Noticias

O número de incendios en Galicia durante período de alto risco foi o máis baixo da serie histórica

Entre os meses de xaneiro e outubro de 2024 rexistráronse en Galicia un total de 105 incendios forestais, que afectaron 2.133 hectáreas, sendo estes os números máis baixos da última década na nosa comunidade. O territorio provincial con máis rexistros no referido período de xaneiro a outubro foi o de Ourense, con 37 incendios e 898 hectáreas ardidas; seguido de Pontevedra, con 31 lumes e 700 ha; Lugo, con 21 incendios e 321 ha e A Coruña, con 16 incendios e 212 ha afectadas. No que atinxe ao período de alto risco (entre xullo e setembro), a conselleira incidiu en que o número de incendios foi o máis baixo da serie histórica, con 71 en total no conxunto de Galicia e 1.407 hectáreas ardidas.

Entre os meses de xaneiro e outubro de 2024 rexistráronse en Galicia un total de 105 incendios forestais, que afectaron 2.133 hectáreas, sendo estes os números máis baixos da última década na nosa comunidade. Así o destacou este mediodía a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa comparecencia parlamentaria, a petición propia, para informar dos resultados do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia unha vez finalizada a tempada de alto risco deste ano.

“Estes son os datos do traballo ben feito”, remarcou a conselleira, quen engadiu que este esforzo “merece non só o recoñecemento da Xunta e do partido que goberna, senón de todo o Parlamento de xeito unánime”.

A titular de Medio Rural comezou a súa intervención valorando e agradecendo o labor do persoal enviado pola Xunta para apoiar os damnificados da DINA en Valencia. Así, subliñou que 80 dos 200 efectivos desprazados forman parte do Servizo de Prevención e defensa contra incendios forestais (SPIF) e tamén que a Consellería do Medio Rural mobilizou tamén trinta vehículos todoterreo, seis motobombas, unha pa, dous tractores, un remolque e dúas nodrizas para estas tarefas.

Datos por provincias

En relación co balance de lumes propiamente dito, María José Gómez debullou os datos por superficie rasa e arborada afectada, así como por provincias. Desta forma, trasladou que o territorio provincial con máis rexistros no referido período de xaneiro a outubro foi o de Ourense, con 37 incendios e 898 hectáreas ardidas; seguido de Pontevedra, con 31 lumes e 700 ha; Lugo, con 21 incendios e 321 ha e A Coruña, con 16 incendios e 212 ha afectadas.

No que atinxe ao período de alto risco (entre xullo e setembro), a conselleira incidiu en que o número de incendios foi o máis baixo da serie histórica, con 71 en total no conxunto de Galicia e 1.407 hectáreas ardidas. Salientou tamén a progresión descendente rexistrada neste período nos últimos anos, xa que nos últimos cinco anos pasouse de algo máis de mil incendios a practicamente a metade (521 rexistros, contemplando tamén conatos e queimas) e de preto de 14.000 hectáreas afectadas a menos de 2.000). Todo isto, subliñou Gómez, malia terse rexistrado un verán cualificado como seco con respecto á serie histórica dos últimos 30 anos.

Sobre os incendios rexistrados en outubro ou mesmo en novembro, a conselleira mencionou tres factores que inflúen directamente neles, como son a evolución da situación climatolóxica, que fai que estes meses sexan máis cálidos do habitual, a desestacionalización dos lumes e a intencionalidade. En todo caso, sinalou que, malia estas circunstancias adversas, os plans e o persoal de incendios funcionaron “coa maior das dilixencias” e fixo especial fincapé na redución dos tempos de reacción que se vén rexistrando nos últimos anos.

En relación coa eficacia do dispositivo, Gómez remarcou que pivota sobre catro elementos fundamentais, os medios humanos, os de carácter técnico, as infraestruturas e as medidas de prevención. Do primeiro eixo, o factor humano, a conselleira destacou o compromiso da Xunta a prol da súa estabilidade laboral, de tal forma que neste 2024 dous terzos dos profesionais xa traballan ao longo de 12 meses e un terzo fixérono este ano durante sete meses, en 2025 serán oito e chegarase aos nove meses no 2026. Fixo énfase tamén na formación, cun plan específico que no período 2025-2028 contará cun orzamento de cerca de 1 millón de euros cada ano.

Medios técnicos

Con respecto aos medios técnicos, a titular de Medio Rural incidiu especialmente no Centro de Coordinación Central de defensa contra incendios forestais, que cualificou como único en España e que está dotado coas últimas tecnoloxías e deseñado en función das necesidades que ían aparecendo con cada lume. Entre todas esas melloras, salientou os sistemas de vídeovixilancia, con 187 cámaras que dan cobertura a máis do 85% da superficie forestal da comunidade galega.

No apartado de infraestruturas, a conselleira fixo mención particular a bases aéreas como a de Verín-Oímbra, que entrou en servizo este ano, así como ao reforzo das de Muíños, Antela, Támega e O Barco de Valdeorras ou ás futuras instalacións de Lalín. Tamén salientou as Bases das Unidades Operativas coñecidas como BUOS, sinalando que este ano destináronse 1,5 millóns de euros para as de Mondoñedo, Muíños e Rianxo e que en 2025 chegaralle a quenda á de Bande, que conta cun investimento de 800.000 euros.

No que atinxe á prevención, Gómez referiuse ao plan específico para impulsar estes labores que se integra no Pladiga. Nesta liña, destacou que, de cara ao 2025, a Xunta incrementará a contía destinada a prevención ata os 50,5 millóns de euros, con outros 39 millóns para extinción. Valorou ademais que por riba do 90% dos concellos galegos, “de todas as cores políticas”, están adheridos ao convenio de protección das aldeas asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga.

No mesmo ámbito da prevención, a conselleira subliñou os esforzos en medidas complementarias, como son as ferramentas de mobilización da Lei de recuperación da terra agraria, o Banco de terras, os pasteiros ou mesmo o Inventario Forestal Continuo de Galicia.

R., 2024-12-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (wos-festival-2025.jpg) A novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reunirá 26 proxectos de música electrónica e experimental contemporánea, con propostas que transitan pola composición electroacústica, a música de club, a improvisación, a performance audiovisual e diferentes formatos híbridos. A programación destaca ademais pola súa dimensión internacional e polo carácter inédito de boa parte das propostas. Así, 13 dos 26 proxectos da programación principal chegarán a Santiago sendo estreas en España. Entre eles figura a presentación mundial do novo concerto audiovisual de Blood of Aza.
Foto de la tercera plana (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.

Notas

Charo Lopes (Boiro, 1988) é a gañadora do XXIII Premio González Garcés de Poesía, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra 'O diálogo das siamesas', presentada baixo o seudónimo de María Dolores Oliveira. Charo Lopes é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (2010), titulada superior en Fotografía Artística pola ESAD Antonio Faílde (2012) e Máster en Literatura, Cultura e Diversidade pola Universidade da Coruña (2018).
Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES