Notas de prensa

Un IG Nobel de Física para a Universidade de Vigo

En abril de 2022 a revista Nature Geoscience publicaba un estudo internacional que recollía un achado científico descuberto de forma fortuíta: a bioturbulencia que xeran os peixes pode axudar á mestura e distribución de nutrientes nas augas costeiras. Este descubrimento realizouse no marco do proxecto Remedios, no que un equipo internacional do que forman parte investigadores do Centro de Investigación Mariña da UVigo, buscaba comprender como afecta a turbulencia á vida mariña.

Agora o seu estudo acaba de recibir un dos dez premios IG Nobel, en concreto o da categoría de Física. Estes galardóns, que naceron inicialmente como unha parodia dos Nobel, seleccionan anualmente traballos serios e rigorosos pero tamén extravagantes, curiosos e inusuais publicados en todo o mundo que “primeiro fagan rir á xente e despois fagan pensar”.

Os galardóns foron anunciados esta pasada noite nun acto en liña no que participaron varios científicos e científicas que recibiron os verdadeiros premios Nobel en edicións anteriores. De feito, o encargado de anunciar o premio para o estudo no que participa o CIM foi Wolfgang Ketterle, premio Nobel de Física en 2001. Posteriormente, haberá dúas galas presenciais en outubro e novembro no museo do MIT, Massachusetts Institute of Technology e no Imperial College de Londres.

Ciencia que fai rir e fai pensar

O equipo científico está composto por persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), a Universidade de Southampton e o Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology. A investigadora principal do proxecto Remedios é Beatriz Mouriño, do CIM-UVigo, que destaca que “todo o equipo está moi contento, porque o galardón débese a que o estudo xera un interese máis aló da comunidade científica especializada” e considera que é “unha oportunidade marabillosa para difundilo máis e para que teña máis alcance”. A científica recoñece que aínda que no seu inicio estes premios eran controvertidos, foron evolucionando e hoxe en día teñen un gran recoñecemento como unha ferramenta de comunicación científica e, de feito, o ano pasado recibiron un premio dunha institución austríaca polo seu labor a prol da comunicación científica”. Ademais, lembra, estes premios contan co apoio de institucións como Harvard, o MIT ou o Imperial College e son entregados por premios Nobel, dándose o caso de investigadores que, despois de ter sido distinguidos co IG Nobel, anos máis tarde acabaron gañando o Nobel na súa disciplina. Para Mouriño, o feito de apelar á risa e ao humor é unha estratexia moi acertada para achegar a ciencia á cidadanía, á sociedade en xeral”.

Dende o resto de institucións implicadas comparten esta lectura do galardón, como explica Miguel Gil Coto, investigador do IIM-CSIC, que se amosa “contento de que a nosa investigación contribúa á idea de que a ciencia que producimos, dende a rigorosidade e a responsabilidade, pode xerar ao mesmo tempo sentimentos como a ledicia e a curiosidade". Ademais, resaltan que o traballo é froito da colaboración entre equipos e dun enfoque multidisciplinar, pero “ten unha compoñente detectivesca”, como engaden Marian Peña e Enrique Nogueira, do IEO.

O estudo premiado demostra que os peixes contribúen á produción de turbulencia e mestura oceánica nas rexións costeiras, polo que o papel que xogan na distribución de calor, nutrientes e osíxeno é máis importante do que se pensaba. A relevancia deste artigo radica en que ata agora, a comunidade científica tiña consideraba que os ventos e as mareas eran os que subministraban a maior parte da enerxía que impulsa a mestura das diferentes capas que forman os océanos, pero non se tiña podido demostrar a contribución dos organismos nadadores a este fenómeno. É dicir, esta é a primeira evidencia obtida a partir de medicións in situ dunha mestura oceánica impulsada bioloxicamente, o que se coñece como bioturbulencia, un fenómeno que leva fascinando á comunidade científica durante décadas.

Os traballo, ademais de ter sido publicado por Nature Geoscience e recollido por numerosos medios de comunicación, foi recollido nunha pílula divulgativa dispoñible en inglés e en galego.

Un descubrimento, por casualidade

Este avance científico, explican os investigadores, realizouse de forma “totalmente fortuíta” no marco do proxecto Remedios, que tiña como obxectivo estudar como afecta a turbulencia á vida mariña. Pero a casualidade fixo que acabaran “demostrando que a vida mariña pode influír na turbulencia oceánica, que á súa vez inflúe na vida mariña!”.

O equipo estaba realizando traballo de campo en augas da ría de Pontevedra, concretamente na enseada de Bueu, a bordo do BIO Ramón Margalef no verán de 2018. Mouriño lembra que todo comezou cando observaron que cada noite se incrementaba a turbulencia na auga. Empregando un perfilador de microestruturas constataron que “dende o anoitecer ata o amencer, as medidas indicaban que, baixo os nosos pés, desde uns 10 a 30 metros de profundidade, se estaba a producir unha turbulencia moi intensa, comparable á que pode xerar unha tormenta sobre a superficie do océano”. Utilizando a información acústica da ecosonda montada no casco do barco e as mostras recollidas con redes, o equipo de investigación puido atribuír esta turbulencia á presenza de cardumes que se concentraban pola noite na zona. De feito, as redes estaban cheas de ovos de bocarte ou anchoa europea, Engraulis encrascicolus, o que evidencia que o sinal corresponde a agregacións de desova deste peixe que, co seu comportamento frenético, xera a bioturbulencia.

Así, este estudo revela que aínda que a mestura biolóxica pode non ser moi importante no océano aberto, si pode ser significativa nos ecosistemas costeiros, onde unha elevada produción biolóxica coexiste con cambios verticais rápidos nas propiedades do océano. Esta mestura vertical creada polos bancos de peixes podería afectar á redistribución da temperatura, nutrientes e gases disoltos, como o osíxeno, que xogan un papel fundamental no funcionamento do ecosistema do que dependen os propios peixes. Polo tanto, os achados destacan a capacidade dos organismos vivos para influír e remodelar o medio físico onde viven.

O artigo está asinado por Bieito Fernández Castro, de Universidade de Southampton, como primeiro autor, xunto cos investigadores do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-UVigo Beatriz Mouriño, Esperanza Broullón e Antonio Comesaña; Marian Peña, do Centro Oceanográfico de Baleares (IEO, CSIC); Enrique Nogueira, do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC); Miguel Gil Coto, do Departamento de Oceanografía do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC); Damien Bouffard, do Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology e Alberto C. Naveira, da Universidade de Southampton.

Universidade de Vigo, 2023-09-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES