Noticias

Un total de 65 estudantes serán tecnólogos por un día durante o mes de marzo, grazas ao Plan DigiTalent da Amtega

Un total de 65 estudantes de 12 a 17 anos terán unha oportunidade única de experimentar en primeira persoa unha xornada laboral con profesionais das grandes empresas do sector TIC en Galicia, co obxectivo de mellorar a visión que proxectan as profesións científico-tecnolóxicas e a percepción que os máis novos teñen delas. Trátase da segunda edición do Programa “Tecnólogo por un día”, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no marco do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent. As cifras de participación nesta actividade superaron as 200 solicitudes, o dobre que na edición anterior.

Preto de 50 centros educativos de máis de 25 concellos desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado.

A través do persoal docente, inscribíronse máis de 200 alumnos e alumnas interesados en participar no programa. As prazas asignáronse aplicando o resultado dun sorteo público, considerando as preferencias dos nenos e nenas participantes.

Colaboración das empresas TIC

Tras finalizar o período de inscrición, é a quenda das empresas TIC. Durante este mes de marzo, a propia Amtega e as empresas TIC están a acoller aos participantes ofrecéndolles a oportunidade de mergullarse nos seus proxectos tecnolóxicos, a través dos cales os nenos e nenas coñecerán de cerca as aplicacións das TIC no mundo empresarial e participarán na rutina diaria e actividades que os profesionais teñan na axenda, como sesións de traballo, reunións con socios ou clientes tecnolóxicos, etc.

Os 65 rapaces e rapazas seleccionados desenvolverán unha xornada de traballo na propia Amtega e nas 14 empresas colaboradoras (distribuídos en 20 centros de traballo distintos): 3.14 Financial Contents; ALDABA Servicios Profesionales; Altia.; CINFO Contenidos Informativos Especializados; Coremain; Dos Espacios Internet Consulting; DXC Technology Spain.; everis Spain; Orange; R Cable y Telecomunicaciones Galicia; SIVSA, Soluciones Informáticas; Sixtema, Soluciones y Proyectos de Información; Tecalis Innovación e Televés.

Próxima convocatoria no segundo semestre de 2019

En total, no curso 2018/2019, e tras estas dúas primeiras edicións de “Tecnólogo por un día”, máis de 100 nenos/as terán a oportunidade de experimentar en primeira persoa un día de traballo nunha empresa tecnolóxica: 38 prazas ofertadas na primeira edición e 65 prazas nesta segunda, o que implica un 71% máis que na primeira quenda.

Tras o éxito acadado nas dúas primeiras edicións do programa “Tecnólogo por un día”, a Amtega poñerá en marcha unha nova convocatoria no segundo semestre de 2019 para achegar os máis novos ás profesións TIC.

Nesta nova quenda procurarase contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM. Para iso, reservarase un terzo das prazas para as nenas co obxectivo de reforzar o atractivo vocacional das profesións TIC entre as máis novas.

Catálogo de actividades DigiTalent 2018/19

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, “DigiTalent”, concibiuse como un plan de actuacións vivo e conectado coa realidade galega en canto á xeración e retención do talento vinculado á economía dixital.

En concreto, o Programa “Tecnólogo por un día” súmase ao resto de actividades que conforman o seu catálogo 2018/2019 dispoñible no espazo web amtega.xunta.gal/digitalent, onde se irá publicando toda a información sobre o detalle das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación).

R., 2019-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES