Buscador
Noticias

O 92,2% das familias con fillos e fillas escolarizados na nosa Comunidade considera importante que exista unha lei que regule o emprego da tecnoloxía no ensino. Así se recolle na enquisa Dixitalización do sistema educativo en Galicia, realizada polo Instituto Galego de Estatística. No que atinxe ás redes sociais, o 93% estima axeitado establecer restricións no acceso aos menores de 16 anos. De feito, o 51,3% das familias usa mecanismos de control parental de forma habitual, especialmente na ESO (62,6%) e Primaria (61,2%). A valoración das familias respecto á integración das tecnoloxías no modelo pedagóxico é maioritariamente positiva e, de feito, o 73,1% considera que as actividades dixitais están ben integradas co resto das tarefas e o 73,3% valora positivamente o uso que fai o profesorado destas ferramentas.

Sanxenxo volverá converterse este verán nun dos grandes referentes da música en directo en Galicia coa celebración da cuarta edición de Costa Feira, un evento que ofrecerá máis dunha decena de concertos e propostas musicais entre os meses de xullo e agosto no recinto do Polígono de Nantes. O ciclo arrancará o 24 de xullo con Wake Up! in Costa Feira e continuará o 28 de xullo e os días 4, 11 e 18 de agosto coa proposta Electrolatino, que reunirá artistas destacados neste xénero como Henry Méndez, Danny Romero, Jose de Rico, Anthony & Yeigo, Jay Santos, Marc Magán ou Mar Lucas.

Ponse en marcha a programación da 14ª edición de Cultura no Camiño, que este verán ofrecerá 316 espectáculos escénicos e concertos a cargo de 147 formacións artísticas en 87 concellos galegos situados nas diferentes rutas xacobeas. Trátase dunha proposta enmarcada na campaña Para gustos, cultura, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 propostas. O calendario de Cultura no Camiño para este ano, que se abriu esta semana con paradas en Ribadumia, onde Marta Ortiz presentou Canta, Bugina, canta! na Escola Infantil, e en Miño coa proposta A maxia dos libros, do Mago da Boina e Nami, no Centro de Día, continuará hoxe de novo en Ribadumia con Donas do lugar, un espectáculo de narración oral a cargo de María da Pontragha.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia reunirá do 17 ao 25 de xullo 25 espectáculos procedentes de Galicia, Portugal, Francia, México e diferentes comunidades autónomas, nunha 42ª edición atravesada pola creación contemporánea, a diversidade de linguaxes e formatos, a memoria histórica, a música en directo e a capacidade da escena para activar pensamento crítico e experiencia colectiva. Entre estas propostas figura A Fortaleza, da compañía A Feroz, coproducida polo Centro Dramático Galego e o festival FITEI do Porto. A obra, dirixida pola portuguesa Raquel Sousa e con dramaturxia de Lorena Conde e da propia Sousa, recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas a través da figura de Consuelo Rodríguez López, Chelo.

O Festival de Música Antiga e Barroca Ateneo Barroco celebrará do 6 ao 20 de outubro a súa oitava edición cun programa articulado arredor da música antiga, os instrumentos históricos, a divulgación e o encontro co público. O certame compostelá ofrecerá seis concertos en diferentes espazos da capital de Galicia, ademais de cinema documental, unha conferencia, unha acción de improvisación, un club de lectura e varios encontros cos artistas. A programación principal de Ateneo Barroco desenvolverase en espazos como a Igrexa da Universidade, o Teatro Principal, o Salón Teatro e o Paraninfo da Universidade. O calendario de recitais abrirase con Lina Tur Bonet e Bach, partita, sonata, e continuará con Ars Atlántica, Resonet, Arc & Volta e Bertrand Cuiller, antes do peche con Accademia del Piacere e Fahmi Alqhai en In dulci jubilo.

Galicia e outras sete comunidades litorais -Cantabria, País Vasco, Cataluña, Comunidade Valencia, Andalucía, Illas Baleares e Canarias- acordaron dirixirse nunha carta conxunta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico solicitando a paralización cautelar da reforma do Regulamento Xeral de Costas ata que se reúna a Conferencia Sectorial. Segundo dixo a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, durante a súa participación en Barcelona nunha reunión de comunidades costeiras, o obxectivo é abrir un proceso de diálogo transparente e leal sobre a reforma que puxo en marcha de xeito unilateral o Goberno central.

A intelixencia artificial (IA), a súa gobernanza e o impacto na organizacións públicas centraron o II Encontro de Equipos de Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) das comunidades autónomas, celebrado hoxe en Madrid, no marco do Foro de Dixitalización das Comunidades Autónomas.A Xunta de Galicia estivo representada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, ao que acompañaron os responsables da Xerencia e das áreas de Administración Dixital, Infraestruturas e Seguridade, Solucións Tecnolóxicas Sectoriais, Transformación Dixital da Facenda Pública e a Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación.

A posta en marcha do Rexistro galego de persoas centenarias, Regace, sitúa Galicia nunha posición de referencia para o estudo da lonxevidade, posibilitando coñecer mellor as claves deste fenómeno e afrontar os retos que presenta. Preto de 1.800 persoas de cen ou máis anos viven na comunidade galega, o que supón ao redor do 12 % de toda a poboación centenaria de España, un dato que fala da realidade demográfica de Galicia e reflicte unha oportunidade única para aprender, investigar e avanzar. Deste xeito, Galicia presenta un dos mellores resultados no que a esperanza de vida se refire: 81,19 anos para os homes e 86,83 para as mulleres, superando en ambos os casos a media estatal.

Deseñado e posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través de MeteoGalicia un servizo meteorolóxico de referencia na Comunidade, o chamado Sistema de Propagación de Incendios de Galicia (Spigal) permitirá dotar o operativo de loita contra o lume da Xunta dunha ferramenta tecnolóxica propia con capacidade para adaptarse á realidade en vivo, comparar distintos escenarios de evolución dun mesmo incendio e avaliar as medidas e actuacións en materia de extinción. Spigal superou xa unha fase de probas a partir dos datos reais dos incendios do verán pasado e está listo para entrar en funcionamento.

A mostra a 'Illa ignorada' estará aberta ata o 12 de febreiro de 2027 e toma o seu título do primeiro poemario da escritora Gloria Fortes. Nela cabe destacar os traballos tanto dos artistas galegos Alberto Ardid, Vicente Blanco, Andrea Costas, Caxigueiro, Fina Mantiñán, Juan Carlos Meana, Ariadna Silva, Seoane e María Elena Montero, como os de Abel Azcona, Amparo Garrido, Regina Giménez, Antoni Muntadas, Sonia Navarro, Íñigo Royo, Regina Silveira. Ademais desta nova mostra, o centro tamén inaugurou a ampliación, no dobre espazo do Centro Galego de Arte Contemporánea, da exposición Misha Bies Golas, que abriu ao público o pasado 22 de maio cunha escolma de máis de dúas décadas da creación heteroxénea do lalinense Miguel Calvo Ulloa, un dos fundadores do colectivo Nova Escultura Galega.