
A cita, que se celebra no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais, desenvolverase ao longo do día de hoxe e na mañá deste venres. O encontro conta con oradores invitados internacionais e nacionais procedentes de disciplinas como os nanomateriais, a oncoloxía, a bioinformática, a bioestatística, a inmunoloxía, a síntese química e outras disciplinas abordadas polo CINBIO. O obxectivo é abrir, ao longo das dúas xornadas, un debate creativo sobre novas ferramentas para a medicina do futuro conxugando as achegas procedentes e todas estas áreas.
Unha xuntanza de alcance internacional
No acto de apertura do simposio, a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, puxo en valor que este evento se teña convertido nun símbolo de innovación, colaboración e progreso no campo da biotecnoloxía e ciencias da vida e lembrou que CINBIO é un dos tres centros de investigación de referencia da Universidade de Vigo e estamos moi orgullos de poder dicir que se ten convertido nun plataforma líder que reúne a mentes brillantes de diferentes orixes e disciplinas, constituíndo unha rede global de científicos unido por un propósito común que é avanzar nas fronteiras do coñecemento para beneficio da humanidade a través da biomedicina e biotecnoloxía.
Por parte do CINBIO no acto de apertura interveu Isabel Pastoriza, membro do equipo directivo do centro, que salientou que o obxectivo principal do evento é reunir a científicos académicos, estudantes e investigadores da industria para fomentar, promover e recoñecer a investigación científica sobresaínte. Lembrou que dende o seu inicio en 2017, este encontro anual foi sempre integramente organizado polos investigadores de posdoutoramento do CINBIO e tense consolidado como unha plataforma para debates interdisciplinarios, facilitando o intercambio de experiencias e achados de investigación sobre diversos temas de investigación científica e social e tamén como foro de discusión de desafíos prácticos atopados e as solucións correspondentes.
Segundo Pastoriza, o feito de contar con participantes de nove países diferentes fai que a xuntanza teña realmente un alcance internacional e ademais o programa integral brinda amplas oportunidades para establecer contactos e interacción entre os asistentes. A investigadora tamén trasladou o agradecemento do CINBIO ao persoal investigador que se encargou da organización do evento, así como aos membros do comité científico, aos poñentes e aos presentadores de pósters. Co voso apoio e participación, o noso obxectivo é garantir o éxito futuro deste encontro.
Finalmente, en representación do Concello de Vigo asistiu Jaime Aneiros, concelleiro de Orzamentos e Facenda, que subliñou a importancia da investigación científica na Universidade e na cidade de Vigo e destacou que cinco dos seis centros tecnolóxicos que ten Galicia están nesta cidade.
194 participantes, 20 presentacións orais e 85 de pósters
Aínda que a previsión inicial do comité organizador era contar con 150 participantes, a cifra final foi bastante superior, con 194 persoas inscritas procedentes de nove países diferentes. En total terán lugar 20 presentacións orais e 85 presentacións de pósters, que forman o núcleo deste encontro, ademais da participación de 12 conferenciantes convidados: Luis Liz Marzán, catedrático de Química Física da UVigo e investigador do Cinbio e do CIC biomaGUNE; Sara Abalde-Cela, investigadora do International Iberian Nanotechnology Laboratory de Braga; Roberto de la Torre Martínez, investigador do Karolinska Institutet de Estocolmo; José Alemán, profesor titular na Universidad Autónoma de Madrid; Sovan Sarkar, profesor titular na University of Birmingham; Manel Juan, xefe da plataforma de inmunoterapia do Hospital Clínic de Barcelona; Patricia Horcajada, directora da Unidade de Materiais Porosos Avanzados da Fundación IMDEA Energía; María Mayán, investigadora do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña; Cristina Vieira, investigadora do Instituto de Investigação e Inovação em Saúde da Universidade do Porto; Luz Calle, profesora titular da Universitat Politècnica de Catalunya; Katherine Villa, investigadora do Instituto de Investigación Química de Cataluña e Francisco Fernández Trillo, investigador distinguido do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía e da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña.
Precisamente, o encargado de abrir o simposio foi o profesor Liz Marzán, cun relatorio sobre os mecanismos de crecemento e a resposta óptica das nanopartículas metálicas quirais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.