Noticias

Un incremento dun 72% dos avisos por ataques de lobo desde 2021 fai que Galicia reclame ao Goberno central que rectifique a súa postura sobre esta especie

A Xunta advirte dun incremento dun 72 % dos avisos por ataques de lobo desde o ano 2021 e insiste en reclamarlle ao Goberno central que rectifique a súa postura sobre esta especie. Durante un encontro que mantivo con gandeiros na explotación de vacún De Vázquez no Pino, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, fixo fincapé en que desde a inclusión do lobo na Listaxe de especies silvestres de réxime de protección especial (Lesrpe) en setembro de 2021, os avisos por ataques pasaron de 1.204 a 2.074.

Nesa liña, Ángeles Vázquez insistiu na solicitude ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de revisar o nivel de protección do lobo co fin de adaptalo á realidade actual en cada zona. Os datos do censo elaborado pola Xunta estiman que a poboación desta especie se mantén estable na Comunidade con arredor de 93 mandas, polo que o Goberno galego considera que estado do lobo non é desfavorable.

De feito, o Comité Permanente do Convenio de Berna do Consello de Europa aprobou hoxe mesmo a proposta adoptada polo Consello de Ministros da UE o pasado 26 de setembro, que avogaba por mudar o estatus internacional do lobo en Europa de estritamente protexido a protexido.

A conselleira considera que a decisión comunitaria avala a postura da Xunta, que sempre defendeu que foi un erro elevar o nivel de protección do lobo en España e que non respondía a criterios obxectivos nin ao seu estado favorable ao norte do río Douro.

Segundo aseverou, Ángeles Vázquez é necesario que o Goberno de España escoite ás autoridades europeas e rectifique unha decisión que xa está a dificultar o equilibrio entre a especie e o sector primario co que convive no medio rural.
Apoio ao sector gandeiro

Cómpre lembrar que o Goberno galego leva anos apoiando ao sector gandeiro coa convocatoria de axudas para paliar as consecuencias dos ataques do lobo e para implementar medidas preventivas como a compra de cans protectores, pastores eléctricos, cercados móbiles, instalación de valados fixos ou a contratación de coidadores para protexer o gando.

Así, no período 2016-2024 a Xunta destinou con fondos propios preto de 11 M€ a esta cuestión e ten o compromiso de manter e mesmo reforzar estes apoios no futuro. De feito, os orzamentos para 2025 inclúen unha partida de máis de 2,9 millóns de euros para esta cuestión. En concreto, o Goberno galego reserva máis de 910.000 euros para compensar os danos causados por ataques e algo máis de 2 millóns de euros para apoiar aos gandeiros na implantación de medidas de prevención.

Ademais, ao Goberno central aínda lle debe á Comunidade 8 millóns de euros nesta materia logo de ter transferido os 4 millóns de euros correspondentes o reparto acordado na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada o pasado mes de xullo.

R., 2024-12-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES