//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
As 70 farmacias das catro provincias que se suman a este convenio achegarán semanalmente á Consellería de Sanidade datos sobre a venda de test de antíxenos e dos cinco medicamentos antigripais máis consumidos, o que será de gran valor para mellorar o control da enfermidade, integrando información adicional que axudará a dar unha resposta máis áxil e eficaz. Destas 70 farmacias, 30 son da provincia da Coruña, 10 da de Lugo, outras 10 da de Ourense e 20 da de Pontevedra. Os rexistros das farmacias, combinados cos datos de asistencia sanitaria en atención primaria e nas urxencias hospitalarias permiten, a través dun modelo matemático, anticipar con 15 días a evolución da gripe e as infeccións respiratorias agudas.
Portos de Galicia constatou a recollida de máis de 10.000 quilos de lixo dos fondos mariños do litoral galego no pasado ano 2023, no marco dos proxectos Upcycling the Oceans e Mares Circulares. Así pois, ambas iniciativas, centradas na recollida non intencionada de lixo durante as tarefas extractivas dos profesionais do mar, fundamentalmente da pesca, permitiron extraer 10.700 quilos de residuos, cun volume total de 108 metros cúbicos.
Galicia vén de converterse na primeira comunidade autónoma en acadar no seu servizo público de saúde a autocertificación do Programa de optimización do uso de antibióticos en todas as áreas sanitarias no ámbito da atención primaria. O Servizo Galego de Saúde conseguiu acadar o obxectivo marcado para este ano, que era autocertificar no ámbito da atención primaria, dun xeito sincronizado, as sete áreas sanitarias. Para acadar a autocertificación é preciso cumprir 18 estándares.
A Coruña Sounds na súa edición 2025 contará co concerto, o 19 de xullo no Porto da Coruña, da banda Arde Bogotá. Coruña Sounds repite a fórmula de música en directo con grandes nomes e bandas tras o éxito acadado nas dúas edicións anteriores. Arde Bogotá presentará na Coruña un dos seus concertos exclusivos en España, cun concepto de show a partir dun road trip e unha viaxe persoal que ten lugar durante o inicio e o final dunha eclipse. Con este espectáculo dáse continuidade ao ciclo de concertos Coruña Sounds que levou á cidade nos últimos meses, co apoio de Turismo de Galicia, a artistas como Emilia, Camilo, Robe e Luis Miguel. Tamén co respaldo da Xunta se van celebrar en 2025, o concerto de Lenny Kravitz o 10 de abril; Chayanne o 18 de maio e Leiva o 12 de xullo.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor que a proposta da UE para reducir a contaminación por microplásticos mediante a prevención das perdas de pellets contribuirá a rebaixar nun 6% os vertidos non intencionados deste material ao medio ambiente. Durante a súa intervención na reunión do Consello de ministros europeos de Medio Ambiente, a conselleira cualificou como 'moi positiva' a proposta de regulamento aprobada hoxe para reducir a contaminación por microplásticos provocada por vertidos non intencionados. Esta norma pretende reducir as perdas de granza no medio entre un 54% e un 74% con respecto ao valor inicial de referencia.
Os recentes datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) evidencian un ano excepcional en termos de migración e retorno a Galicia. Así, segundo a Estatística de Migracións e Cambios de residencia de 2023, Galicia experimentou un saldo migratorio positivo de 25.738 persoas, unha das mellores cifras de toda a serie histórica, continuando coa tendencia dos últimos anos, nos que Galicia gaña poboación grazas a todas esas persoas que deciden residir na nosa Comunidade. Este saldo favorable inclúe tanto o movemento migratorio con países estranxeiros, que sumou 23.337 persoas, como co resto das comunidades autónomas de España, con 2.401 persoas. Ademais, 2023 marcou un fito importante para a comunidade galega, xa que por terceiro ano consecutivo se acadou unha cifra histórica de retorno.
O Servizo Galego de Saúde presentou este mércores ás organizacións sindicais da Mesa sectorial de Sanidade CIG, CSIF, CCOO, e UGT- a Oferta de Emprego Público (OPE) do ano 2024, con 1.157 prazas previstas. Durante a xuntanza, o Servizo Galego de Saúde presentou aos axentes sociais o texto do proxecto de Decreto, o anexo de prazas ofertadas e deu resposta ás alegacións formuladas polos sindicatos. Neste senso, deuse por negociado e aprobado o texto -co voto favorable de CSIF,CCOO e UGT-, ao dar a súa aprobación ao proxecto presentado.
