Noticias

O Servizo Galego de Saúde presenta á Mesa Sectorial de Sanidade a Oferta de Emprego Público 2024, que contará con 1.157 prazas

O Servizo Galego de Saúde presentou este mércores ás organizacións sindicais da Mesa sectorial de Sanidade –CIG, CSIF, CCOO, e UGT- a Oferta de Emprego Público (OPE) do ano 2024, con 1.157 prazas previstas. Durante a xuntanza, o Servizo Galego de Saúde presentou aos axentes sociais o texto do proxecto de Decreto, o anexo de prazas ofertadas e deu resposta ás alegacións formuladas polos sindicatos. Neste senso, deuse por negociado e aprobado o texto -co voto favorable de CSIF,CCOO e UGT-, ao dar a súa aprobación ao proxecto presentado.

A Administración sanitaria presentou unha oferta que se distribúe en 309 prazas de persoal na categoría de licenciado sanitario, 526 de diplomado sanitario e de formación profesional e 322 prazas na categoría de xestión e servizos.

No que atinxe ao persoal facultativo destacan as 38 prazas na especialidade de médico de urxencias hospitalarias, as 23 na de medicina interna, as 15 de psiquiatría ou as 13 de pediatría en atención primaria.

Pola súa banda, en canto ao persoal diplomado sanitario e de formación profesional hai que salientar as 152 prazas pertencentes ás diferentes especialidades de enfermería, as 331 destinadas aos técnicos en coidados auxiliares de enfermería ou as 15 reservadas para os fisioterapeutas.

Ademais, a oferta destinada ao persoal de xestión e servizos inclúe, entre outras, 150 prazas de celador, 70 do grupo de auxiliar da función administrativa, e 51 para o persoal de servizos xerais.

Do conxunto das 1.157 prazas que integran a Oferta de Emprego Público (OPE) deste ano 2024, un total de 58 reservaranse para persoas con discapacidade xeral e, outras 24, a persoas con discapacidade intelectual.

Xunto con estas prazas, nestes momentos hai un total de 933 pendentes de convocatorias anteriores.

Permisos de maternidade

No transcurso da xuntanza da Mesa Sectorial, tamén se aprobaron os criterios relativos ás condicións de desfrute, polo persoal temporal das listas de contratación con diversos vínculos contractuais, das seis semanas adicionais (a cargo da empresa), referentes ao permiso por parto, adopción ou garda con fins de adopción e acollemento.

Así e co ánimo de garantir a súa aplicación homoxénea en todo o Servizo Galego de Saúde, abordáronse os criterios que regularán estes permisos.

Deste xeito, e independentemente da continuidade ou non dos vínculos, garántase o dereito ao desfrute deste permiso, que poderá ser de forma continuada ou con interrupción (neste caso durante os 12 primeiros meses de vida do menor ou da data resolución de adopción, garda con fins de adopción ou acollemento), para o persoal que estivese vinculado no momento do feito causante (parto, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento).

Grazas a este acordo, que foi aprobado por unanimidade e que será de inmediata aplicación, tamén se garantirá o dereito ao seu desfrute no caso de que a persoa traballadora non tivese vínculo activo no momento do parto, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, sempre dentro do período de 12 meses mencionado.

Por último, regulouse o suposto de desfrute interrompido do permiso, para adaptar a normativa establecida na Lei de Emprego Público de Galicia á realidade concreta dos servizos sanitarios.

R., 2024-12-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES