//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Escenas do cambio o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura encara xa a súa segunda e derradeira semana da edición de 2020 coa representación de cinco pezas, entre as que se atopa o relato contado, cantado e bailado dunha sobrevivente do xenocidio de Ruanda e un xuízo real ao personaxe literario Hamlet para o que se contará cun xuíz, fiscal e psiquiatra en activo e no que os espectadores exercerán de xurado popular. O festival desprazarase ao casco histórico de Santiago para estrear en España e no Teatro Principal de Compostela Samedi Détente. Trátase dun relato en primeira persoa de Dorothée Munyaneza sobre o asasinato de 800.000 tutsis, cometido en Ruanda a medidos dos anos 90 polo goberno hexemónico hutu.
O Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que se desenvolve ata o 8 de febreiro nesta localidade francesa, marca o inicio da difusión da nova edición do catálogo Shorts from Galicia que, como cada ano, edítase co obxectivo de promover a recente produción galega. Os seis títulos que lle dan forma á súa escolma de 2020 son '16 de decembro', de Álvaro Gago; 'Irmandade', de Helena Girón e Samuel M. Delgado; 'Todo el mundo se parece de lejos', de Rafa de los Arcos; 'Unidade veciñal', de Tono Mejuto e os traballos de animación 'Brotar', de Montse Piñeiro e Rubén Abad e 'Homomaquia', de David Fidalgo Omil.
'Xacobeo en Camiño' é unha iniciativa pioneira que permitirá levar a programación do Xacobeo 2021 a todas as grandes vilas e cabeceiras de comarca e na que se agarda a participación de máis de 400.000 persoas. Neste marco, levaranse a cabo más de 1000 actividades deseñadas para o público infantil e familiar que inclúen iniciativas no ámbito da música, das artes escénicas e da enogastronomía, así como exposicións e obradoiros. Este programa está construído a través dun modelo de xestión cultural de vangarda, dialogado co ecosistema cultural de cada vila e baseado na descentralización, na participación e na sustentabilidade.
Escenas do cambio -o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura- arrancou no Gaiás con Relay, unha performance da prestixiosa coreógrafa Ula Sickle en defensa dos dereitos das mulleres. Gabada pola crítica internacional, foi a primeira vez que puido verse en España esta peza inspirada nas mediáticas e multitudinarias marchas negras de 2016, cando centos de milleiros de mulleres polacas saíron á rúa para rebelarse contras as medidas sexistas do goberno polaco. Por este motivo, a artista polaca-canadense realizou nesta peza unha coreografía colectiva baseada en portear e ondear durante máis de catro horas unha bandeira negra xigante. A obra procurou representar dun xeito simbólico os colectivos e comunidades que senten que deben estar a alerta loitando para que os seus dereitos sexan respectados.
A Rede Galega de Música ao Vivo desenvolverá a súa programación de 2020 en vinte salas privadas de toda Galicia como resultado da convocatoria de admisión posta en marcha a finais do ano pasado pola Agadic. As propias salas serán as encargadas de configurar as súas respectivas carteleiras ao abeiro deste circuíto de música en directo. Na relación de locais participantes figuran catro novas incorporacións á Rede Galega de Música ao Vivo respecto a 2019: Aturuxo de Bueu, Sala Ruído de Ferrol, Sete Flores do Carballiño e Auriense de Ourense. Neste circuíto, promovido pola Xunta en colaboración coas asociacións Clubtura e Músicas ao vivo, ten cabida unha ampla variedade de estilos musicais, cun gran protagonismo dos grupos galegos.
As imaxes que conforman a mostra foron elaboradas pola ilustradora Pepa Prieto Puy e fan un percorrido pola vida e obra de Fernández Mazas. Deste xeito, retrata a súa vida como escritor, ilustrador, humorista e pintor. A exposición será dixitalizada e incorporada como visita virtual á web da Biblioteca de Galicia. Coa dedicación deste Día da Ilustración, Cándido Fernández Mazas súmase á lista de autores homenaxeados na que figuran xa Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Federico Ribas Montenegro. Signos dunha quimera enmárcase na programación do Día da Ilustración, que inclúe unha vintena de actividades nas bibliotecas públicas galegas co obxectivo de lembrar e reivindicar o papel de todos os profesionais da ilustración.
O Altantic Emprende + Gaiás abre por terceiro ano consecutivo un espazo para o encontro, o debate e a formación de profesionais, estudantes, emprendedores e empresas da industria musical. O evento, que terá lugar o 29 de febreiro na Cidade da Cultura, abrirá cun faladoiro con Brett Anderson vocalista da banda Suede, ao que seguirán as conferencias do deseñador Javier Mariscal e Alba Barneda, a directora de produción de CANADA, a axencia barcelonesa da que saíron icónicos videoclips musicais como o Malamente de Rosalía. Este evento forma parte da programación que impulsa a Cidade da Cultura para promover a cultura emprendedora no eido das industrias creativas galegas.
Escenas do cambio -o Festival de inverno, de teatro, danza e arte en acción- arranca este venres cunha programación que permitirá gozar durante esta fin de semana no Gaiás de cinco pezas que xiran ao redor da danza contemporánea e das linguaxes do corpo. O certame reunirá nestes tres días en Compostela a figuras internacionais tan relevantes como Ezster Salamon, Ula Sickle ou Leonor Leal e a creadores emerxentes galegos como Los Bravú ou Pálido Domingo. A polaca-canadensa Ula Sickle, unha das figuras de danza extrema contemporánea actual, abrirá o festival o venres 31 con Relay, unha peza que pon o foco na resistencia das mulleres na loita para defender e conservar os seus dereitos.
Esta nova programación estrutúrase inicialmente arredor de 13 ciclos e de oito semanas de cine. Promovidos pola Federación de Cineclubes a partir dunha temática ou estilo determinados, a carteleira de cada un dos ciclos será seleccionada polos centros participantes a partir do catálogo proposto. No caso das semanas de cine, a organización corre a cargo dos propios cineclubs que, xunto coas proxeccións, desenvolven diferentes actividades paralelas como debates, obradoiros e exposicións. Participarán os cineclubs de Bueu, Cangas de Morrazo, Poleiro de Goián, Valle Inclán de Lugo, Liceo de Noia, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Padre Feijoo de Ourense, Val Miñor Alice Guy de Nigrán, Pontevedra, A Lanterna de Viana do Bolo, Lumière de Vigo e Adega de Vilagarcía de Arousa.
A Deputación da Coruña entregou hoxe trece premios que recoñecen obras e proxectos en distintos ámbitos da cultura, desde a literatura até as artes plásticas e visuais pasando pola música ou a promoción da lingua e a igualdade. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, presidiron o acto de entrega ás persoas gañadoras dos certames culturais. Co mar da Coruña de fondo, o acto congregou a máis de cen persoas nun auditorio composto por premiados e premiadas ademais de membros dos distintos xurados que participaron no acto de entrega das trece categorías que congregaron representantes dos principais ámbitos culturais, homenaxes tamén ás figuras da nosa cultura das que levan nome.
O vindeiro 15 de outubro, inaugurase na Fundación Eugenio Granell unha exposición de retratos realizados polo artista surrealista, 'Homenaxe a Amparo. Retratos de compañeiros no exilio e outros'. A exposición iniciase na Sala Amparo do segundo andar do Museo Granell. O pintor, autodidacta, mostra que non só triunfou no surrealismo senón que, igualmente, tiña un ollo incríble a hora de retratar a Amparo, a súa musa, así como a varios dos seus amigos do exilio.
Comeza unha nova Tempada de Teatro de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e faino coa obra de Valle-Inclán 'Divinas palabras', adaptada e dirixida por José Carlos Plaza, e cun elenco conformado por María Adánez, Ana Marzoa, Javier Bermejo, Alberto Berzal, María Heredia, Chema León ou Diana Palazón, entre outros. O texto é a culminación do ciclo mítico de Valle-Inclán cunha estética moi próxima aos esperpentos.
O pròximo 18 de outubro, a Sociedade Filarmónica de Lugo dará comezo á que será a súa tempada de concertos número 73; tempadas que veñen sucedendo de forma ininterrompida desde o ano 1947, alcanzando xa nesta os 700 concertos cos máis recoñecidos músicos e agrupacións de todo o mundo. Doce concertos programados de outubro a maio con orquestras, solistas e agrupacións de cámara de primeira fila traerán á nosa cidade a mellor música.
O vindeiro mércores, 9 de outubro, ás 20 horas terá lugar a presentación do libro Co pai, un conxunto de lembranzas que o autor de Mermorias dun neno labrego deixou escritas antes do seu pasamento, acontecido en 2015, nas que rememora experiencias, traballos e reflexións artelladas arredor da figura do seu pai. Trátase dun libro de carácter memorialístico, do que cómpre salientar a singular prosa poética do seu autor.
O sábado 26 no Casa da Cultura do Concello de Vilalba, a Irmandade Manuel María e a Asoc C. Xermolos, organizan o acto de nomeamento de #ChairegoDeHonra 2019 a Iago Santalla. Intervirán Alfonso Blanco Torrado, Xulio Cuba, Manuel Rivero, Ricardo P. Santalla, Baldomero Iglesias (Mero), Xulio Xiz e o propio Iago Pérez Santalla, nun acto presentado por David Otero Fernandez.
O novo Festival Ateneo Barroco, organizado polo Ateneo de Santiago co patrocinio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago e a colaboración da Universidade de Santiago, chega á súa semana grande de actividades con cinco concertos e unha conferencia que terán lugar en distintos espazos do casco vello santiagués entre o 7 e o 12 de outubro.
O I+P Ideas para producir xa ten confirmada, ata o momento, a participación de máis de 10 canles de televisións, distribuidoras e produtoras de toda España en busca de novas ideas e produtos audiovisuais, neste evento que terá lugar os días 19 e 20 de novembro en Pontevedra, organizado polo Clúster Audiovisual Galego.
Coa súa obra "Amorodo agre", o escritor e profesor Fernando Castro Paredes converteuse en gañador do XIX Premio Teatro Rafael Dieste. O autor é profesor no IES Fernando Blanco de Cee, traballa no ámbito do teatro escolar e afeccionado e gañou, entre outros, o Varela Buxán e Vidal Bolaño de textos teatrais. O xurado destaca a "elaborada construción dramática, concretada en varios aspectos que van desde un arranque impactante que consegue manter a emoción e o interese ao longo de toda a peza".
Coma ven sendo habitual, os organizadores do Galician Freaky Film Festival presentaron esta mañá o cartel do evento ós pes do Dinoseto para obter a súa bendición. A segunda edición (tras unha edición 0 e máis a #1 Edition) busca manter os pilares sobre os que se cimenta o festival: gamberrismo, diversión e frikismo túzaro. A alma da Xeración Xabarín convertida en festa e culto cinematográfico ó gore, ó terror, á ciencia ficción, á fantasía e á serie B.
Como aperitivo da semana grande de concertos do novo festival Ateneo Barroco, comezamos coas actividades complementarias gratuítas. De vocación divulgativa e didáctica, estas actividades complementarias comezan con dúas sesións cinematográficas, comezando coa participación do arpista compostelán Manuel Vilas, creador dunha singular proposta en directo na que a arpa serve de vehículo de transporte para un travelling moi especial ao longo de 50 anos de historia do cinema.