//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A nova edición do ciclo musical Música no Camiño levará á praza de Praterías de Santiago de Compostela 20 actuacións musicais ata o mes de agosto, a cargo de diferentes bandas populares galegas para difundir a cultura xacobea e reforzar o papel da cidade como meta do Camiño de Santiago. Como en cada edición, Música no Camiño desenvólvese con concertos gratuítos abertos ao público en xeral, especialmente dirixidos aos peregrinos que chegan á etapa final do Camiño de Santiago. Os repertorios incluirán obras populares galegas, música contemporánea para banda e adaptacións de música moderna.
A Cidade da Cultura de Galicia festexará o Día Internacional da Música, que se celebra o 21 de xuño, cun concerto da mítica banda galega Os Resentidos, na Praza Central do Gaiás, nunha actuación de entrada libre e de balde. Os Resentidos teñen no seu haber un currículo de máis 30 anos de carreira musical que lles deron para publicar sete LPs, un EP compartido con Siniestro Total, un recompilatorio e conseguir o fito de situar como gran hit en España un tema en galego, Fai un sol de carallo, nunha época (1986) en que eran moi poucos grupos en Galicia que cantaban no noso idioma.
Hoxe foi presentado no Instituto Antonio Fraguas de Santiago de Compostela o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Ao acto asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, en representación da Xunta de Galicia; o director do Instituto Antonio Fraguas, Carlos Encisa; o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez; Carolina Martínez en representación da familia de Antonio Fraguas, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz. Este proxecto está composto polo libro Os nove anos de Fraguas en Lugo, unha exposición itinerante, composta por doce paneis e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos do libro.
As obras formarán parte de 'Galicia, un relato no mundo', a primeira gran mostra internacional da programación do Xacobeo 21, que se inaugurará o próximo novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. O Liber Sancti Iacobi do Vaticano é, xunto ao orixinal de Santiago, un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, o que permite observar detalles gráficos perdidos no orixinal compostelano, como é o propio rostro do emperador Carlomagno. Na Idade Media, realizáronse en Compostela diversas reproducións do Códice Calixtino co ánimo de propagar por toda Europa o culto e a peregrinación a Santiago, chegando a importantes centros de culto e intelectuais da época ao longo do continente.
Odaiko e Compañía N+1 protagonizan as dúas estreas absolutas de Galicia Escena PRO, que poderán verse mañá en Santiago dentro do programa de exhibición da sétima edición do mercado galego das artes escénicas. A formación madrileña Rotura Producciones e as galegas La Macana e A Quinta do Cuadrante completan a carteleira da terceira xornada deste encontro, que organizan a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a asociación empresarial Escena Galega. A xornada rematará na sala Riquela Club coa terceira e última Noitescena PRO, que ofrece un programa musical sorpresa do que poderán gozar todos os acreditados.
O mercado Galicia Escena PRO desenvolverá mañá a segunda das súas catro xornadas de actividade coa incorporación ao programa dos Cafescena, deseñados co obxectivo de propiciar as conversas e o intercambio profesional entre os máis de 150 axentes culturais inscritos este ano. Esta é unha das novas iniciativas de networking deste evento, que se celebra en Santiago ata o vindeiro xoves. O Hotel Costa Vella será o escenario onde se lles servirán aos asistentes estes Cafescena, durante os que se abordarán diferentes cuestións que lle afectan directamente ao sector. Baixo o título Os protocolos necesarios para a exhibición de teatro para a infancia e a xuventude, no de mañá analizaranse as prácticas promovidas pola asociación Te Veo.
O programa deste ano articúlase arredor da exhibición dos 20 espectáculos en cartel, entre os que se atopan dúas estreas absolutas e outras dúas montaxes de teatro de rúa, e unha programación exclusivamente profesional que inclúe unha sesión de pitching de proxectos e varios momentos pensados especificamente para favorecer o networking, como os novos Cafescena e Noitescena PRO. E como en anos anteriores, o público terá a oportunidade de gozar destas propostas de xeito gratuíto. Ademais, este ano Galicia Escena PRO farase sentir nas rúas coa representación de OhLimpiadas!, da compañía galega Sincronacidas, na praza de Cervantes, e de Femmes, da vasca Hortzmuga Teatroa, na Quintana.
Tivo lugar en Tui o concerto da sétima edición de No Bico un Cantar no que preto de 560 rapazas e rapaces acompañados duns 50 docentes lle renderon homenaxe á tradición musical da Raia. A vindeira edición renderá homenaxe á Xeración Nós e terá lugar na provincia de Ourense. O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repetiu como responsable artístico do proxecto. Canda el, tamén volveu participar o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos, ao que se incorporou un músico para conformar un sexteto. Como mantedora do programa a estivo outro ano máis a escritora Rosa Aneiros. No recital participaron alumnas e alumnos dos 7 conservatorios profesionais de Galicia.
Os galegos Davide Salvado e Fernando Barroso actúan este sábado 8 no encontro SoL Madrid, evento profesional arredor do negocio da música que arranca hoxe na capital de España. Ambos ofrecerán cadanseu showcase no Impact Hub Piamonte, onde se presentarán baixo a marca GalicianTunes On Tour diante dun exclusivo grupo de programadores de festivais, axencias de contratación e medios de comunicación de 11 países: Arxentina, Chile, Colombia, Corea, Emiratos Árabes, EE.UU., Holanda, México, Noruega, Reino Unido e Suíza. Definido pola organización como evento boutique, SoL Madrid inaugúrase esta noite no Costello Club e a súa actividade continuará ata o sábado en diferentes espazos da cidade.
O Teatro Colón da Coruña acolle este sábado a estrea do espectáculo de danza Maestro Rodrigo, promovido pola Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo coa colaboración do Centro Coreográfico Galego (CCG) e do Concello da Coruña. Nesta obra os estilos neoclásico e contemporáneo conviven á hora de ofrecerlle ao público un percorrido pola traxectoria vital e profesional de Joaquín Rodrigo como historia de superación. Baixo o subtítulo 'O neno que soñaba a música', o espectáculo preséntase como unha narración ilustrada por medio da danza e de numerosos fragmentos das obras do autor de Concierto de Aranjuez. A montaxe aborda a vida de Rodrigo desde a súa infancia en Sagunto ata o seu regreso a España tras a Guerra Civil.
Este sábado, no Paseo dos Soños de Vilalba vaise erixir o Hectómetro Literario correspondente a Alfonso Blanco Torrado, crego e promotor cultural, que desde a súa chegada de Ponteceso a Guitiriz hai máis de corenta anos, revolucionou a cultura da Terra Chá, dando vida a incontables iniciativas entre as que destaca con luz propia o Festival de Pardiñas. Intervirán persoeiros das letras e da cultura, xente de Xermolos, a alcaldesa de Guitiriz e o Alcalde de Vilalba, o gaiteiro Raul Galego e o cantautor Miro Casabella.
O vindeiro venres, 8 de febreiro, a partir das 20 horas terá lugar a presentación do libro Campos de Batalla, de Sonia Arias López no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba. Presentación que está organizada por Culturalia GZ en colaboración co Concello de Vilalba.
A Exposición CROMATOPÍA desenvólvese coma un relato emocional no que o escenario de cor-espazo provoca que poidan coexistir distintos cronotopos que se artellan e relacionan na trama textual e cromática, creando unha atmósfera especial e un determinado efecto nas emocións dentro dun diálogo entre a obra e o espectador. Destaca a busca da artista orientándose cara a novas dimensións emotivas e concenptuais, afastándoa da realidade sen deixar de concebila.
O concello de Ortigueira presentou en FITUR o Festival do Mundo Celta, acompañados por Nava Castro, directora da Axencia Turismo de Galicia. A cita de 2019, que chega ao seu 41º aniversario, celebrarase do 11 al 14 de julio. O acto tivo lugar no stand de Galicia 9C07 da Feira Internacional de Turismo (Madrid). Nel presentouse o cartel oficial do festival, o avance da programación 2019 e proxectouse o vídeo resumo da edición anterior.
A adolescencia e o seu mundo protagonizan 'Los pavos trufados', a última obra do escritor, filólogo e xornalista coruñés Vicente Araguas, un libro de relatos Casa de Galicia en Madrid. Nel Araguas recupera a adolescencia, esa idade do pavo segundo o termo tan cruel. Con 'Los pavos trufados', Vicente Araguas regresa á publicación de relatos para facer unha literaria homenaxe á adolescencia e ao seu mundo
A banda liderada por Bieito Romero gravou en outubro de 2017 este novo traballo discográfico no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense), que ten como obxectivo poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio. Inclúe 26 temas que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías para «lembrar e poñer en valor todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra», en palabras de Bieito Romero.
A Fundación Cidade da Cultura de Galicia presentou o Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, unha actividade pensada para axudar a desenvolver o talento de novos valores na literatura galega. Os participantes no curso aprenderán da man de escritores e escritoras galegas de éxito e co apoio dunha axencia literaria profesional, Rolling Words, que lles brindará a súa experiencia no mundo da edición e mesmo servirá de ponte ao profesionalismo para aqueles cun desempeño sobresaínte.
O Festival Noroeste Estrella Galicia continúa coa súa programación prolongada ao longo de todo o ano grazas á Selección Noroeste, o seu ciclo de directos singulares para padais exquisitos, que regresa neste comezo de 2019 con tres novos concertos para gozar das mellores bandas e artistas desde o patio de butacas.
Artistas, público, editoriais, institucións e librarías daranse cita a vindeira fin de semana na Feira de Edición e Libro Ilustrado (FëLiiC) e os encontros Open Miic que a Deputación da Coruña organiza como actividades paralelas á Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea en Santiago de Compostela.
O profesor ad honorem na Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC Max Jean Zins abordará este martes 22 de xaneiro, a partir das 20.00 horas, a situación xeopolítica do subcontinente indio a no marco xornada de clausura do ciclo Unha viaxe por España a través da India, un programa de relatorios a través do que Max Jean Zins afondou sobre as semellanzas advertidas entre estes dous países, ao tempo que tratou outras problemáticas análogas en ambos territorios.