunicación e venda e a integración entre as canles online e offline.
A primeira Estratexia galega de economía social contará cun orzamento global de 73 millóns de euros e impulsará un total de 25 medidas ata 2021, co obxectivo de xerar 3.000 empregos e crear 300 novas entidades neste eido. Trátase dunha iniciativa consensuada co sector para crear novas oportunidades de negocio en empresas que están enfocadas ás persoas e que contan cunha maior cohesión territorial e social. Está dirixida, principalmente, ás cooperativas, ás sociedades laborais, aos centros especiais de emprego e ás empresas de inserción laboral.
A nosa Comunidade conta con 16.806 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do 8,98%, superando en case un punto o descenso acadado en novembro de 2017. Galicia, deste xeito, posiciónase como a segunda comunidade na que máis baixa o paro na evolución anual superando, ademais, o ritmo de baixada da media estatal en máis de dous puntos e medio de diferencia. En España a caída no número de persoas sen emprego sitúase no -6,37%.
Son xa cinco anos de baixadas consecutivas do paro, desde novembro de 2013, e os niveis de desemprego son inferiores ao dato de 2008, o ano de inicio da crise.
Na X edición do Premio de Educación para o Desenvolvemento 'Vicente Ferrer' foron galardoados o IES Terras de Trasancos de Narón (A Coruña), por un proxecto titulado 'Árbore de Trasancos' e o CPI do Toural de Vilaboa (Pontevedra), polo proxecto titulado 'Mellores persoas para o mundo'. Este premio recoñece cada ano a quince centros docentes públicos pola realización de accións, experiencias educativas, proxectos ou propostas pedagóxicas destinadas a sensibilizar, concienciar e desenvolver o espírito crítico.
A Coruña Respira ofrece unha serie de actividades dirixidas aos músicos e músicas da cidade e da súa area metropolitana para contribuír á súa formación e darlle unha visión global sobre o sector musical e os seus retos no presente e no futuro. Este plan de promoción e produción para músicos e músicas contará con actividades abertas ao público. Están confirmadas unha serie de clases maxistrais, charlas formativas, speed meetings entre músicos e programadores, doce concertos e a inauguración da exposición Soundtrack sobre fotografía musical.
O vitivinícola é o sector agroindustrial máis exportador de Galicia, acadándose un nivel de vendas no exterior de arredor do 20% da produción total. A última vendima medrou por riba do 4% en relación coa campaña de 2017 ata situarse, con 64 millóns de quilos, como a segunda máis abondosa da historia, tras a do ano 2011. En toda Galicia, no marco das súas cinco denominacións vinícolas, traballan uns 15.000 viticultores e funcionan case 450 adegas, xerando un valor económico estimado anual que supera os 210 millóns de euros.
As iniciativas apoiadas abranguen actividades do sector industrial como a impresión de artes gráficas; do agroalimentario, como a fabricación de pan e pizzas e unha adega; e dos servizos, como un centro de día, unha axencia de seguros e unha escola hípica. Esta liña de axudas está deseñada para impulsar a posta en marcha de proxectos de nova creación e para a consolidación, durante os seus primeiros 42 meses de funcionamento, de iniciativas empresariais de emprendedores ou autónomos. Poden solicitar o apoio do Galicia Emprende iniciativas con investimentos comprendidos entre os 25.000 e os 500.000 euros.
A Fundación Cidade da Cultura presentou un avance da súa programación de inverno, na que os nenos e nenas terán un papel destacado, especialmente nos meses do Nadal. Obradoiros creativos, cinema e unha grande árbore de Nadal para decorar en común sobresaen entre as actividades se poderán gozar no Gaiás. O Museo Centro Gaiás transformarase nunha auténtica Cidade do Nadal que abrirá as súas portas na tarde do 14 de decembro co acendido das luces que este ano iluminarán tanto o interior do museo como o exterior do Gaiás.