Noticias

En marcha a segunda edición de 2026 dos bonos Activa Comercio con descontos e un novo sorteo nas redes sociais

O programa dos bonos Activa Comercio ten como obxectivo incentivar a demanda comercial axudando economicamente ás persoas consumidoras e fomentando o consumo nos establecementos retallistas adheridos á campaña. Cada bono terá un desconto de 30 euros para as compras realizadas nos comercios adheridos. A partir do mércores 28 de outubro as persoas consumidoras poderán descargar eses bonos desde a web bonosactivacomercio.gal e empregalos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR. Ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello vén de dar luz verde 'a unha nova edición dos bonos Activa Comercio, co obxectivo de mobilizar máis de 8,5 millóns en compras en comercios de proximidade'. Para iso, 'vanse destinar 2,5 millóns de euros a descontos de ata 30 euros por persoa beneficiaria'.

Trátase da segunda edición de 2026 dos bonos Activa Comercio, que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) co mesmo orzamento cá primeira (2,5 M €). Tal e como explicou Rueda, os bonos poderán descargarse 'desde este mércores' e estarán activos ata esgotarse o crédito inicial.

Co gallo de dar unha maior visibilidade ás compras realizadas no comercio de proximidade e de incentivar tanto a demanda comercial coma a fidelización da clientela, nesta segunda edición repetirase o sorteo en redes sociais estreado na primeira campaña do ano, de novo nas contas de Instagram e TikTok da Xunta de Galicia. O premio serán novamente catro bonos por valor de 250 € cada un, para investir nos establecementos adheridos á iniciativa.

Os establecementos que xa participaron na primeira edición non se terán que inscribir de novo para participar, senón que segue vixente a súa adhesión co obxecto de gañar en axilidade en beneficio tanto das persoas comerciantes coma das consumidoras. En todo caso, se algún comercio non se sumou á anterior convocatoria e quere facelo agora, ten de prazo aínda deica o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición deste ano.

Detalle da convocatoria

O programa dos bonos Activa Comercio ten como obxectivo incentivar a demanda comercial axudando economicamente ás persoas consumidoras e fomentando o consumo nos establecementos retallistas adheridos á campaña.

Cada bono terá un desconto de 30 euros para as compras realizadas nos comercios adheridos. A partir do mércores 28 de outubro (desde as 9.00 horas) as persoas consumidoras poderán descargar eses bonos desde a web www.bonosactivacomercio.gal e empregalos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Coma nas ocasións anteriores, cada persoa poderá descargar un único bono e non se limitará o número de usuarios que os poden descargar, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 M €, os bonos descargados xa non se poderán usar.

Por segunda vez desde o nacemento da iniciativa, convídase ás persoas consumidoras implicadas a participar nun sorteo, de novo nas contas de Instagram e TikTok da Xunta (@xuntagal e @xuntadegalicia, respectivamente). Deberán dar un 'gústame' á publicación correspondente en calquera dos perfís, mencionar o cancelo #ComercioGalego, o establecemento onde mercaron, a localidade e unha persoa que poida estar interesada no sorteo. Os gañadores dos catro bonos de 250 € que se outorgarán como premio terán unha semana para reinvestilos nos establecementos adheridos.

R., 2026-10-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES