
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a consultora Gartner inician unha colaboración estratéxica para achegar as tecnoloxías disruptivas ao ecosistema dixital galego. O acordo que foi anunciado hoxe pola directora da Amtega, Mar Pereira, facilitará o acceso a contidos elaborados por expertos de primeiro nivel en tecnoloxía que esta consultora internacional ten ao redor do mundo.
A director da Amtega, que clausurou hoxe a primeira edición do Foro Gartner en Galicia ante responsables de transformación dixital de empresas TIC e doutros sectores, apuntou tamén que a Axencia contará co asesoramento especializado de Gartner na elaboración da futura estratexia dixital post 2020.
Para Mar Pereira, no contexto actual no que as tecnoloxías evolucionan vertixinosamente é fundamental para o sector tecnolóxico dispoñer de información de valor das novas tendencias e mercados para poder adoptar adecuadamente decisións estratéxicas para a súa competitividade.
Por outra banda, a directora da Amtega destacou a importancia que o actual Goberno galego lle dá á tecnoloxía como elemento transversal cun departamento baixo a tutela directa da Presidencia. Unha axencia concibida para sumar esforzos de cara á transformación dixital da Comunidade. Una transformación que, segundo destacou Pereira, tense que traducir en que os galegos o noten.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.