//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias tecnologia
Seis de cada dez microempresas galegas emprega software libre, experimentando un aumento do 10,3% no último ano. No caso das empresas de 10 ou máis empregados, a porcentaxe supera o 87%, por riba da media española, o que sitúa a Galicia no quinto posto da comparativa por Comunidades Autónomas, por diante de Madrid, Cataluña ou País Vasco. No caso concreto do sector TIC galego o uso do software libre xa acada o 89,7%. Son datos recollidos nos dous estudos sobre o uso de software libre nas empresas e nas empresas informáticas de Galicia no ano 2018, publicados hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).
Galicia acollerá en 2020 a sexta edición do evento Unvex, un foro centrado en sistemas non tripulados en España e Latinoamérica, organizado pola editorial IDS, especializada en información sobre mercados e industrias tecnolóxicas e editora de medios dixitais como Infodron, Infodefensa e Infoespacial. O evento celebrarase en Santiago de Compostela e o Polo aeroespacial de Rozas do 16 ao 18 de xuño de 2020, co patrocinio da Xunta de Galicia. O evento estará centrado nun mercado emerxente, o dos servizos públicos, xa que cada vez máis as administracións demandan solucións tecnolóxicas e eficientes para ofrecer mellores servizos aos cidadáns en ámbitos como a protección do medio ambiente, a vixilancia costeira, o rescate, as emerxencias, saúde e seguridade, infraestruturas ou acceso a áreas remotas.
Galicia participa na principal feira da industria dos drons a nivel internacional, a Xponential 2019, en Chicago (Estados Unidos), na que a Civil UAVs Initiative, a iniciativa para crear un polo de referencia internacional no ámbito aeroespacial en Galicia, conta cun espazo de seu dentro do pavillón do ICEX. A participación da Civil UAVs Initiative nesta feira enmárcase no plan de internacionalización da iniciativa, co obxectivo de xerar novas oportunidades de negocio aos axentes implicados na iniciativa e contribuír a posicionar a Galicia como un polo de referencia internacional no segmento dos vehículos non tripulados para uso civil.
O ata agora Centro singular de investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS), acaba de presentar a súa nova identidade como Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, converténdose deste xeito no único neste ámbito existente en Galicia e un dos tres que existen unicamente a nivel nacional. No acto de presentación celebrado no propio centro participaron o reitor Antonio López, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o novo director científico do centro, o catedrático Senén Barro Ameneiro.
O encontro informático Technium R Encounter acollerá este ano no seu espazo extranet (aberto a todos os públicos) as dúas accións do programa educativo e tecnolóxico crea R para pequenos e maiores. Trátase de obradoiros de robótica para os peques e charlas didácticas para os maiores co alicerce das bondades que as novas tecnoloxías nos ofrecen se as usamos axeitadamente. Os talleres de robótica, dirixidos a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos, desenvolveranse de 11:00 h a 13:00 h na sede da lan party, en Expourense, coa finalidade de potenciar a creatividade nos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias coma o traballo en equipo ou a oratoria.
Un sistema de acendido intelixente para coches que se bloquea se estás bébedo, unha cadea de comida rápida saudable, un invernadoiro de patacas para astronautas, un sistema ecolóxico de loita contra a avespa velutina, un casco con luces LED para evitar atropelos de ciclistas e bioplásticos de orixe orgánica son só algúns exemplos dos proxectos que participarán na Galiciencia 2019. A décimo cuarta edición da maior feira científica de Galicia rexistrou este ano un récord absoluto de proxectos candidatos a participar. Os 50 stands dispoñibles para os traballos de Secundaria e Bacharelato que competirán polo premio final foron disputados por 134 equipos. Ata este ano, o número máximo de propostas recibidas fora de 83.
Durante o segundo trimestre deste ano o Plan DigiTalent, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), amplíase con tres novas actuacións: a fase local da World Robot Olympiad e as Bolsas DigiTalent, ambas impulsadas pola Amtega, e a iniciativa The North Codes promovida pola empresa DXC Technology. Estas actuacións súmanse ás catorce iniciativas que veñen desenvolvendo desde o inicio do curso 2018-2019 e coas que a Amtega e o sector TIC suman esforzos para avanzar no desenvolvemento de dous dos eixos estratéxicos do Plan DigiTalent: as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais.
No ano 2018 a porcentaxe de mulleres traballadoras no Hipersector TIC, que integra os sectores tecnolóxico e de contidos, é do 33,9%, o que representa un total de 7.891 mulleres. O sector contidos é o ámbito no que as mulleres contan cunha maior representación, acadando o 41,9%, mentres que no sector TIC a porcentaxe é do 31,6%. En termos evolutivos, no ano 2018, produciuse un crecemento significativo do emprego das mulleres no Hipersector TIC. As afiliacións á Seguridade Social no Hipersector TIC incrementáronse no 2018 en 1.335 persoas (6,1%). Delas, 354 eran mulleres, o que supón un incremento do 4,7%.
Despois do anuncio, o venres pasado, dos dezaseis proxectos preseleccionados na primeira edición da aceleradora BFAero, especializada no sector aeroespacial, os seus promotores tiveron que defender as súas candidaturas, primeiro nunha entrevista persoal que mantiveron co equipo promotor e despois a través de breves presentacións ante o comité executivo no marco do Pitch Day. Tras a deliberación do comité executivo comunicáronse os proxectos seleccionados e fíxoselles entrega dos diplomas acreditativos. Das seis iniciativas, o 50% proceden de Galicia, mentres que as tres restantes teñen a súa orixe en Madrid e a Comunidade Valenciana.
A Deputación da Coruña presentaron aos alcaldes, concelleiros e técnicos da provincia o programa PEL-Concello Dixital, co que o goberno provincial pretende impulsar a transformación dixital dos pequenos concellos coruñeses en 2019. A Deputación vén de aprobar a inclusión no Plan de Emprego Local (PEL) dunha nova liña denominada PEL-Concello Dixital, cun orzamento de 693.209 euros, que permitirá a contratación de técnicos especialistas que darán soporte in situ e acelerarán a implantación da e-administración nos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes. A través desta iniciativa preténdese crear emprego e axudar a mellorar a formación e cualificación dos empregados municipais.
Cun orzamento de 2,3 millóns de euros e no marco da convocatoria Interreg Atlantic Area, este xoves botou a andar en Vigo o proxecto europeo Marinnonet, que ten como finalidade mellorar as capacidades de innovación e transferencia das rexións do espazo atlántico no eido da biotecnoloxía azul, liderado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM.
Persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, viaxou nos últimos días á cidade de Darmstadt (Alemaña), para instalar os últimos módulos do detector CALIFA, un calorímetro que se integrará no centro de investigación internacional FAIR. Este fito supón a culminación de case 20 anos de traballo no deseño e posterior construción do detector, nun proxecto liderado polo IGFAE.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC) da Universidade da Coruña e a ONCE mantiveron unha xornada de traballo co fin de explorar solucións tecnolóxicas para a mellora da vida das persoas con discapacidade visual e optimización de procesos a través da aplicación da IA, a robótica ou os escenarios de realidade virtual. O encontro enmárcase dentro da iniciativa ONCE INNOVA, o laboratorio de innovación da ONCE
Cando se cumpre un ano da súa posta en marcha, os socios do proxecto europeo Wheatbiome déronse cita este venres no campus de Ourense para facer balance dos seus avances no reto de deseñar novos alimentos e sistemas agroalimentarios utilizando o potencial microbiano e centrándose no caso do trigo. Na iniciativa participan 13 institucións de Hungría, Polonia, Lituania, Holanda, Portugal e España.
SUS-SOIL, que acadou unha financiación de 7 millóns de euros do programa Horizonte Europa, busca estudar a saúde dos solos desde diversas perspectivas, incluíndo caracterizacións químicas e físicas, pero tamén propiedades biolóxicas. Outra das liñas de traballo do proxecto é o estudo da capacidade dos solos para secuestrar carbono.
A viticultura de precisión incorpora as prestación da Intelixencia Artificial ao viñedo galego, a fin de optimizar a súa xestión e favorecer a progresiva mellora da súa dixitalización, segundo se conclúe a enxeñeira agrónoma Marta Rodríguez Fernández na tese de doutoramento Viticultura de precisión para a caracterización e xestión de viñedos nun contexto de cambio climático, desenvolvida no Campus Terra.
A pesar de que a reciclaxe de vidro pode considerarse un caso de éxito comparado con outros materiais, cada ano 28.000 millóns de botellas e recipientes de vidro acaban en vertedoiros sen posibilidade de seren reciclados. Pare reverter esta situación, o grupo de Aplicacións Industriais dos Láseres, LaserON, da Universidade de Vigo lidera un proxecto europeo que tratará de revolucionar o proceso de reciclaxe do vidro desenvolvendo unha tecnoloxía radicalmente nova denominada glass laser transformation.
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC lidera o proxecto SUS-SOIL, unha iniciativa incluída no programa Horizonte Europa e dotada con 7 millóns de euros de financiamento orientada a estudar a saúde dos solos, a fin de determinar así o seu grao de sustentabilidade. A catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría Mª Rosa Mosquera Losada, que tamén coordina o grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos, atópase á fronte desta nova iniciativa europea de I+D+i.
A V Masterclass de Física de Partículas organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías terá lugar o venres na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, co obxectivo de achegarlles a física ás alumnas inscritas, que poderán realizar unha práctica experimental con datos reais do CERN. Farano a través das propias investigadoras do IGFAE, que compartirán algunhas claves do seu traballo e amosarán referentes femininas para as futuras xeracións.
A Catedral de Santiago de Compostela é un enorme pulmón con capacidade para 60.000 m3 de aire. Cunha intricada rede de naves, bóvedas, capelas e pasadizos, este espazo monumental ten soportado, ao longo dos séculos, condicións climáticas extremas, especialmente os fortes ventos e as chuvias procedentes do océano Atlántico.