Notas de prensa

Un estudo da USC ve a soidade como o factor que máis inflúe na satisfacción das persoas maiores coas súas vidas

A soidade, cun impacto tanto directo, como indirecto reducindo a autoestima dos individuos, sería o factor que máis inflúe na satisfacción das persoas maiores coas súas vidas, segundo conclúe un estudo dos investigadores da USC Sara Rey Beiro e Fidel Martínez-Roget, do Departamento de Economía Aplicada e ECOBAS, que acaba de publicar a revista ‘Heliyon’ (Elsevier).

O artigo, titulado ‘Rural-urban differences in older adults’ life satisfaction and its determining factors’, apoiouse nun traballo de campo desenvolvido en tres municipios da provincia da Coruña -Mazaricos, Outes e Santiago de Compostela- e tiña como principal obxectivo analizar o impacto do contorno de residencia, rural ou urbano, na satisfacción das persoas maiores coas súas vidas.

Así, a investigación analiza as relacións entre a soidade, a autoestima e a satisfacción coa vida poñendo o foco no contorno de residencia, rural ou urbano, das persoas maiores e mostra que a satisfacción coa vida deste colectivo depende de xeito significativo (e negativo) da soidade; ao mesmo tempo, a soidade impacta tamén negativamente na autoestima. Pola contra, a autoestima ten unha influencia significativa (e positiva) na satisfacción coa vida. A autoestima non só incrementa a satisfacción coa vida, senón que reduce o impacto negativo provocado sobre a mesma pola soidade.

O traballo pon de manifesto que o lugar onde viven as persoas maiores ten un efecto significativo sobre as relacións entre a soidade, a autoestima e a satisfacción coa vida. As relacións son máis fortes no grupo de maiores que residen na cidade. Estes resultados poden explicarse en parte polos lixeiramente maiores niveis de soidade manifestados polas persoas maiores residentes no entorno urbano. Obsérvase, polo tanto, que non é o mesmo vivir só que a soidade non desexada e que para unha persoa maior vivir nun contorno urbano e rodeada de moita xente, non ten por que ser sinónimo de menor soidade. No caso dos residentes na cidade da mostra, a autoestima contribúe a mitigar o impacto negativo da soidade sobre a satisfacción coa vida.

A maior parte dos países da nosa contorna rexistraron importantes cambios nas súas estruturas demográficas que levaron a que as persoas maiores teñan cada vez máis peso nas sociedades actuais. Atendendo aos datos de Eurostat para o 2023, na Unión Europea as persoas de 65 e máis anos representan máis dun 21% do conxunto da poboación. En España dúas de cada dez persoas teñen máis de 64 anos, pero no caso de Galicia son case tres de cada dez as que están na idade de xubilación. Salvo un cambio brusco nas correntes migratorias, dado o reparto da poboación por idades na actualidade, e o comportamento da fecundidade, este proceso non só vai continuar, senón que se acentuará nos próximos anos.

Ademais da evolución dos nacementos, a este proceso de envellecemento da poboación contribuíu dun xeito importante a redución da mortalidade en todas as idades e o consecuente incremento da esperanza de vida. Que unha persoa que nace hoxe en día teña unha probabilidade moi elevada de chegar á idade de xubilación, pasando por todas as etapas vitais, pode considerarse un auténtico logro das sociedades actuais. España, cunhas expectativas de vida de 84 anos é o país da UE27 cunha maior esperanza de vida ao nacemento, por enriba de países como Italia ou Francia, e case tres anos superior aos promedios europeos.

En calquera caso, e seguindo o slogan das Nacións Unidas, unha vez engadidos anos á vida, trátase de engadir vida aos anos. Aínda que os ritmos poden ser diferentes, o envellecemento da poboación é un fenómeno global e un dos maiores retos aos que se enfrontan os países a hora de manter os estándares de benestar dos seus cidadáns. Polo tanto, en sociedades envellecidas e nas que as persoas adultas maiores desempeñarán cada vez un papel máis importante dende o punto de vista social e dende a perspectiva económica, as persoas responsables da toma de decisións deben ter como prioridade garantir o benestar e as condicións de vida deste grupo de poboación.

O lugar de residencia condiciona as oportunidades, as posibilidades económicas, a oferta de servizos e, polo tanto, tamén a calidade de vida. En comparación coas zonas rurais, as áreas urbanas ofrecen vantaxes como unha maior dispoñibilidade de transporte público, maiores opcións de vivenda ou unha oferta máis ampla de servizos públicos. Pola contra, as zonas rurais ofrecen vantaxes para as persoas maiores como un mellor medio natural, menos contaminación ou máis espazos verdes para pasear e facer exercicio. Hai estudos que conclúen ademais, que as zonas rurais posúen un maior capital social e maiores niveis de conexión comunitaria. Pola contra, as oportunidades de emprego, educativas, ou os ingresos soen ser menores no rural.

A pesar da posible influencia do contorno de residencia na calidade de vida das persoas maiores, ata hai moi pouco os aspectos xeográficos recibiron escasa atención na literatura científica. Ademais, os resultados da investigación non lograron concluír se o benestar subxectivo das persoas residentes en áreas rurais é mellor ou peor que os que viven en áreas urbanas, ou viceversa. Este traballo contribúe a encher ese baleiro ao analizar dun xeito estrutural os factores que condicionan a satisfacción coa vida das persoas maiores e as diferenzas rural-urbanas.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-05-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (wos-festival-2025.jpg) A novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reunirá 26 proxectos de música electrónica e experimental contemporánea, con propostas que transitan pola composición electroacústica, a música de club, a improvisación, a performance audiovisual e diferentes formatos híbridos. A programación destaca ademais pola súa dimensión internacional e polo carácter inédito de boa parte das propostas. Así, 13 dos 26 proxectos da programación principal chegarán a Santiago sendo estreas en España. Entre eles figura a presentación mundial do novo concerto audiovisual de Blood of Aza.
Foto de la tercera plana (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.

Notas

Charo Lopes (Boiro, 1988) é a gañadora do XXIII Premio González Garcés de Poesía, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra 'O diálogo das siamesas', presentada baixo o seudónimo de María Dolores Oliveira. Charo Lopes é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (2010), titulada superior en Fotografía Artística pola ESAD Antonio Faílde (2012) e Máster en Literatura, Cultura e Diversidade pola Universidade da Coruña (2018).
Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES