Notas de prensa

O proxecto europeo Agrosus desenvolverá estratexias agroecolóxicas para previr e manexar as malas herbas en cultivos de relevancia económica

Desenvolver e implantar estratexias agroecolóxicas para previr e manexar as malas herbas, sen o uso de herbicidas sintéticos, en ata 30 cultivos de relevancia económica nas once rexións bioxeográficas europeas. Con este obxectivo acaba de arrancar o proxecto europeo liderado pola Universidade de Vigo Agrosus. Durante catro anos, socios de dez países traballarán na conversión de sistemas agrícolas convencionais en sistemas agroecolóxicos desde unha perspectiva local.

O proxecto, chamado Agroecological strategies for sustainable weed management in key european crops, arrancou este mes de xuño e prologarase ata 2027. Conta cun orzamento de case cinco millóns de euros, dos cales case 310.000 euros proceden do goberno húngaro e case 4,7 millóns da Comisión Europea, a través da convocatoria de Horizonte Europa Agroecological strategies for sustainable weed management. O financiamento para a UVigo ascende a 926.625 euros. En Agrosus participa un consorcio de 16 socios de dez países (España, Portugal, Italia, Alemaña, Polonia, Ucraína, Romanía, Hungría, Turquía e Islandia) cun perfil moi diverso, desde universidades e empresas ata asociacións de agricultores.

Por parte da Universidade de Vigo, líder do proxecto, están como investigadores principais Adela M. Sánchez, do grupo BEV1 (Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Solos e Plantas) e David Fernández Calviño, do grupo BV1 (Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos) e director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. “Nós estamos especializados no estudo da resposta das plantas ás distintas condicións ambientais ás que se enfrontan e o grupo de David está especializado no estudo da biodiversidade e calidade do solo, polo que nos complementamos á perfección”, explica Adela M. Sánchez, coordinadora de Agrosus. Ademais, da UVigo participa o grupo de Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, de Xavier Simón, na análise do impacto socio-económico das estratexias agroecolóxicas que se implementen. En conxunto, Agrosus reunirá durante 48 meses a un equipo internacional e multidisciplinar de “fisiólogos vexetais, agrónomos, biólogos moleculares, edafólogos, economistas, sociólogos, agricultores e asesores para abordar o problema da xestión das malas herbas co fin de garantir a produtividade e a rendibilidade sen comprometer a saúde dos ecosistemas”. Todas as partes interesadas participan “en todas as fases do proxecto para garantir a aceptación e rápida adopción das estratexias acordadas”.

Estratexias alternativas e un cambio de paradigma

As prácticas agroecolóxicas, detalla o equipo da UVigo participante, pretenden optimizar os procesos ecolóxicos, a saúde pública e ambiental e o benestar, minimizando os custos sociais e ecolóxicos da agricultura (como a degradación do solo ou a contaminación das augas) e capacitando ás e aos agricultores e ás comunidades baseándose en dez elementos interrelacionados e interdependientes: diversidade; sinerxías; eficiencia; resiliencia; reciclaxe; co-creación e intercambio de coñecementos; valores humanos e sociais; cultura e tradicións alimentarias; gobernanza responsable e economía circular e solidaria. Neste contexto, as ferramentas e estratexias (preventivas, culturais, mecánicas, físicas, biolóxicas, dixitais, etc.) que se van a implantar no campo con Agrosus serán, segundo indican desde o proxecto, decididas conxuntamente coas partes interesadas (agricultores, asesores, vendedores locais, asociacións agrícolas, etc.), en función das malas herbas máis problemáticas das diferentes rexións e cultivos, e analizarase o impacto a curto, medio e longo prazo das devanditas estratexias desde as perspectivas ambiental e socioeconómica. Concretamente, traballarán con ata 30 cultivos distintos, tanto de tipo perenne, como hortícola ou arable, nas once rexións bioxeográficas da UE e países asociados (Alpina, Anatolia, Ártica, Atlántica, do Mar Negro, Boreal, Continental, Macarronésica, Mediterránea, Panonia e Esteparia). Así, por exemplo, en Galicia implantaranse estratexias agroecolóxicas para o cultivo do viño, o trigo e a pataca, mentres que en Hungría estudaranse as herbas aromáticas.

A agricultura da UE, explica o equipo investigador, segue dependendo, principalmente, do uso de herbicidas sintéticos para a xestión das malas herbas. “O seu uso masivo e indiscriminado nas últimas décadas incrementou a contaminación do solo, o aire e a auga, o que provocou un aumento dos custos relacionados cos herbicidas na agricultura e graves problemas para o ecosistema e a saúde humana”, afirman lembrando como ademais este uso masivo de herbicidas sintéticos induciu á evolución de malas herbas resistentes. A Comisión Europea, engaden, está restrinxindo o uso de numerosas substancias sintéticas utilizadas ata agora na formulación típica dos plaguicidas que resultaron prexudiciais para a saúde humana, animal ou ambiental. “De feito, os agricultores europeos xa perderon o 60% das substancias dispoñibles en 1991, que, a falta de alternativas, aínda non foron substituídas, mesmo cando aínda existe unha dependencia extrema do uso de herbicidas para a xestión das malas herbas nalgúns cultivos europeos de importancia económica como os cereais e as patacas”, sinalan as e os investigadores. A estes factores, detallan desde o proxecto, engádese que o cambio climático modificará tamén o patrón biolóxico e ecolóxico das malas herbas, así como a súa capacidade para interferir cos cultivos, o que dará lugar “a complexas interaccións entre cultivos e malas herbas e fará necesarias estratexias alternativas para o seu control”.

O enfoque de Agrosus é que “o medio máis axeitado para previr e xestionar as malas herbas é desenvolver e pór en marcha unha combinación apropiada de estratexias agroecolóxicas de evitación dos devanditos herbicidas sintéticos para desenvolver sistemas agrícolas sostibles, seguros, produtivos, climaticamente positivos e resilientes”. As estratexias alternativas de xestión de malas herbas implicarán, sinalan, un cambio de paradigma na agricultura actual, implementando un enfoque holístico que vixíe o ecosistema en lugar da planta como organismo único, pondo o foco na diversidade do ecosistema e a calidade do solo. Existe, subliñan, “unha necesidade urxente de cambiar de sistemas agrícolas convencionais e máis vulnerables a sistemas agrícolas máis sostibles que permitan reducir a dependencia dos herbicidas e aumentar a resiliencia dos cultivos ao cambio climático”. Para acadalo, afirman, hai que “lograr un cambio de paradigma na xestión das malas herbas que inclúa a eficiencia (da terra e as prácticas agrícolas), a substitución (de pesticidas e fertilizantes químicos) e o redeseño (a través de estratexias agroecológicas), reducindo os impactos negativos das malas herbas e conservando ao mesmo tempo algúns dos beneficios ecolóxicos desas plantas espontáneas no campo de cultivo”. Así, Agrosus pretende proporcionar ferramentas de xestión de cultivos que implementen estas técnicas para unha xestión sostible, xusta e segura das malas herbas en sistemas agrícolas convencionais.

Universidade de Vigo, 2023-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (eclipse-2026-xunta.jpg) A Xunta habilitou hoxe un apartado específico dentro da páxina web de MeteoGalicia para facilitar o acceso e as consultas relacionadas coa predición do tempo en todos os concellos galegos durante a xornada da eclipse solar, prevista para o vindeiro día 12 de agosto. Galicia será unha das rexións nas que mellor se poderá observar este fenómeno astronómico de carácter excepcional, aínda que non en todas as zonas se apreciará por igual. De feito, no espazo web dedicado ao tempo durante a eclipse hai un mapa con todos os concellos sobre o que se indica en cales será total e en cales se verá de forma parcial.
Foto de la tercera plana (camino-litoral.jpg) Co obxectivo de pór en valor os máis de 2.555 quilómetros de litoral que posúe Galicia, a Xunta ven de lanzar o Camiño do Litoral. Trátase dun itinerario único que discorre por 78 municipios costeiros a través de 52 etapas, concibido para ofrecer unha alternativa de turismo sustentable e amosar a convivencia entre a conservación ambiental e o desenvolvemento socioeconómico da zona. Esta gran ruta vertebradora, que xurde como unha das medidas clave ao abeiro da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, conecta espazos naturais, vilas mariñeiras e un rico patrimonio.

Notas

Espazos Sonoros regresa un ano máis cunha programación que volve propoñer un diálogo entre música e patrimonio, convidando o público a descubrir espazos de especial valor histórico e cultural da provincia da Coruña a través da experiencia artística. Organizado polo departamento de Patrimonio da Deputación da Coruña, o ciclo desenvolverase entre o 5 de setembro e o 8 de outubro.
Cada día, unha parte importante da enerxía que consome a industria termina perdéndose en forma de calor. Entre un 25 % e un 55 % disípase a temperaturas próximas aos 200 °C suficientemente elevadas como para aproveitar esa calor e convertela en electricidade. Recuperar ese potencial enerxético é un dos desafíos da industria para avanzar cara a procesos máis eficientes e sostibles.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES