
O vitivinícola é o sector agroindustrial máis exportador de Galicia, acadándose un nivel de vendas no exterior de arredor do 20% da produción total. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa intervención no acto de nomeamento de novos membros da Confraría do viño do Condado do Tea e espumosos, celebrado hoxe en Salvaterra de Miño.
Neste mesmo sentido, o titular de Medio Rural salientou os datos positivos da última vendima, que medrou por riba do 4% en relación coa campaña de 2017 ata situarse, con 64 millóns de quilos, como a segunda máis abondosa da historia, tras a de 2011, remarcou José González.
Así, o conselleiro avogou por contemplar o eido do viño como un sector económico que xera emprego e riqueza, ademais de contribuír ao aproveitamento dos nosos recursos endóxenos, como son a terra ou o clima. Para reafirmar este carácter, lembrou que en toda Galicia, no marco das súas cinco denominacións vinícolas, traballan uns 15.000 viticultores e funcionan case 450 adegas, xerando un valor económico estimado anual que supera os 210 millóns de euros.
Por todo isto sinalou José González, temos que estar moi orgullosos do que representa o viño para o noso agro e seguir esforzándonos para continuar mellorando a súa calidade e proxección exterior. Engadiu que por extensión, debemos estar moi satisfeitos do noso medio rural. Por último, en relación coa festa do viño espumoso de Salvaterra de Miño, o conselleiro salientou a súa consolidación tras cinco edicións desta celebración e polo feito de contar xa con oito adegas diferentes.
Confraría do Viño do Condado
A Confraría do Viño do Condado do Tea céntrase na promoción dos caldos desta subzona das Rías Baixas e está integrada por arredor de 100 confrades, entre membros numerarios e de honra, a maior parte deles vinculados ao mundo do viño. Nesta xuntanza, que coincide coa quinta festa do viño espumoso de Salvaterra de Miño, nomeáronse como novos membros da entidade o profesor Pablo Saa, do CIFP A Granxa de Ponteareas, e José Domingo Garrido Pérez, responsable comercial de Adegas Galegas do grupo Martín Códax.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.