Galicia obtivo, con 121.742 persoas, a cifra de paro máis baixa nun mes de novembro desde que hai rexistros (1996) e rexistra 17.555 novas afiliacións á Seguridade Social, en relación con novembro de 2023. Ademais, na evolución anual reduce a cifra de desemprego (-7,19%) a un ritmo maior que España, superando a baixada da cifra estatal (-5,44%) en 1,75 puntos. En relación coa comparativa interanual, o paro cae nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-13,32%) e o sector primario (-12,38%). Tamén baixa o desemprego nos colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego como as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración.
Entre os meses de xaneiro e outubro de 2024 rexistráronse en Galicia un total de 105 incendios forestais, que afectaron 2.133 hectáreas, sendo estes os números máis baixos da última década na nosa comunidade. O territorio provincial con máis rexistros no referido período de xaneiro a outubro foi o de Ourense, con 37 incendios e 898 hectáreas ardidas; seguido de Pontevedra, con 31 lumes e 700 ha; Lugo, con 21 incendios e 321 ha e A Coruña, con 16 incendios e 212 ha afectadas. No que atinxe ao período de alto risco (entre xullo e setembro), a conselleira incidiu en que o número de incendios foi o máis baixo da serie histórica, con 71 en total no conxunto de Galicia e 1.407 hectáreas ardidas.
A Xunta advirte dun incremento dun 72 % dos avisos por ataques de lobo desde o ano 2021 e insiste en reclamarlle ao Goberno central que rectifique a súa postura sobre esta especie. Durante un encontro que mantivo con gandeiros na explotación de vacún De Vázquez no Pino, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, fixo fincapé en que desde a inclusión do lobo na Listaxe de especies silvestres de réxime de protección especial (Lesrpe) en setembro de 2021, os avisos por ataques pasaron de 1.204 a 2.074.
Un total de 34 mulleres que son exemplo de innovación no rural integran a feira de primavera coa que o Campus Terra da USC quere dar voz, a través de espazos expositivos e diversas mesas redondas, ás emprendedoras que loitan cada día contra o despoboamento. Trátase de historias inspiradoras sobre como afrontar os retos e aproveitar as oportunidades, explicou Elvira López Mosquera, delegada do reitor para o Campus Terra, no acto inaugural deste foro que se desenvolve ao longo do xoves 6, na Praza da Mosqueira de Lugo.
A Fundación CEER, Fundación Centro de Estudos Eurorexionais Galicia - Norte de Portugal (FCEER), constituíus en 2004 co obxectivo de reforzar os vínculos entre as seis universidades públicas de Galicia e do norte de Portugal: A Coruña, Minho, Porto, Santiago de Compostela, Vigo e Trás-os-Montes e Alto Douro. Desde entón pasaron 20 anos e converteuse nun elemento clave de dinamizacións das relacións de cooperación entre as seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia norte de Portugal.
O Festival do Pasatempo chega a Betanzos para encher o parque que lle da nome, o Parque do Pasatempo, da mellor música. O festival confirma xa os nomes de Andrés Suárez, David Bustamante, Sabela e Paula Mattheus e para dúas xornadas axendadas o 5 e 6 de xullo. O evento presenta un cartel con propostas para todos os públicos no que se combinan artistas consagrados e emerxentes, que levarán a Betanzos diferentes estilos e singularidades.
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña inicia este mes de maio a 2ª edición do 'CITEEConto que facemos...!'. Trátase dun ciclo de conferencias nas que se falará sobre temas de vangarda relacionados coas diversas áreas tecnolóxicas do centro, e que se iniciará cunha acgtividades sobre a enxeñaría estrutural con madeira.
Ademais de seren ferramentas para o entretemento e as relacións persoais, as redes sociais téñense consolidaron dende hai anos como mecanismos eficientes de comunicación institucional, e as universidades non son alleas a este fenómeno. En paralelo ás oficinas de prensa e de imaxe, case todas as universidades contan na actualidade con xestores de redes sociais institucionais que, dende o ano pasado teñen un punto de encontro do simposio Rederas.
A soidade, cun impacto tanto directo, como indirecto reducindo a autoestima dos individuos, sería o factor que máis inflúe na satisfacción das persoas maiores coas súas vidas, segundo conclúe un estudo dos investigadores da USC Sara Rey Beiro e Fidel Martínez-Roget, do Departamento de Economía Aplicada e ECOBAS, que acaba de publicar a revista Heliyon (Elsevier).
Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o 31 de maio. A praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos.
A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
O proxecto Caxato (Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra están a desenvolver a quinta edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o labor investigador que se leva a cabo en Galicia.